A Coruña sitúase como a cidade cun maior crecemento turístico da
franxa noroeste
Poucos
destinos do Estado tiveron un incremento maior que o que obtivo este verán e
que supón unha mellora do 18,2%, segundo o balance realizado por Exceltur no
segundo cuadrimestre de 2019
A Coruña, 19 de novembro de 2019.-
A Coruña sitúase como líder na suba do crecemento turístico da zona norte,
segundo o Balance da rendibilidade e o emprego dos 105 principais destinos
turísticos españois urbanos e de vacacións que realizou Exceltur do segundo
cuadrimestre de 2019. O estudo revela un incremento do 18,2% do seu índice
RevPAR e sitúase como a cidade que máis subiu dentro da comunidade galega,
seguida de Lugo, cun aumento do 15,9%; Pontevedra, +11,6%; e Santiago de
Compostela, cun 6,8% máis dun valor que mide os ingresos por habitación
dispoñible. Da franxa noroeste do país, A Coruña é a que obtivo unha maior
demanda turística con respecto aos números anteriores. A súa suba é maior con
respecto a outras capitais como Santander, que ve incrementada a resposta
das/os visitantes nun 2,8%; San Sebastián, onde a rendibilidade sobe un 5,5% ou
Bilbao, que se vai ata un 8,7% máis. Deste xeito, lidera o RevPAR urbano
durante o verán con 157,6 euros por riba dos outros destinos de vacacións.
Esta tendencia á alza dáse tamén no resto do Estado,
onde a media do RevPAR aumenta un 10,6% e chega aos 85,2 euros. Isto vén da man
dun incremento do emprego do 4,6%, que supón 14.736 persoas en activo
máis.
Unha das razóns destes bos resultados socioeconómicos
está en que a poboación estranxeira se decantou este verán por achegarse ata a
península. En concreto, A Coruña recibiu un 14,2% máis de visitantes de fóra.
Neste punto, volve a estar mellor parada que as demais cidades de tamaño medio
como Bilbao (+7,4%), San Sebastián (+10,9%), Murcia (+12,5%) ou Granada
(+6,9%). O ascenso é maior que o que se produciu en
grandes cidades como Madrid, onde pernoctaron un 10,3% máis de persoas
estranxeiras, ou Barcelona, en que o fixeron un 6,5% máis. Valencia (+7,1%),
Sevilla (+5,7%) ou Málaga (+5,3%) confirman a boa posición da cidade no ránking
feito por Exceltur, que publica cada catro anos unha análise do comportamento
turístico das cidades. Na última realizada en 2016, A Coruña aparecía no posto
20 de 22 destinos, polo que todo fai prever que no seguinte, que sairá en 2020,
as estatísticas serán favorables para a urbe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario