O Concello pon en marcha o plan
director para a revitalización da Cidade Vella
O edil de urbanismo,
Juan Díaz Villoslada, presentou onte, durante a realización dunha mesa de
traballo, un documento inicial para sentar as bases das futuras actuacións para
a rehabilitación en todos os ámbitos do centro histórico
A Coruña, 14
de novembro de 2019.- O edil de urbanismo, Juan Díaz Villoslada, considera
imprescindible redactar un plan director para revitalizar o centro histórico en
todos os ámbitos e así llelo comunicou esta mañá ás persoas integrantes da Mesa
da Cidade Vella que se reuniron en María Pita co fin de coñecer un documento
que servirá para sentar as bases das futuras actuacións nesta área da cidade.
Un documento inicial redactado polo anterior executivo da Marea Atlántica e que
o actual goberno quere enriquecer coas achegas de todos os axentes implicados
na revitalización do centro histórico. Este proxecto, sinalou Villoslada, será
o punto de partida para a creación dun plan director que recolla actuacións nun
curto, medio e longo prazo e que dispoña de partidas orzamentarias. “Unha guía
de traballo deste e de futuros gobernos da cidade”, puntualizou.
Villoslada indicou que o Concello mantén as
actuacións postas en marcha polo anterior Goberno encamiñadas a revitalizar a
zona, como é a peonalización das rúas Damas, A Nosa Señora do Rosario e
Cortadoría e anunciou as obras de reurbanización do tramo do paseo marítimo que
discorre entre o Castelo de San Antón e Durmideiras, así como da zona do
Parrote ata A Mestranza. “Actuacións que incidirán de maneira importante na
revitalización de Cidade Vella”, dixo Villoslada.
O concelleiro de Urbanismo destacou durante a
reunión que a intención do Concello é lograr o maior consenso posible para
poder executar un plan que servirá “para pagar unha débeda histórica co corazón
da cidade”. Por iso, na mesa de traballo tamén sentarán representantes de todos
os grupos políticos que xa mostraron o seu apoio e a este plan no último Pleno
“para que fagan as súas achegas e póidase redactar un plan o máis consensuado posible con medidas concretas e
orzamentos concretos”. “O importante é ter un plan estratéxico, planificar
accións e orzalas”, apuntou o edil.
Por iso, o proxecto tamén lles será enviado á
Universidade, ao Colexio de Arquitectos e ao Instituto Galego da Vivenda e
Solo, IGVS, con quen está previsto crear unha área Rexurbe, e ao Ministerio de
Defensa para o desenvolvemento do bordo litoral. “Trátase de traballar de
maneira conxunta no proceso de rehabilitación”, indicou Villoslada.
O documento, redactado desde un punto de vista
multidisciplinar, articúlase en cinco eixes principais. En primeiro lugar, no
ámbito de recuperación e protección de patrimonio e rehabilitación de vivendas.
Un segundo eixe de traballo centraríase nas condicións sociais da comunidade
que vive nesta parte da cidade. A mellora progresiva do uso dos espazos
públicos mediante procesos de peonalización é outro dos aspectos recollidos
neste proxecto que pasa non só por crear zonas verdes senón por dotalas de vida
e onde a política ambiental xoga un papel decisivo, apuntou o concelleiro.
O cuarto eixe do plan son a promoción económica e a
promoción turística. Este último require segundo o edil “un máximo coidado”
porque “non queremos que a Cidade Vella se converta unicamente nun polo
turístico ou que teña lugar un proceso de xentrificación”, asegurou Villoslada,
que ve imprescindible un plan de mobilidade como quinto eixe dun proxecto que o
Goberno local confía en que a finais de decembro estea listo con todas as
achegas dos distintos sectores e que no primeiro trimestre do ano 2020 poida
arrancar o plan director.
No hay comentarios:
Publicar un comentario