Traductor

martes, 24 de marzo de 2020

O concello manterá todos os seus contratos en vigor - Medio Ambiente solicita a colaboración


O concello manterá todos os seus contratos en vigor para garantir o emprego nas empresas prestatarias dos servizos

Malia a suspensión temporal de distintos servizos, o Goberno local seguirá aboando as contías comprometidas para evitar regulacións de cadro de persoal, segundo a resolución ditada hoxe pola Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior
 



A Coruña, 24 de marzo de 2020.- O Goberno local decidiu manter todos os contratos con empresas que lle prestan servizos ao concello, aínda que estes se interromperan temporalmente. Nesa situación atópanse diversos servizos, como o de axuda a domicilio, as bibliotecas, os museos científicos ou as escolas infantís. Malia a suspensión temporal desas prestacións, o concello seguirá aboando as contías correspondentes ás empresas prestatarias para garantir o mantemento do emprego. 

Uns 2.300 traballadoras/es dependen directamente de máis de 380 contratos municipais de distinto tipo. O Goberno que preside Inés Rey busca con esta medida reducir o impacto laboral que a situación actual de emerxencia sanitaria está causando na cidade. “A decisión do Goberno local está dirixida a manter o emprego, que é a mellor medida de protección social que podemos adoptar para afrontar ás consecuencias económicas da pandemia do coronavirus”, especificou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

A resolución de Economía e Facenda especifica que o concello vixiará o cumprimento das obrigas laborais por parte de contratistas e subcontratistas. Ademais, axilizará os pagos a todos os seus provedores dentro dos prazos legalmente establecidos para lles facilitar liquidez ás empresas. 

No caso concreto das escolas infantís, non lles están cobrando as tarifas fixadas ás e aos usuarios, co conseguinte quebranto na súa facturación. As escolas infantís terán dereito a solicitarlle un reequilibrio económico ao concello debidamente xustificado. Por outra banda, o Goberno local está traballando cos grupos políticos para modificar o regulamento das escolas infantís para que, tan pronto como sexa posible, todas elas sexan gratuítas.

Ademais, non suspenderá as obras que estean en execución e insta as empresas que as están a levar a cabo a que garantan as medidas de prevención e autoprotección dos seus traballadores e traballadoras ditadas polas autoridades sanitarias. “Manter os contratos e prestacións de servizos que temos no Concello é algo moi meditado, pensando en contribuír á economía da cidade e á protección social”, dixo Lage Tuñas.

O executivo traballa tamén en artellar outras medidas de carácter económico que se concretarán segundo se vaian determinando as actuacións correspondentes por parte da Xunta e do Goberno Central. O obxectivo prioritario é acadar que o impacto na cidadanía da actual crise sexa o menor posible. Con esa finalidade, o Goberno local non dubidará en mobilizar todos os medios que foren posibles.



Medio Ambiente solicita a colaboración da veciñanza na xestión de residuos

Na instrución que a Concellería lle facilita á poboación detállanse medidas con respecto aos fogares con positivos ou en corentena por COVID19

A Coruña, 24 de marzo de 2019.- Ante a situación que estamos a vivir, o Goberno municipal, a través da Concellería de Medio Ambiente e Sustentabilidade, quere trasladarlles ás coruñesas e coruñeses unha mensaxe de tranquilidade e de confianza no noso sistema de xestión de residuos (*contenerización, recollida e tratamento dos residuos domiciliarios) co propósito de que esta xestión sexa o máis eficaz e segura posible. É por iso que se solicita a colaboración cidadá, coas seguintes recomendacións e recordatorios:
              Reducir, na medida do posible, a xeración de residuos tanto orgánicos como inorgánicos, durante este período de emerxencia e confinamento domiciliario.
              Reducir ao máximo a achega de voluminosos como útiles vellos (colchóns, xoguetes, mobiliario etc.) na vía pública e agardar a que remate esta situación excepcional para os levar ao punto limpo fixos/móbiles ou usando o servizo correspondente vía 010.
              Non depositar cartón-papel nas beirarrúas ou vías cando o colector correspondente estea cheo, pois iso implica, nos días de choiva e vento, que poida atascar os sumidoiros e que ocasione problemas engadidos. É mellor achegarse ao contedor selectivo máis próximo. 


              É moi importante seguir realizando a separación e depósito dos residuos de modo correcto: pilas, roupa usada, aceite, papel/cartón, cristal, inorgánico e orgánico.

              Cómpre lembrar que os residuos inorgánicos e orgánicos deben ser depositados en bolsas que perfectamente herméticas, para evitar cheiros e, sobre todo, que gaivotas, gatos e ratas poidan acceder facilmente aos seus contidos e esparexelos polas beirarrúas.
              En ningún caso se deben depositar bolsas de residuos na beirarrúa. Se os contedores están cheos, debe achegarse ao máis próximo depositar a bolsa. Hai que asegurarse de que as tapas dos contedores permanecen pechadas.
              Débense respectar as horas de depósito de bolsas de residuos nos colectores e lembrar que, facelo fóra das horas establecidas para iso, implica unha sanción. 

Ao mesmo tempo e seguindo as instrucións directas do Ministerio de Sanidade ante esta situación excepcional, comunícanse as seguintes instrucións con respecto aos fogares con positivos ou en corentena por COVID19:
              Os residuos do doente, incluído o material de un só uso utilizado pola persoa enferma e polos seus coidadores (luvas, panos, máscaras) e, no seu caso, a indumentaria de protección do persoal sanitario (excepto lentes e máscara) hanse de eliminar nunha bolsa de plástico (bolsa 1) nun caldeiro do lixo disposto na habitación, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación para a reciclaxe.
 
A bolsa de plástico (bolsa 1) onde se deposite debe pecharse adecuadamente e introducila nunha segunda bolsa de lixo (bolsa 2), onde ademais se depositarán as luvas utilizadas e pecharase adecuadamente antes de sacarse da habitación. A máscara e os lentes débense retirar fóra da habitación do doente, onde tamén haberá un recipiente para ese efecto, de características similares ás descritas anteriormente e con bolsa de plástico de peche hermético, ás que se lles dará o mesmo tratamento que á dos residuos do paciente. 


              A bolsa 2, cos residuos anteriores, depositarase na bolsa de lixo (bolsa 3) co resto dos residuos domésticos da fracción inorgánica. A bolsa 3 tamén se pechará adecuadamente. • Inmediatamente despois, realizarase unha completa hixiene completa das mans, con auga e xabón, polo menos durante 40-60 segundos.
              A bolsa 3 depositarase exclusivamente no colector de fracción inorgánica. • Está terminantemente prohibido depositar a bolsa 3 nos demais contedores: orgánica, papel, vidro, téxtil e/ou aceite, ou abandonala na contorna.
Desde a Concellería de Medio Ambiente “somos perfectamente conscientes dos difíciles momentos que estamos a pasar como sociedade mais temos ao noso alcance medidas coas que podemos contribuír a saír antes e mellor desta situación de urxencia: quedar na casa é sen dúbida a primeira e a máis esencial pero se ademais evitamos crear máis focos de insalubridade, todos/as estaremos a avanzar de modo activo cara ao final desta situación”, asegura a concelleira Esther Fontán.


No hay comentarios:

Publicar un comentario