Trátase dun programa de vídeos cortos que arrinca hoxe e é
realizado polos monitores e monitoras das escolas deportivas municipais co fin
de fomentar hábitos saudables na cidadanía
A Coruña, 21 de marzo de 2020.- A Concellería
de Deportes anuncia que hoxe arrinca unha iniciativa para fomentar na veciñanza
a práctica do deporte na casa neste período de confinamento. Os veciños e
veciñas poden acceder dese hoxe a un programa de vídeos curtos “En liña” para
realizar exercicios e combater o sedentarismo.
Os vídeos están feitos polos monitores/as
titulados/as das nosas escolas deportivas municipais, que levan traballando
días detrás desta iniciativa. Están realizados nas súas casas coa mellor
calidade que ofrecen os dispositivos de cada un, pensando que mesmo ofrecemos
un servizo público cos medios propios dos/as monitores/as que tamén están
confinados, aínda que sigan un programa definido e coordinado por persoas
licenciadas en INEF que ademais se mellora e subtitula nunha edición previa á
súa publicación.
A idea é ir colgando distintos vídeos que vaian
alimentando unha biblioteca permanente que vaia ampliándose paulatinamente para
distintas idades, condicións, etc. Os vídeos colgaranse no espazo web de
Deportes na web municipal e preséntanse como un servizo para favorecer a vida
saudable da xente na situación de confinamento do estado de alarma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario