As principais cidades do Eixo Atlántico reuniranse o martes para
expoñer casos de éxito na xestión de residuos orgánicos
A concelleira de Medio Ambiente,
Esther Fontán, presentou o IV Seminario de Intercambio de Experiencias no
Ámbito da
Sostibilidade, que terá lugar en
Palexco
A Coruña, 8 de novembro de 2019.- A
concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou esta mañá o IV
Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Sostibilidade, que
reunirá o martes que vén en Palexco a representantes das principais cidades do
Eixo Atlántico. A edila sinalou que cando asumiu a responsabilidade de levar
unha área como a de Medio Ambiente, un dos obxectivos que se marcou, ademais de
xestionar os servizos públicos de maneira que funcionen en óptimas condicións,
foi o de converter a cidade en foro de debate e loita contra o cambio
climático, en punta de lanza para favorecer a economía circular e a
sostibilidade.
Desde a concellería non dubidaron en presentar a
candidatura para ser sede deste cuarto seminario, que se realiza anualmente e
que é xa unha referencia dentro da
Eurrexión que abarca Galicia e o norte Portugal, “o
instrumento de intercambio de coñecemento máis importante no campo de
sostibilidade local e que tratará nesta edición o tema da xestión de residuos
orgánicos con responsables técnicos e conferenciantes de recoñecido
prestixio”.
Fontán explicou que as persoas expertas presentarán casos
de éxito postos en marcha en cada territorio relacionados coa xestión
ambiental, “abrindo así o camiño para a organización dos recursos grazas á
transferencia de experiencias duns lugares a outros como mostra de xenerosidade
entre as cidades”.
O programa iniciarase coa inauguración ás 09.30 horas por
parte da alcaldesa Inés Rey, a propia concelleira e o secretario xeral do Eixo
Atlántico, Xoan Vázquez Mao, que darán paso á videoconferencia a cargo de Jorge
Díaz del Castillo, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea,
que versará sobre o paquete lexislativo europeo da economía circular.
A
continuación, expoñeranse as diferencias experiencias no campo dos residuos
orgánicos coa presenza de Salustiano Mato, da Universidade de Vigo, que falará
da compostaxe comunitaria e doméstica; Cesar Mosquera, da Deputación de
Pontevedra, que abordará o proxecto Vitaliza, tamén sobre esta forma de transformar
o lixo en fertilizante; Susana Lopes, de LIPOR (Serviço Intermunicipalizado de
Gestão de Resíduos do Grande Porto) e Javier Ramírez Núñez do Concello da
Coruña, que abordará a recollida selectiva de residuos orgánicos.
O evento rematará coa participación de Sofía Ferreira, da
Câmara de Guimarães, que presentará o caso particular de implementar un sistema
de pago por xeración no centro histórico desa cidade. Ademais, o encontro
reforzará tamén o vínculo da Rede de Enerxía Sostible da Coruña, un instrumento
de participación ao servizo das políticas de loita contra o cambio climático,
onde están representadas preto de 80 entidades convidadas a esta cita e que se
sumarán aos máis de 30 especialistas de todo o Eixo Atlántico.
Para Fontán será un punto de arranque de ouro nese
obxectivo que nos marcamos de convertermos nun referente na xeración de ideas e
proxectos, en punto de encontro e de debate ao máis alto nivel científico e
técnico “cun sólido compromiso de traballo e conciencia cun planeta e unha
cidade máis sostible e eficiente que poña a loita contra o cambio climático e a
economía circular como unha prioridade”, afirmou a concelleira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario