MotorOcasión pon á venda mil coches
usados esta fin de semana en ExpoCoruña
A concelleira Eva Martínez Acón
asistiu esta tarde ao acto inaugural da feira que valorou como “unha
oportunidade de crecemento para as firmas coruñesas de cara a rendibilizar os
seus números a finais de ano”
A
Coruña, 8 de novembro de 2019 – A concelleira
de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón, asistiu esta
tarde ao acto de inauguración do Salón MotorOcasión Coruña, unha feira que
reúne os stocks de vehículos de segunda man dos concesionarios oficiais tanto
da cidade como do ámbito galego que se pode visitar desde hoxe ata o domingo en
Expocoruña.
O salón, que ocupa unha superficie de 13.000 metros
cadrados do recinto feiral, ofrecerá uns 600 coches que, contando coas
reposicións das unidades comercializadas que se irán rexistrando cada día,
poderán chegar aos 1.000 vehículos en oferta, con todo tipo de quilometraxe e
de diferentes prezos.
A concelleira Eva Martínez Acón valorou a actividade como
“unha oportunidade de crecemento para as firmas coruñesas de cara a
rendibilizar os seus números a finais de ano” pero tamén para as persoas
compradoras que, dixo, “teñen a posibilidade de comparar e ver in situ un
número importante de turismos, de equiparar modelos para dar coa opción que
mellor se axuste ás necesidades e ao orzamento de cada un co aval de seren
empresas serias”.
Canto ao acceso, as nenas e os nenos menores de 10 anos
poden visitar a feira de balde e, ademais, o recinto conta cun aparcadoiro
totalmente gratuíto na zona subterránea para as persoas visitantes.
Modelos con plena garantía
O público atopará unha ampla exposición con vehículos de
todos os tipos, desde utilitarios ata alta gama, que van desde seminovos, que
adoitan ser os máis demandados, ata vehículos xa usados con diferente
antigüidade e quilometraxe, onde poderán descubrir unidades máis baratas.
En xeral, os concesionarios oficiais levarán modelos de
quilómetro cero, automatriculados, coches de xerencia, coches de exhibición e
coches de frota de alugueiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario