Traductor

miércoles, 1 de abril de 2020

A Xunta de Goberno Local prorroga nove meses o contrato de xestión de axudas a domicilio


A Xunta de Goberno Local prorroga nove meses o contrato de xestión de axudas a domicilio



Na sesión extraordinaria desta mañá, o concello ampliou o convenio, co fin de que nesta situación de crise sanitaria se garanta a cobertura de necesidades básicas esenciais á cidadanía, por un gasto de 3 millóns de euros, até o 1 de xaneiro de 2021

A Coruña, 31 de marzo de 2020.- A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá nunha sesión de carácter extraordinario a prórroga forzosa de nove meses iniciais do contrato da xestión do servizo público de axuda a domicilio (SAD III) á empresa OHL Servicios Ingesán, S.A., logo de que rematasen o pasado 28 de marzo os dous anos de prazo de duración do convenio. 

Debido á situación actual de crise sanitaria, o Goberno local ve primordial que non se interrompan en ningún caso as prestacións domiciliarias que garantan a cobertura de necesidades básicas esenciais e, en aplicación da cláusula 9.ª do prego de cláusulas particulares, acordou ampliar o contrato até o 1 de xaneiro de 2021. Deste xeito, autorizou un gasto de 3 millóns de euros e notificoulle a resolución do convenio á empresa contratista.

A prórroga farase efectiva desde o 2 de abril e terá esta duración inicial, agás que conclúa o procedemento de contratación que dea continuidade a esta prestación de servizos e formalizarase o seu respectivo contrato administrativo nunha data anterior ao 1 de xaneiro do ano que vén. Neste suposto, a duración desta prórroga finalizará o día anterior ao establecido como día de inicio da prestación do servizo no novo contrato formalizado e darase por rematado o actual nesa data de finalización.

Aínda así, se o procedemento de contratación que lle dea continuidade a esta prestación de servizos non concluíse e o seu respectivo contrato non se formalizase antes da data fixada para o termo desta prórroga, esta podería ser obxecto de ampliación, por acordo do órgano de contratación, polo prazo de duración preciso para que a dita conclusión e formalización se realizasen.

Por outra banda, a partida de 3 millóns de euros comprometida é con cargo á aplicación orzamentaria 51.231.22723, en que existe unha consignación axeitada e suficiente para afrontar o gasto, a favor da empresa OHL Servicios Ingesán, S.A. 






A Universidade da Coruña comeza a colaborar co concello
no programa de voluntariado municipal

As persoas voluntarias da UdC súmanse aos 531 voluntarios e voluntarias cos que xa conta o Dispositivo especial de voluntariado da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación

A Coruña, 31 de marzo de 2020.- O voluntariado da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña comeza a colaborar no dispositivo que, con motivo do COVID-19, puxo en marcha o Concello da Coruña para asistir presencialmente facéndolles recados a persoas con especial vulnerabilidade e mobilidade reducida e para atender as chamadas da liña telefónica gratuíta “Acompáñote”, que axuda a combater a soidade durante o confinamento.

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación ofrécelle á institución educativa a detección das necesidades que a veciñanza presenta durante o estado de alarma. Pola súa banda, a UdC préstalle ao concello os servizos das persoas voluntarias da súa Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) para que se sumen aos 531 voluntarios e voluntarias cos que xa contaba até o momento esta Administración local. Deste xeito, o voluntariado da UdC pasa a realizar os mesmos servizos que están a desempeñando as persoas voluntarias do Dispositivo especial de voluntariado da Concellería de Benestar Social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario