Traductor

jueves, 28 de noviembre de 2019

Aprobación da segunda modificación urbanística do PXOM


O Goberno local aprobará a próxima semana a segunda modificación urbanística do
PXOM para facilitar os accesos á Intermodal

O concelleiro de Urbanismo, que inaugurou esta mañá nos Cantóns unha mostra que recolle as obras que optaron aos Premios San Telmo 2019, anunciou que están a analizar o novo convenio remitido pola Xunta para o proxecto da estación 


A Coruña, 28 de novembro de 2019.- O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou esta mañá que o Executivo dará luz verde a próxima semana en Xunta de Goberno á segunda das modificacións puntuais do PXOM requirida pola Xunta para facilitar a ordenación dos accesos á Estación Intermodal. A modificación, lembrou, realizarase no ámbito da avenida da Sardiñeira e completará toda a remodelación necesaria para garantir os accesos.
Tamén sinalou que a concellería está a estudar o convenio remitido pola Xunta para a construción da Intermodal, que inclúe novas modificacións. “Confío en que cheguemos a un acordo e os trámites da Intermodal sigan saíndo adiante”, explicou.
Villoslada realizou este anuncio durante o acto de inauguración esta mañá nos Cantóns dunha mostra que recolle as obras máis importantes da enxeñería civil de Galicia. A exposición, que se poderá ver ata o día 2 de decembro, inclúe os cinco proxectos que optaron á undécima edición dos Premios San Telmo 2019, que concede o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia e que este ano recaeu no saneamento de Vigo. Villoslada acompañou o decano do Colexio, Enrique Urcola Fernández Miranda, na inauguración, onde destacou que a mostra “pon en valor a importancia da enxeñería civil no desenvolvemento da Coruña e de Galicia”. Unha exposición, dixo, que serve para lle achegar proxectos de enorme relevancia á cidadanía e demostra que a enxeñería é “un tractor moi importante na creación de emprego e no desenvolvemento I+D”.

Pola súa banda, o decano agradeceu a colaboración do Concello e destacou que os premios non só valoran o aspecto técnico dos proxectos e a súa incidencia na vertebración do territorio, senón tamén o papel que xogan na mellora da calidade de vida da cidadanía no ámbito ambiental e socioeconómico.

O decano sinalou que a depuradora viguesa foi pioneira en España co seu sistema de hidrólise e é a primeira en Galicia en utilizar a auga tratada. "É unha depuradora totalmente cuberta, que non xera ningún tipo de contaminación nin de ruído nin de cheiros”, indicou.
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños quixo nesta undécima edición facer balance sobre a historia e proxección deste premio que pon en valor as obras de enxeñería civil en Galicia do novo milenio. Por iso incluíu tamén as obras gañadoras das dez edicións anteriores do Premio San Telmo, así como os seus accésits. A dita exposición conta cun total de dez paneis didácticos coa información máis relevante sobre as ditas obras. 
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños ten previsto trasladar en próximas datas esta exposición a Narón e outros puntos da xeografía galega. O obxectivo é achegar a enxeñería galega á sociedade civil. O premio San Telmo ten carácter bienal e leva este nome en honra á obra dun frade que destacou na construción de pontes e camiños na Idade Media.

No hay comentarios:

Publicar un comentario