A Coruña acenderase este Nadal dun xeito máxico
O acendido dos 2.600.000 puntos de
luz de Nadal terá lugar este venres ás 19.30 h na praza de María Pita
As novidades deste ano serán o
espectacular vídeo mapping que se
proxectará sobre a fachada do concello e o acendido “máxico” que activará unha
nena ou neno elixida/o ao azar
A Coruña, 27 de
novembro de 2019.- A alcaldesa da cidade, Inés Rey, e a concelleira de
Festas, Diana Cabanas, presentaron esta mañá no consistorio o programa de
festas do Nadal 2019 que comezará este venres co acendido “máxico” de luces na
praza de María Pita.
O Goberno local quixo que este ano o acendido do Nadal fose
un día “máxico e memorable” para todas as coruñesas e os coruñeses. Por iso,
este venres ás 19.30 h unha nena ou neno
elixida/o ao azar será a persoa encargada de activar os 2.600.000 puntos de luz
de led que farán brillar a cidade da Coruña durante a
tempada de Nadal. As e os menores de 13 anos que queiran
participar deberanse achegar ao concello a partir das 18.00 h e depositar nunha
urna un debuxo feito por eles mesmos no que figuren os seus datos persoais para
que posteriormente, ás 19.30 h, a alcaldesa elixa ao azar un dos debuxos. A
crianza autora dese debuxo será chamada ao escenario con todas as honras para
premer o gran botón que acenderá as luces de toda a cidade. O Concello poñerá a
disposición dos nenos e nenas material para realizar o seu debuxo en caso de
que non o traian feito.
Outra das novidades deste ano será o espectacular vídeo mapping,
xamais visto na cidade, que se proxectará na fachada do Pazo de María Pita.
“A estrela da ilusión” é o nome da peza, un conto de Nadal no que a súa
protagonista é Isabela, unha nena que
percorre a cidade da man do seu pai e a través de cuxos ollos descubrimos o
Nadal coruñés. A primeira proxección será este venres ás 19.00 h e repetirase
cada hora en punto desde as 20.00 h ata as 23.00 h. O sábado volverán a
proxectarse os ditos pases das 20.00 ás 23.00 horas. O espectáculo apostará
pola accesibilidade e a sostenibilidade, xa que contará cunha zona
especialmente reservadas para persoas con discapacidades físicas e sensoriais.
O mestre de cerimonias desta tarde festiva será o actor
Suso Martínez, quen anunciará as diferentes actividades:
• 18.30
h: actuación de maxia a cargo do ilusionista coruñés Román García
• 19.00
h: proxección do vídeo mapping na
fachada do concello
• 19.15
h: as nenas e os nenos poderán enviarlle as súas cartas a Papá Noel dun xeito
máxico nunca antes visto xa que estas depositaranse nunha cesta que se
desplazará nun globo de helio de 3 metros de diámetro que quedará suspendido a
20 metros de altura.
• 19.30
h: elíxese o neno ou a nena protagonista para activar o acendido de luces da
Coruña 2019.
Para satisfacer na medida do posible as demandas da
cidadanía en materia de iluminación do Nadal, o Executivo local aposta este ano
por unha maior presenza de elementos lumínicos na cidade. Nesta campaña haberá
un novo deseño da árbore transitable de 20 metros, as luces en arañeiras no
Campo da Leña, a esfera de luz da Mariña (este ano ten 2 metros máis de
diámetro) e unha bandada de peixes que pasarán por debaixo dunha rede reciclada
fabricada polas redeiras de Corme. Pero o protagonista non só é o centro da
cidade, este ano a maior parte dos barrios da cidade terán máis arcos, farois e
árbores iluminadas: 546 arcos, 133 motivos sobre farois, 67 árbores iluminadas,
1 farol triplo, 2 paraugas de luz con bólas tridimensionais, 4 árbores
artificiais de luz de 6 e 8 metros, 6 fachadas, 2 monumentos iluminados, 1
teito de luz, 159 rúas e 15 prazas iluminadas, 6 rotondas e glorietas e 3
parques.
Campaña de Nadal 2019
O programa de actividades deste ano conta con 20 talleres
de maxia e 20 espectáculos de marionetas que chegarán a todos os barrios da
cidade a través da rede de Centros Cívicos Municipais, o Ágora e o Fórum
Metropolitano.
O poboado de María Pita será outro dos protagonistas do
Nadal con todo tipo de actuacións infantís de teatro, circo, contacontos,
talleres educativos e outros momentos máxicos que se poderán desfrutar do 5 ao
30 de decembro.
Para potenciar e dinamizar o pequeno comercio da cidade, haberá
sesións de cine do Nadal no marco dunha campaña en colaboración cos comercios
que facilitarán entradas de cine por cada compra superior a 20 euros.
A música tamén ten cabida no Nadal coruñés con diferentes
actuacións musicais de arraigo a cargo das nosas entidades culturais, corais e
grupos tradicionais que percorrerán as rúas e espazos da cidade como o Ágora,
Fórum Metropolitano e o Centro Cívico dos Mallos para amenizar a veciñanza.
PROGRAMA DE PASACALLES
PROGRAMACIÓN MUSICAL
NOUTROS PUNTOS DA CIDADE
No hay comentarios:
Publicar un comentario