Traductor

martes, 26 de noviembre de 2019

Reunión Villoslada-Colexio de Aparelladores e Programa colaboración Costa Rica


Urbanismo prepara un marco de información e colaboración novo para lles dar seguridade aos axentes implicados no desenvolvemento urbanístico da cidade

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta mañá con representantes do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación da Coruña para analizar os obxetivos da Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible



A Coruña, 25 de novembro de 2019.- O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas,
Juan Díaz Villoslada reuniuse esta mañá con representantes do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación da Coruña no que foi un primeiro encontro institucional onde lles explicou a intención da concellería de crear un marco de información e colaboración estable para lles dar maior seguridade a todos os axentes e operadores implicados no desenvolvemento urbanístico da cidade.

Villoslada explicoulles que a Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible será un foro de traballo permanente para coñecer as demandas dos axentes do sector e transmitirlles os intereses municipais, que son principalmente os de garantir a seguridade xurídica nas proxectos edificativos, levar a cabo desenvolvementos urbanos de calidade e impulsar os plans urbanísticos pendentes no PXOM de 2103. 

“Hai moitas normas zonais e parámetros do Plan xeral que están sen definir, o que provoca problemas á hora de que se presenten licenzas e proxectos de compensación e construción de novos polígonos”, informoulles o concelleiro durante a reunión.

Doutra banda, o colexio transmitiulle a Villoslada a necesidade de axilizar o proceso de tramitación e obtención de licenzas. Ambos coincidiron en cualificar a reunión de “moi satisfactoria” e incidiron na necesidade de manter un diálogo fluído co fin de colaborar no deseño da cidade.

Esta reunión enmárcase na rolda de encontros que o responsable de Urbanismo ten previsto manter con todas as entidades e axentes relacionados co urbanismo e a construción na Coruña.



O Concello colabora co Goberno de Costa Rica nun programa de intercambio de experiencias sobre o desenvolvemento urbano

O Goberno local participou nunha comisión formada por representantes españois e costarriqueños de cara a fortalecer o transporte público do país


A Coruña, 25 de novembro de 2019.- O Concello participou na Misión de Cooperación Técnica en Costa Rica, onde colaborou na implementación de políticas intermunicipais de desenvolvemento urbano. A actividade, que se enmarcou dentro da Comisión Mixta Hispano-Costarricense de Cooperación 2015-2019, responde a unha programación bianual de colaboración 2018-2019, destinada a reforzar as capacidades individuais e organizativas por medio da oferta de servizos de expertos, formación e posibilidades de aprendizaxe relacionadas. 

Así mesmo, céntrase na provisión de know-how en forma de persoal, formación, investigación, consultoría e calquera tipo de apoio técnico que contribúa á consecución de avances no desenvolvemento dos países socios a través de misións, consultorías, asistencias técnicas de expertas e expertos españois de institucións públicas, da sociedade civil ou do sector privado empresarial; e en visitas de funcionarias/os ou directivos de institucións públicas dos países socios a España. 

Entre os obxectivos que se pretenden conseguir está o intercambio de experiencias entre España e Costa Rica dentro do ámbito de “Cidades sostibles”, de cara a fortalecer as políticas para a descarbonización da economía costarriqueña e que esas ideas deriven en proxectos concretos como o do tren eléctrico interurbano ou o tren rápido de pasaxeiros (TRP) da Gran Área Metropolitana (GAM), que fagan do transporte público unha opción atractiva e eficiente. Deste xeito, José M. Peña Penabad, en representación do Concello, achegou xunto a voceiros e voceiras doutras institucións, proxectos similares levados a cabo en España e analizaron a contribución das infraestruturas ao desenvolvemento económico e social. 
A misión, que se realizou do 19 ao 22 de novembro, incluíu a participación do Concello nunha Mesa Técnica Intermunicipal, en formato obradoiro, sobre o desenvolvemento urbano orientado ao transporte da área de influencia do TRP; visitas de campo a algunhas das municipalidades para coñecelas in situ e intercambiar coñecementos cos equipos municipais sobre o desenvolvemento urbano orientado ao transporte e á planificación intermunicipal, ademais da elaboración dunha folla de ruta para darllecontinuidade a esta cooperación técnica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario