Persoas con discapacidade representarán a obra teatral “Eu voto
porque me toca” este domingo no Centro Ágora
A
concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, presentou no
consistorio esta obra impulsada pola Asociación Proxecto Máscaras que trata a
reforma do dereito a voto das persoas con diversidade
A Coruña, 28 de
novembro de 2019.- A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya
Neira; o presidente da Asociación Proxecto Máscaras, Iago González, e varios
representantes desta entidade presentaron hoxe no pazo de
María Pita a obra de teatro “Eu voto porque me toca”, que
se representará este domingo ás 16.30 h no Centro Ágora da Coruña no marco do
Festigual.
Esta iniciativa está organizada pola Asociación Proxecto
Máscaras, unha entidade de carácter cultural que integra as persoas con
discapacidade a través do mundo audiovisual, e participan nela as asociacións
Aspronaga, Grumico, o colexio Calasancias, Amiga e Adcor, entre outras.
Neira agradeceulles a todas as entidades colaboradoras o
seu traballo e por “facer do seu día a día unha realidade da visibilidade” xa
que, asegurou, “é de agradecer que a través destes proxectos tan bonitos e do
ámbito da cultura se consiga a normalización e a visibilidade das persoas con
discapacidade” porque “estas asociacións ensínannos a que os retos son moito
máis fáciles cando un se pon a conseguilos”. A edila tamén lles lembrou a todas
as persoas asistentes que o vindeiro 3 de decembro “celebramos o Día
Internacional das Persoas con Discapacidade” e dixo do Festigual que se trata
dunha iniciativa que está crecendo e cuxos resultados “están sendo máis que
satisfactorios” polo que, explicou, “agardamos que se converta nunha referencia
cultural en España”.
Rey destaca a aposta de
Benigna
Peña por unha sanidade coruñesa de primeiro nivel
A alcaldesa, que foi
investida como Gran Maestre da Orde dos Cabaleiros de María Pita, impúxolle o
medallón de ouro como cabaleiro de honra á presidenta da Fundación San
Rafael
A Coruña, 28
de novembro de 2019.- A alcaldesa foi investida esta tarde como Gran
Maestre da Orde dos Cabaleiros de María Pita nun acto no salón de plenos no que
ela mesma nomeou como cabaleiro de honra da Orde a Benigna Peña, presidenta da
Fundación San Rafael, por toda unha traxectoria exemplar ao frente da
institución, formando parte activa dos proxectos do seu marido Rafael Hervada e
sendo responsable de Hércules Salud SA, a única firma galega de seguros en asistencia
sanitaria. A rexedora destacou a súa valía por crear a Fundación San Rafael e
recoller o legado do doutor co obxectivo de seguir apostando pola innovación en
proxectos biomédicos que “contribúan a ofrecer unha sanidade coruñesa de
primeiro nivel”.
Ademais, remarcou outro dos principios nos que se
fundou a institución como é o de axudar ás persoas desfavorecidas e colaborar
con outras entidades sociais. Rey recordou a pasada entrega do premio Rafael
Hervada na que os gañadores e gañadoras explicaron con paixón o seu proxecto,
“coa mesma paixón que levou a Benigna a presidir a fundación, a min a
representar esta cidade e a vós a seguirdes alimentando esta institución que a
piques está de cumprir os 30 anos de vida”.
A alcaldesa valorou as actividades que organiza a
Orde para que as coruñesas e coruñeses saiban da súa historia en eventos “que
celebrades con tanto mimo e respecto. Sei que entre os vosos propósitos está o
de impulsar o Camiño Inglés, que
é tamén o noso, e por iso, necesitamos da vosa colaboración para promocionalo e
poñelo en órbita”. Rey manifestou a intención do Goberno local de que no
vindeiro Xacobeo, a cidade sexa un punto importante nese peregrinar a Santiago
de Compostela.
Seguidamente, impúxolle a Benigna
Peña o medallón de ouro da institución, quen agradeceu que pensaran nela para
outorgarlle esta distinción.