O concello anuncia un novo calendario fiscal coa ampliación de
prazos para o pago de impostos e taxas
A
alcaldesa, Inés Rey, sinalou que con este primeiro paquete de medidas fiscais
tratan de paliar consecuencias económicas do confinamento
A Coruña, 26 de marzo de 2020.- A
alcaldesa, Inés Rey, realizou esta mañá por videoconferencia un balance de
todas as medidas adoptadas polo Goberno local desde que se declarou a situación
de emerxencia e o conseguinte estado de alarma e anunciou unha serie medidas
fiscais de cara a afrontar o impacto do Covid-19. A rexedora repasou o acordado
nas áreas de Seguridade Cidadá, Benestar Social, Urbanismo, Mobilidade e Medio
Ambiente de cara a garantir a salubridade da cidadanía e sinalou que, até o de
agora, a Policía Local rexistrou 109 denuncias a veciñas/os que desatenderon as
normas decretadas polo Goberno central. Engadiu que, se ben nos primeiros días
as e os axentes realizaron un labor de advertencia e información, nestes días
están sancionando a todas aquelas persoas “que pretenden saltar o estado de
alarma” dun xeito egoísta e insolidario.
Este primeiro paquete de medidas ten como finalidade
tratar de paliar unha pequena parte da crise económica que se deriva deste
confinamento. Canto á presentación de declaracións e autoliquidacións, para
estas últimas ampliarase o prazo de pagamento até o 30 de abril se o anterior
se realizou antes do 14 de marzo e, se foi posterior, as e os coruñeses deberán
aboar a contía correspondente até o 20 de maio. Sobre o incremento de valor dos
terreos de natureza urbana (plusvalía), o prazo para presentar as declaracións
devindicadas (*devengadas) con anterioridade ao 14 de marzo de 2020, prolóngase
até os 15 días posteriores á vixencia do estado de alarma. Para os supostos de
devindicación (*devengo) do dito imposto posteriores ao 14 de marzo, terán un
mes para facelo despois da que se suspenda a situación actual.
No tocante á documentación esixida por un requirimento
recibido antes do 18 de marzo, o período para cubrir os trámites prolóngase até
o 30 de abril e, no caso do pagamento de débedas xa notificadas ou de
fraccionamentos xa concedidos antes do 18 de marzo, os pagos fraccionados
pendentes de aboar até o 6 de abril poderán realizarse até o 30 de abril.
Para os pagos fraccionados que
venzan o 5 de maio, o prazo rematará o 20 de maio.
A rexedora explicou que o Goberno local decidiu
restablecer un novo calendario de pagos de tributos co que o cobro do imposto
sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) será do 2 de marzo a 30 de xuño; e
o do imposto sobre bens inmobles (IBI), do 5 de maio ao 13 de outubro. No
referente ao imposto sobre actividades económicas (IAE), taxas de recollida de
lixo, actividades comerciais e industriais, vaos, cemiterios e aparellos
distribuidores, o período para efectuar o pagamento mantense desde o 14 de
setembro até o 4 de decembro.
Deste xeito, atrásase ademais o cargo da
domiciliación bancaria, que no caso de IVTM non se fará até o 2 de xuño, e no
IBI, até o 6 de xullo. Nos imposto sobre actividades económicas, taxas de
recollida de lixo, actividades comerciais e industriais, vaos, cemiterios e
aparellos distribuidores, os cargos non se pasarán até o 5 de novembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario