O Concello abre o paraugas pola
diversidade
O Concello súmase un ano máis á
iniciativa pola inclusión social “Baixo o mesmo paraugas”, que se realizará en
María Pita o día 3 de decembro con motivo do Día Internacional das Persoas con
Discapacidade.
O acto, que se enmarca dentro da
programación do Festival de Artes pola Inclusión Cultural, Festi=, incluirá
actuacións musicais e un espectáculo de danza
A Coruña, 26 de
novembro de 2019.- A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, xunto á
directora de Aspace, Sonia Ruiz, presentou esta mañá a IV edición de “Baixo o
mesmo paraugas. Galicia pola diversidade”, unha iniciativa pola inclusión
social das persoas con discapacidade que se realizará o día 3 de decembro en
María Pita e na que participarán 28 entidades da cidade e da área
metropolitana. A iniciativa, que naceu en 2016 da man de Aspace e engloba hoxe
en día 80 entidades en toda Galicia, serve para conmemorar o Día internacional
das Persoas con Discapacidade.
A concelleira quixo agradecer o traballo que fan estas
entidades no ámbito da inclusión social na cidade. “Fannos a vida moi fácil no
noso día a día coa súa colaboración”, dixo, ao tempo que convidou a toda a
cidadanía a participar nun acto “no que lles damos voz aos verdadeiros
protagonistas e serve para visibilizar a todos os colectivos e reivindicar os
seus dereitos”. “Trátase non só de dar oportunidades senón tamén de recibir
todo aquilo que as persoas con diversidade nos poden achegar a nós”, dixo.
Doutra banda, Sonia Ruiz, directora de Aspace e portavoz de
todas as asociacións, agradeceu a colaboración do Concello e reivindicou a
importancia dun acto “no que as verdadeiras protagonistas son as persoas con
discapacidade”. “Un día sen siglas nas que todos defendemos o mesmo; os
dereitos das persoas con diversidade funcional”, sinalou.
Sonia Ruiz puxo en valor o movemento asociativo. “Todos
xuntos chegaremos máis lonxe na plena inclusión das persoas con discapacidade
no mundo laboral, social, cultural e xurídico”, dixo. E apuntou á necesidade de
eliminar non só as barreiras cognitivas e sensoriais, senón tamén as sociais,
“non mirar diferente porque non sexamos iguais”.
O acto, que se realizará en todas as provincias galegas, terá
lugar na praza de María Pita, onde todos os colectivos abrirán o seu paraugas
pola diversidade tras a lectura dun manifesto redactado por elas mesmas. Un
paraugas, explicou a portavoz, que simboliza a forza do movemento asociativo,
“somos unha minoría moi grande” e dunha sociedade diversa e plural que debe
acoller a todos por igual.
Tamén anunciou que este ano foron convidados a participar
os escolares dos centros educativos da cidade, que nos días previos traballarán
nas aulas o tema da diversidade.
O acto de carácter lúdico e
reivindicativo, que se enmarca na programación do
Festival de Artes pola Inclusión Cultural,
Festi=, contará coa actuación do grupo
Naranja Imaginarium e unha representación do espectáculo de
danza “Palabras que habitan corpos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario