As voces das nenas e dos nenos
escóitanse no pleno coruñés
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e
o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, presidiron esta mañá un Pleno
Infantil, no que participaron escolares de seis centros da cidade para celebrar
o 30 aniversario da Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Nenos
(CDN)
A Coruña,
20 de novembro de 2019.- Hoxe os escolares mandaron no pleno
coruñés.
E fixérono falando alto e claro sobre o que lles preocupa,
sobre como ven a nosa cidade e, o que é máis importante, como queren que sexa A
Coruña. A pesar de que o tratado sobre os Dereitos dos Nenos é un dos máis
ratificados da historia, os escolares din que aínda queda moito por facer “os
nosos dereitos non se cumpren en todas as partes do mundo”. E eles son, como
explicou un dos alumnos lembrando ao pensador italiano Francesco
Tonucci,
“os cidadáns de hoxe”.
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Jesús
Celemín, presidiron esta mañá un Pleno infantil no que estudantes de seis
centros educativos da cidade expuxeron as súas preocupacións e reivindicacións
ao Goberno local. O Pleno infantil realízase en colaboración con UNICEF que
facilita material didáctico ao alumnado para traballar nas aulas. As persoas
participantes fixéronlle á alcaldesa preguntas sobre a conciliación familiar, a
participación dos nenos e das nenas na toma de decisións, a mobilidade, o
transporte adaptado para a cativada con diversidade funcional, os emigrantes
que chegan ás nosas escolas, a inclusión, o acoso escolar, a igualdade no
deporte, a tolerancia, a protección dos menores, a educación infantil con
necesidades especiais, a conciliación familiar….
A alcaldesa explicoulles como funcionaban os plenos e foi
dándolles a quenda de palabra aos nenos e ás nenas que aproveitaron para lanzar
as súas reivindicacións a unha sociedade que, dixeron, recoñece o seu dereito á
participación, pero que “non nos dá os mecanismos para que participemos de
verdade”. Por iso, o voceiro do colexio San Francisco Javier pediu un “apartado
no 010”, que a rexedora se comprometeu a estudar.
A vida saudable tamén se colou na orde do día. Os nenos e
nenas do colexio Víctor López Seoane pediron menús escolares máis saudables e
foron debuxando toda unha listaxe de peticións desde un ascensor para o seu
colexio, un aparcadoiro para os seus patinetes, unha pérgola para que poidan
saíren a xogar ao patio cando chove, que se amplíe o carril bici e que poidan
ir en patinete e, varrendo para o barrio, demandaron un skate park para Monte
Alto.
Cando chegou a quenda dos “concelleiros” de
Escolapìos-Calasanz, o debate centrouse na igualdade e na loita contra a
pobreza, a que tamén, explicaron, está ao noso lado. Os
Escolapios solicitáronlle a Inés Rey “que todos os nenos e
nenas poidan participar nas actividades do Concello sen importar a súa orixe”,
e que o Concello e o colexio organicen debates para “explicarnos a todos como
axudar os demais”. A alcaldesa faloulles da súa experiencia e como grazas ás
oportunidades que tivera “agora era a primeira alcaldesa da cidade”, pero
sinalou que as mulleres seguen sen teren as mesmas oportunidades e que a
igualdade non é todavía plena “as mulleres seguimos sendo cuestionadas”,
afirmou. O botellón ou o acoso escolar son outras das preocupacións dos máis
pequenos e pequenas. Para eles, o Concello preparará alternativas de lecer que
sirvan “para afastalos do alcol e das drogas” sinalou a alcaldesa.
Cunha “corporación” entregada, oíronse voces para que o
Concello acabe coas bolsas de plástico e as cabichas nas rúas da cidade. Mesmo
algún pediu “multas máis duras” para os que “desobedezan”. Máis tempo en
familia foi a reclamación dos escolares do centro das Franciscanas, que esixen
cambios nos horarios de traballo para que os seus pais poidan estar máis tempo
ao seu carón. Neste senso, a alcaldesa lembroulles a importancia de respectar
“todos os modelos de familia que hai”.
O grupo dos Salesianos centrou as súas peticións no acceso
á Educación, unha educación inclusiva que non discrimine e sexa sensible á
diversidade. Mentres, o alumnado de Dominicos felicitou a Inés Rey por ser a
primeira muller en ocupar o cargo de alcaldesa na cidade e “ademais ser nai, o
que axuda a que nos entendas mellor” e mostraron a súa preocupación polos nenos
e nenas “que traballan para poder sobrevivir”. Ao finalizar a súa intervención propuxeron que o 12 de xuño se
realicen actividades e xogos para loitar contra a escravitude infantil.
Inés Rey agradeceu todas as achegas e gabou o seu traballo:
“Moitas grazas por todas as peticións que nos fixestes, algunhas máis incisivas
que as dos concelleiros e concelleiras adultos e que nos axudarán a facer unha
cidade mellor e máis xusta” e lembroulles unha vez máis que “o Concello é a
vosa casa e aquí coidamos a todas as familias”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario