Traductor

lunes, 28 de octubre de 2019

Ordenanzas fiscais da Marea Atlántica


A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a saír da pasividade e avanzar na xustiza fiscal na Coruña


 
Apostamos pola supresión do co-pagamento na axuda a domicilio, ampliar as rebaixas na auga, o lixo e o saneamento para as rendas máis baixas e bonificar o uso de composteiros

O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno do PSOE a saír da pasividade e modificar as ordenanzas fiscais do Concello para facelas máis xustas e progresivas, na liña seguida durante o mandato de Xulio Ferreiro e das propostas trasladadas ao actual goberno local o pasado 15 de outubro. Serán medidas que non dan fotos, pero que son moi necesarias nunha cidade na que a taxa de risco de pobreza sitúase no 21,1%. Así, propoñemos que Emalcsa garanta o mínimo vital de auga para todos os fogares, a eliminación do co-pagamento no Servizo de Axuda no Fogar,​ unha bonificación na taxa do lixo para os composteiros,​ a elaboración dun censo actualizado de vivendas baleiras e o reforzo da inspección tributaria. 

Solicitámoslle ao executivo local que asuma estas medidas para beneficiar ás persoas máis vulnerables, en lugar de prexudicalas como fixo coa xestión das bolsas comedor, os impagos da Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia e o peche do Centro Abeiro. E, para facer valer o peso da Coruña, instamos tamén a convocar canto antes o Pleno Extraordinario sobre os Orzamentos da Xunta, solicitado pola Marea Atlántica e o BNG. Mínimo vital e eliminación do copagamento
Deste xeito e como xa fixeron cidades como Cádiz, Córdoba e Sevilla, propoñemos que a ordenanza fiscal nº 5 garanta o Dereito Humano a Auga, recoñecido pola ONU, e explicite que toda a veciñanza da Coruña terá garantido o “mínimo vital” que a Organización Mundial da Saúde fixa en 100 litros por persoa e día. Supón consolidar a medida que o goberno da Marea Atlántica aprobou xa en 2015, para que non se lle corte a auga ás persoas en risco de exclusión, beneficiarias da RISGA ou a Renda Social Municipal. Ademais, propoñemos incrementar o número de persoas beneficiarias das bonificacións nas taxas da auga, o lixo e o saneamento, elevando os limiares de renda por debaixo dos cales as persoas se se poden acoller tanto á cota cero como á reducida. 

Tamén recollemos unha das nosas propostas electorais: a eliminación do co-pagamento na axuda a domicilio, na que xa hai moito traballo adiantado do goberno anterior. Este servizo é básico para que as persoas que se atopan nunha situación de dependencia poidan ter unha vida digna. Emprégano 1.400 persoas na nosa cidade, a maioría mulleres, e cunha renda media de menos de 980 euros ao mes. A Xunta obriga a cobrar polo Servizo de Axuda no Fogar, pero faino con decretos que invaden competencias municipais. Por 500.000 euros ao ano e unha modificación da ordenanza fiscal 18, o Concello podería suprimilo por completo. 
Ademais, por xustiza ambiental, propoñemos dar un primeiro paso cara á modificación da taxa do lixo para que pague máis quen máis residuos produce. A nosa proposta é que as persoas que instalen composteiros para os seus orgánicos, teñan unha bonificación entre un 25% e un 50% na ordenanza fiscal número 6. 
Para garantir o Dereito á Vivenda, xa no anterior mandato, incrementamos ao 50% (o máximo legal) o recargo para as vivendas baleiras, pero non pode aplicarse porque nin a Xunta nin o Estado cumpriron a súa obriga de regular que se considera unha vivenda baleira. Para afondar na necesidade de dar este paso, propoñemos elaborar un censo dos inmobles deshabitados na nosa cidade, dos que se calculan uns 18.000. E para ter a seguridade de que estes cambios chegan, pedimos un reforzo da inspección tributaria coa contratación de dúas persoas.  Continuar coas reformas do anterior mandato
Estas propostas buscan afondar no traballo realizado durante o goberno de Xulio Ferreiro, cando se introduciron varias reformas nos tributos municipais para facelos máis xustos e progresivos. Así, incrementouse ao máximo a bonificación do IBI para as vivendas protexidas (pasando de 5 a 7 anos) e baixóuselles tamén o imposto sobre construcións. Tamén se lle baixou o IBI ás familias numerosas (incorporando criterios de renda) e ás actividades pesqueiras, mentres se penalizou aos vehículos con maior potencia e máis contaminantes no IVTM, beneficiando aos eléctricos e híbridos. E como xa se indicou, baixouse a taxa da auga e garantiuse a cota cero para as persoas en situación de vulnerabilidade, entre outras medidas que se poden ver no documento adxunto.  



Proposta para a modificación de ordenanzas fiscais de 2020

Entre 2015 e 2019, o goberno municipal da Marea Atlántica impulsou unha importante reforma fiscal no Concello da Coruña, fundamentalmente dirixida a introducir unha maior progresividade e criterios, en xeral, de xustiza fiscal e ambiental. Estas son algunhas das modificacións que se levaron a cabo:
     Incremento do período de bonificación no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) das vivendas protexidas, pasando de cinco a sete anos.
     Nova bonificación do 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) das vivendas protexidas.
     Incremento do 25% ao máximo legal do 50% do recargo no IBI para as vivendas baleiras, pendente de aplicación por falta da preceptiva normativa autonómica e estatal.
     Rebaixa da taxa de auga   , tanto na cota fixa como nas cotas variables.
     Cota cero nas taxas de auga, depuración e lixo para persoas beneficiarias da RISGA, a Renda Social Municipal e prestacións análogas.
     Novas bonificacións nas taxas de auga, depuración e lixo, entre o 50% e o 75%, para unidades familiares con ingresos iguais ou inferiores ao IPREM ou a 1,5 veces o IPREM respectivamente.
     Incremento e homoxeneización do tipo do IBI para os Bens Inmobles de Características Especiais (BICES), con bonificacións para actividades pesqueiras, náuticas e congresuais, así como para a lonxa.
     Novas bonificacións no IBI, entre o 20% e o 90%, para familias numerosas, incorporando tamén criterios de renda.
     Nova bonificación do 70% no ICIO, até un máximo de 2.000 euros, para emprendedores con menos de 24 meses de actividade.
     Cota cero para traspasos, cesións e transmisións de titularidade de actividades e bonificación do 25% para actividades desenvolvidas en establecementos cunha superficie inferior aos 150 metros cadrados.
     Modificacións das tarifas do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para penalizar aqueles con maior potencia e ampliar as porcentaxes de bonificación até o máximo legal para os eléctricos e os que empregan os combustibles menos contaminantes.
Coas limitacións derivadas do apretado calendario que manexa o goberno local, no exercicio 2020 é preciso continuar con esta senda e profundar no carácter progresivo dos tributos locais, e consolidar así mesmo os criterios de xustiza fiscal e ambiental. Máis alá doutras reformas que se poidan considerar, como as que conduzan a un maior e máis flexible acceso da cidadanía ao espazo público e aos equipamentos municipais con fins non lucrativos, priorizamos as seguintes modificacións:       

Mínimo vital garantido e ampliación das bonificacións nas taxas de auga, depuración e lixo para as familias vulnerables

Propoñemos que a ordenanza fiscal nº 5 recoñeza explicitamente o “dereito humano á auga”, tal e como o fixeron tanto o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas en 2002 (“O dereito humano á auga é o dereito de todos a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico”) como a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2010. Así mesmo, propoñemos que se recoñeza explicitamente o “mínimo vital garantido” de 100 litros por persoa e día, segundo o recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). 
No pasado mandato, o goberno municipal da Marea Atlántica garantiu que non se lle cortase o subministro de auga a ninguén que, en situación de vulnerabilidade, non puidese pagalo. Trátase agora de dar un paso máis alá e consolidar este dereito, engadindo ademais maiores facilidades. Por exemplo, eliminando algún dos requisitos incluídos na ordenanza, de ser viable, como a esixencia de que a persoa sexa a titular do contrato e estea empadronada na vivenda correspondente. Cumpriría tamén elevar o umbral de renda para as unidades de convivencia que poderían acollerse á cota cero e ampliar tamén a poboación potencialmente beneficiaria das bonificacións.
Actualmente, a cota cero está limitada ás persoas beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou prestacións análogas, caso da Renda Social Municipal, mentres que as unidades de convivencia con ingresos iguais ou inferiores ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) reciben unha bonificación do 75% sobre a taxa e as que acaden 1,5 veces este indicador poden acollerse a unha do 50%. O IPREM está conxelado dende 2017 e moi distanciado xa, tras o incremento que entrou en vigor este ano (900 euros), do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
Á vista de que A Coruña presenta hoxe unha taxa de risco de pobreza ou exclusión social do 21,1% e de que, malia á mellora dos últimos anos (o peor dato da última década rexistrouse en 2014), máis de 11.300 fogares seguen a declarar dificultades para chegar a fin de mes, é necesario ampliar o alcance destas bonificacións incrementando os limiares de renda que corresponden a cada unha delas, tanto á cota cero como ás cotas reducidas, replicando ademais estes novos treitos nas taxas correspondentes á depuración e á recollida do lixo, tal e como se fixo no mandato anterior.
Así mesmo, no canto dunha rebaixa xeral da taxa de auga, que segue a ser superior ao custo efectivo do servizo, propoñemos que o excedente da diferenza entre custo e taxa se destinen unicamente á xestión integral do ciclo da auga e, excepcionalmente, no caso desta empresa pública, á vista do seu obxecto social e dos plans para a posta en marcha dun operador enerxético, a políticas contra o cambio climático e pola soberanía enerxética.

Eliminación do co-pagamento no Servizo de Axuda no Fogar

O da axuda a domicilio é un servizo de carácter esencial, básico e normalizador para as persoas que se atopan nunha situación de dependencia. Atende anualmente unha media de 1.400 persoas, catro de cada cinco cuns ingresos mensuais por debaixo dos 1.300 euros. A renda media das persoas que empregan este servizo ronda os 980 euros ao mes. Este dato é especialmente relevante no caso das mulleres, en tanto que as súas rendas son inferiores ás dos homes e constitúen o 73% das persoas usuarias. A todo isto habería que engadirlle os gastos adicionais que asumen as familias con persoas en situación de dependencia para cubrir as súas necesidades básicas.
Os decretos da Xunta de Galicia 99/2012 e 149/2013, que son os que regulan o co-pagamento, invaden competencias que corresponden ás entidades locais na creación e determinación de taxas, e ademais vulneran o principio de reserva legal en materia tributaria. Segundo a Lei de Facendas Locais, corresponde aos concellos, en exercicio da súa competencia, regular as taxas. Por tanto, propoñemos, en liña co traballo desenvolvido polo goberno municipal e a Asesoría Xurídica do Concello durante o pasado mandato, a modificación da ordenanza fiscal nº 18 para a completa supresión do co-pagamento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que tería un custo estimado de 500.000 euros anuais.

Primeiro paso cara ao pagamento por xeración de residuos

O modelo fiscal na recollida e o tratamento de residuos debera camiñar cara ao pagamento por xeración, é dicir, a primar no ámbito fiscal o esforzo cidadán, e por iso propoñemos a modificación da ordenanza fiscal nº 6 para incluír unha bonificación entre o 25% e o 50% para aqueles suxeitos pasivos que instalen composteiros individuais ou comunitarios, sexa a iniciativa propia ou en colaboración con algún programa municipal. Esta bonificación por autocompostaxe deberá validarse por comprobación dos técnicos do Concello da existencia do composteiro ou similar así como da súa utilización, tal e como se fai noutras cidades.
Trátase de afondar na perspectiva do residuo cero e ligar a taxa cos residuos que se producen, bonificar o comportamento colaborativo da cidadanía e reducir custos de xestión e de rexeites. Coa posta en marcha do novo contrato poderán abordarse novas modificacións na fiscalidade que vaian neste sentido. No caso da compostaxe caseira e comunitaria, a xestión da materia orgánica xa se produce in situ e evítase ter que transportala até a planta de tratamento, procesala e posteriormente eliminala como rexeite ou bioestabilizado, aforrándolle custos ao Concello.
O Concello iniciou en anos pasados a instalación de composteiros e ten unha listaxe de persoas usuarias. Aínda que de momento é un número reducido, as análises indican que se podería chegar a aproximadamente 1.500 composteiros individuais e ducias de proxectos de composteiros comunitarios. En ambos os dous casos, esta vía de xestión está recollida no contrato de recollida de lixo recentemente adxudicado e polo tanto non requirirá de orzamento a maiores.

Protección do dereito á vivenda

O da vivenda é un dereito ameazado. As dificultades de acceso a un teito son cada vez maiores para a maioría social, singularmente para a xente moza e as persoas en situación de vulnerabilidade. Urxe a implementación dun plan ambicioso de intervención no mercado da vivenda por parte do Concello da Coruña que se concrete debidamente nos orzamentos de 2020, e cómpre tamén afrontar o crecente impacto da vivenda de uso turístico antes de que sexa demasiado tarde, tanto no plano normativo como no fiscal.
No pasado mandato, as escasísimas capacidades progresivas e redistributivas do IBI foron practicamente esgotadas. Á espera de que se acometa dunha vez por todas, a nivel estatal, a reforma deste imposto, convén non obstante seguir a dar pasos. Nese sentido, propoñemos que se elabore un censo de vivendas baleiras, unhas 18.000, e se lle esixa á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a súa regulación, requisito indispensable para aplicar o recargo do 50% no IBI destes inmobles, que xa está en vigor na Coruña. En paralelo, poñemos sobre a mesa tamén a bonificación do 95% da cota do IBI para vivendas de aluguer social a prezo taxado e a asunción por parte do Concello do imposto correspondente ás de titularidade municipal.

Reforzo da inspección tributaria

A loita contra a fraude fiscal debera ser outra das prioridades na xestión municipal, e isto pasa necesariamente por reforzar a Unidade de Inspección de Tributos. O proxecto de orzamentos para 2019, que non puido ser aprobado pola oposición do PSOE e o PP no Pleno da Corporación, incluía dúas prazas adicionais para este fin no cadro de persoal. Propoñemos, por tanto, que se retome esta proposta nas contas de 2020.


No hay comentarios:

Publicar un comentario