Traductor

martes, 29 de octubre de 2019

Terceira edición do FESTI=


O Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa presentan a terceira edición do FESTI=

O Festival de Artes pola Inclusión Cultural é un punto de encontro para lle achegar a cultura sen barreiras a toda a cidadanía e poderá desfrutarse na cidade durante todo o mes de decembro




A Coruña, 28 de outubro de 2019.-. Esta mañá presentouse no consistorio a terceira edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural, FESTI=, unha iniciativa da Fundación Emalcsa desenvolvida co Concello da Coruña. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, foi a encargada de presentar o acto, que tamén contou coa actuación especial do músico Robert Pier, da Asociación Tres por Cuatro.

FESTI=, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Naturgy, Repsol, Fundación Banco Sabadell, Vegalsa-Eroski e a Fundación María José Jove, é un punto de encontro para que toda a cidadanía da Coruña teña a oportunidade de coñecer e gozar dunha cultura sen barreiras. O festival celebrarase durante todo o mes de novembro e rematará o 1 de decembro nunha xornada festiva no Centro Ágora.

FESTI= permite non só que as persoas diversas poidan acceder á cultura, senón tamén que sexan produtoras e formen parte desa cultura. “As entidades terán un espazo propio no que poderán facilitar información sobre o traballo que realizan día a día”, sinalou a concelleira e vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Yoya Neira, quen tamén asegurou que tanto o programa de cultura inclusiva como o Festi= “son unha prioridade para nós”.

A programación do Festival de Artes pola Inclusión Cultural, na que participan asociacións tanto culturais como sociais, abrangue dende obradoiros e rutas inclusivas ata concertos, teatro, audiovisuais ou exposicións, sempre desde un punto de vista inclusivo. Para anotarse aos obradoiros e ás rutas inclusivas, con límite de prazas, hai que dirixirse a  www.coruna.gal/igualdade/festigual.

Programación de FESTI=

O día 8 de novembro comeza a programación no Centro Ágora coa estrea da representación teatral “Construíndo Soños”, da Asociación Diversos, onde tamén presentarán o fotolibro “Buenos Aires”, que visibiliza  o proceso de traballo na comunidade e a historia do barrio da Sagrada Familia.

O xoves 14 de novembro, tamén no Centro Ágora, tócalle a quenda a La Quinta del Arte, coa proxección e mesa redonda sobre “La Gran Boda 2.0”, documental sobre a obra de teatro co mesmo nome con 70 actores con e sen discapacidade, estreada no festival Una Mirada Diferente do Centro Dramático Nacional (Madrid).

O mesmo día 14, antes da proxección, poderemos escoitar a Inés Enciso coa conferencia “Inclusion y artes escénicas”. Enciso é co-directora do festival Una mirada diferente, do Centro Dramático Nacional, galardoado co Premio Plena Inclusión 2015 e o Premio Especial de la Unión de Actores de Teatro. 

A semana seguinte, o xoves 21 de novembro, a Asociación Poten100mos inaugura cunha actuación a exposición de fotografía Taigeto, Sueños y Normalidad, proxecto de fotografía colectiva no que se amosa a normalidade, o que nos une, incidindo en que dentro de todas esas cousas que nos fan iguais, hai diferenzas que nos enriquecen. A exposición permanecerá aberta ata o 3 de decembro.

O xoves 28 de novembro a Asociación Tres por Cuatro e Robert Pier darán un concerto de Músicas inclusivas e participativas ás 20:00 h no auditorio do Centro Ágora. Músicas inclusivas e participativas é un proxecto no que colaboraron sete entidades sociais e catro grupos corais da Coruña.

Ademais, dúas exposicións estarán abertas durante o festival, Encajando a Seoane, dos Amigos do Museo de Belas Artes, que estará no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 17 de novembro, e a Exposición A Coruña Solidaria a cargo da Sociedade Filatélica da Coruña que poderá gozarse na Sala Municipal de Exposicións Salvador Madariaga ata o 8 de decembro.

Para rematar, o día 1 de decembro o Centro Ágora encherase de diversidade cunha tarde chea de cultura accesible dende as 16:00 ata as 20:00 h, cando se cerre a xornada coa actuación especial de De Vacas, concerto de balde para o que xa se poden retirar as entradas en Eventbrite.

A tarde comezará cun concerto da orquestra de cámara galega, dirixida por Rogelio Groba, de Demusicade. Tamén gozaremos do resultado dos obradoiros Deseñando Sons, Danza e movemento creativo, Terapia Cráneo-sacral, Pinchada DJ con valores e Capoeira Angola. Ademais, proxectarase “E voto porque me toca”, de Proxecto Máscaras e habilitarase un espazo para contadas pola diversidade, coa participación de Paula Carballeira, Avelino González, Atenea García e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario