A Policía Local intensifica os controis con patrullas de paisano
O corpo de seguridade reforza con
profesionais as tarefas de seguimento e detección das persoas que desatenden o
decretado polo Estado con respecto ao confinamento
A Coruña, 23 de marzo de 2020.- A
Policía Local intensificará o control estes días con patrullas de paisano que
apoiarán as e os axentes uniformados, co fin de realizar un seguimento e
detección das persoas que pretenden burlar as restricións e simulan actividades
que están permitidas, como saír mercar alimentos e outros produtos de primeira necesidade.
Desde o corpo, detectaron, por exemplo, situacións de veciñas e veciños que
levan consigo barras de pan para alegar se os paran que viñan de compralo, sen
reparar en que os policías non queren denunciar, senón que só buscan que se
respecten as restricións decretadas polo Estado polo interese xeral e para
evitar que se propague o coronavirus.
Por outro lado, desde o 092,
préganlle á cidadanía que cumpra coas normas básicas de convivencia nos
domicilios en que pasan todo o día bebés, nenas e nenos, e persoas maiores, moitas delas
enfermas/os e vulnerables aos ruídos e outras perturbacións evitables cunha
conduta cívica normal. A policía recibiu estes días numerosas denuncias de
particulares por ruídos provocados por pequenas obras no interior das vivendas,
música alta, festas familiares ou de amigas/os e incluso pola utilización
irresponsable das zonas comúns das comunidades veciñais, como patios interiores
ou escaleiras para se reunir, xogar, facer deporte ou bailar, sen as medidas de
seguridade pertinentes.
O corpo de seguridade pídelles sentido común e
responsabilidade ás coruñesas e coruñeses e que pensen nos demais, en especial
nas persoas enfermas e nas máis vulnerables, para que leven o mellor posible
este confinamento obrigatorio nas súas casas e incluso que as e os veciños
eviten expoñer innecesariamente as e os axentes policiais a posibles contaxios
ao entraren en domicilios para estas infraccións absurdas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario