Benestar Social pon en marcha un teléfono de acompañamento
para combater a soidade nos fogares
A
liña 900 929 500 será atendida por voluntarias/os que charlarán un pouquiño con
quen necesite falar do seu para levar mellor estes días de confinamento na casa
Entre
o grupo de cooperantes, hai psicólogas/os que poderán dar unha asistencia máis
profesional se for preciso
A Coruña, 27 de marzo de 2020.- A
Concellería de Benestar Social porá en marcha nos próximos días a iniciativa
“Acompáñote. Liña de atención telefónica" pensada para que aquelas persoas
que están soas durante a corentena poidan conversar uns momentiños con
voluntarias e voluntarios e consigan levar mellor estas semanas de
confinamento. Para iso, habilitarase o teléfono gratuíto 900 920 500 ao que
poderán chamar todas e todos os que necesiten falar. Serán atendidos por
algunha das máis de 500 persoas voluntarias que se inscribiron no servizo ao
inicio deste estado de alarma.
Desde o concello remitíuselle ao grupo de colaboradoras/es
un correo para lles explicar esta nova asistencia telefónica e solicitóuselles
a súa dispoñibilidade horaria e por días. Deste xeito, organizaranse quendas
para que cando se reciba unha chamada, a central redirixiraa a unha das persoas
que estean operativas nese momento. Daráselle prioridade a quen aínda non
participase en ningunha das peticións cidadás de axuda que a veciñanza demandou
a través do 010, pero ao resto tamén se lle permitirá colaborar.
Tamén desde o 010, as e os profesionais que atenden este
servizo reconducirán as chamadas das e dos que queiran contactar nesta liña co
fin de lle dar un alento á cidadanía que está sen compañía nesta crise do
coronavirus. En ningún caso é un servizo de información sobre a pandemia nin de
emerxencia, senón que xorde coa vontade de lles ofrecer un apoio ás persoas que
non teñen forma de comunicárense.
Conscientes de que hai moita xente que non ten unha rede
familiar e social na que apoiarse e de que moitas persoas non teñen acceso ao
mundo dixital, a concellería abriralles unha xanela na que poder charlar sobre
gustos, afeccións e sobre todo aquilo que lles faga sorrir e pasar un tempo
agradable. Entre o grupo de voluntariado inclúense psicólogas e psicólogos que
poderán realizar unha asistencia máis profesional en caso de que a persoa que
está ao outro lado do teléfono o precise.
No hay comentarios:
Publicar un comentario