Luar Na Lubre publicará o venres 27 de marzo os singles Benvido e Mártiros e o vákner, un dobre adianto do seu novo álbum
O disco Vieiras e vieiros. Historias de pereginos fía un relato arredor das
historias das vivencias das persoas que transitaron polo Camiño de
Santiago
A Coruña, 23 de marzo de 2020.- Luar Na Lubre estreará esta
semana os singles Benvido e
Mártiros e o
vákner, un dobre adianto do seu novo traballo discográfico. Os temas, que
se publicarán o venres 27 de marzo, son os primeiros cortes que se avanzan do
19º disco da banda, Vieiras e vieiros.
Historias de peregrinos, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos,
as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos
múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo
territorio galego. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do
programa O teu Xacobeo.
O factor humano da vía xacobea é o fío que tece un
relato plural que abrangue diversas épocas, voces e contextos. O primeiro dos
singles, Benvido, é un canto de
benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do
Camiño; mentres que o segundo, Mártiros e
o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a
peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha
besta maligna á que nomeou vákner.
Luar Na Lubre
Luar Na Lubre xurdiu en 1986 na Coruña co obxectivo
de dar a coñecer a música e a cultura galega. Após tres décadas de traxectoria,
con 18 discos publicados e máis de 1.500 concertos, o grupo, unha referencia a
nivel internacional da música folk, situou Galicia nos escenarios de máis de 30
países de todo o mundo.
A constancia e a fidelidade ao universo folk
definen, desde os seus inicios, o traballo de Luar Na Lubre. Desde a
publicación de O son do ar (1988),
tema que chegou versionar Mike Oldfield, o grupo procurou o seu propio son,
tendo como inspiración primaria a música galega. Hoxe en día, cunha identidade
propia recoñecible e consolidada, a música de Luar Na Lubre forma parte non só
do imaxinario, senón do patrimonio colectivo.
Tras o éxito de Ribeira
Sacra (2018), este 2020 o grupo regresará os escenarios para presentar o
seu novo disco de estudio, Vieiras e
vieiros. Historias de peregrinos, un álbum que visualiza o patrimonio
artístico, cultural e natural do antigo camiño das estrelas a través das
historias de quen percorreu os seus vieiros: os peregrinos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario