Traductor

jueves, 28 de noviembre de 2019

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a mellorar o Servizo de Suxestións

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a mellorar o Servizo de Suxestións e Reclamacións continuando o traballo do anterior mandato

A concelleira Claudia Delso propuxo na Comisión do SYR a actualización do regulamento municipal e a mellora do sistema informático, para reducir a carga burocrática

Tamén é necesario poñer en marcha a app para notificar incidencias desde o móbil, aprobada nos Orzamentos Participativos e co deseño xa moi avanzado


A concelleira Claudia Delso instou hoxe, desde a Comisión de Suxestións e Reclamacións (SyR), a mellorar e actualizar este servizo para atender de xeito máis eficaz as demandas da veciñanza. A súa proposta é aproveitar o realizado no anterior mandato, mudar o regulamento municipal e mellorar as ferramentas informáticas que recollen as peticións cidadás, para axilizar os trámites e reducir ao mínimo a burocracia.  

“Tiñamos unha liña de traballo avanzada e avalada polos técnicos municipais, na liña de mellora que xa aplicamos no teléfono de atención á cidadanía 010, pero lamentablemente non foi posible levala a cabo porque a PP e PSOE se negaron a consideralo e preferiron bloquear. Neste mandato, coa Marea Atlántica facendo unha oposición responsable, é posible retomalo e sacar adiante un proxecto bo e necesario para a cidade e para as veciñas e veciños ”, explicou Delso. 
 
Doutra banda, a concelleira tamén lembrou que está pendente a posta en funcionamento dunha app​ para notificar incidencias, que lle permita á veciñanza dar aviso de danos no espazo público ou problemas de calquera tipo a través do seu teléfono móbil. Foi unha proposta aprobada nos Orzamentos Participativos, e o seu deseño quedou moi avanzado no servizo municipal de Innovación Tecnolóxica, polo que só precisa un último impulso para facerse realidade.  
 
En xeral, as propostas da Marea Atlántica contaron cunha recepción positiva de todos os grupos presentes na comisión, polo que animamos ao goberno de Inés Rey a apostar de xeito claro por mellorar estas vías de atención e participación cidadá. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario