A Deputación, a
Universidade e o
Concello da Coruña acordan acondicionar parte do IES Calvo
Sotelo para persoal sanitario
Unha trintena de profesionais da
área coruñesa que loitan contra o Covid-19 aloxaranse na residencia
universitaria Elvira Bao, que alberga este edificio
A alcaldesa, Inés Rey, destaca o
consenso acadado polas institucións de cara a axudar as persoas que traballan
en primeira liña
A Coruña, 1 de abril de 2020.- A
Deputación, a Universidade e o Concello da Coruña acordan acondicionar as
instalacións da residencia universitaria Elvira Bao, no IES Calvo Sotelo, para
o cadro de persoal da Área Sanitaria da Coruña, logo de que a alcaldesa Inés
Rey visitase, xunto co presidente da Deputación, Valentín
González Formoso; o reitor da UDC, Julio Abalde; e o xerente do complexo
hospitalario coruñés, Luís Verde, a dita infraestrutura este pasado luns.
A rexedora destacou o consenso que se logrou entre as tres
institucións co fin de combateren a pandemia dándolle un uso ao edificio de
residencia temporal para as e os profesionais do CHUAC que, polas súa situación
familiar ou persoal, precisen dun aloxamento alternativo mentres dure a crise
sanitaria. Deste xeito, estarán máis tranquilas/os e poderán diminuír a súa
carga emocional derivada do que están a vivir, sobre todo, aquelas/es que
traballan en primeira liña.
A Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña-Cee
xestionou a unidade e contactou coas persoas que precisan apoio para coñecer as
súas necesidades e coordinar esta acción dun xeito óptimo.
Unha parte do inmoble está sendo usada xa como base
satélite para os Bombeiros despois de que a Deputación lla cedese ao concello,
polo que as autoridades decidiron que, co obxecto de minimizar os riscos, o
persoal sanitario se localizará preferentemente na Residencia Elvira Bao, que
conta con accesos de entrada e saída propios.
As persoas aloxadas terán ao seu dispor un total de 60
habitacións (58 dobres e dúas adaptadas para persoas con mobilidade reducida),
que serán ocupadas de xeito individual. As primeiras persoas usuarias da
residencia incorporaranse mañá xoves, 2 de abril. A Deputación da Coruña
contratará ademais un servizo limpeza e outro de cátering, que se encargará de
lle subministrar cada día o almorzo e a cea ao persoal médico e de enfermaría
que pase alí estas semanas. A UDC ofrecerá un servizo de lavandería e Inditex
achegará a roupa de cama das habitacións.
Un total de 66 persoas da área sanitaria informáronse sobre
esta iniciativa, á que se acollerán 30 profesionais nos vindeiros días.
A Coruña súmase á iniciativa de
PHotoESPAÑA de fotografar a cidade desde as fiestras
A veciñanza poderá subir as
instantáneas a través do Instagram do festival e as mellores formarán parte
dunha mostra colectiva en xuño, situada nun lugar emblemático
A Coruña, 1 de abril de 2020.- O
Concello da Coruña súmase á convocatoria do Festival Internacional de
Fotografía e Artes Visuais PhotoESPAÑA, a través da cal a veciñanza poderá
explorar a súa creatividade e plasmala en instantáneas sacadas desde as
fiestras. O resultado de #PHEdesdemibalcón exporase no mes de xuño nunha mostra
que se situará nunha praza ou nun lugar emblemático da cidade e tamén nas súas
balconadas. Deste xeito, o festival quere homenaxear as persoas que tan grande
esforzo están realizando estes días por quedaren na casa. Estes elementos
mediante os que as e os coruñeses se asoman ao exterior para aplaudiren e
conectárense co de fóra servirán, unha vez que pase o confinamento, de soporte
para albergar a selección de imaxes sacadas desde o interior.
A exposición poderase desfrutar durante o verán e desde a
rúa. Para participar, unicamente haberá que subir as fotografías a través de
Instagram cos hashtags #PHEdesdemibalcón e #PHE20. A páxina web do evento
acollerá unha galería virtual coas mellores pezas gráficas presentadas.
Ademais da Coruña, xa están tamén inscritos os concellos de
Madrid, Alcalá de Henares, Alcobendas, Segovia, Salamanca, Valladolid,
Santander, Badaxoz e Sevilla, aos que se irán sumando máis de cara a facer máis
levadía esta corentena. Nestes momentos en que o compromiso individual é
decisivo, PHotoESPAÑA lanza un dobre
chamamento. Por un lado, a todas/os aqueles que desde as súas fiestras e
balconadas observan o seu día a día, para animalos a construíren un relato
fotográfico co que expresaren a súa creatividade e atoparen nel novas formas de
comunicarse. E, por outro, queren convidar a que os consistorios do Estado convertan os
espazos emblemáticos das súas urbes nun gran lenzo en que amosaren as imaxes
das persoas que viven neles.
Trátase de lle dar unha oportunidade á veciñanza para que
comparta colectivamente e a pé de rúa todas as miradas individuais.
Estas exposicións marcarán o inicio da vixésimo terceira
edición de PHotoESPAÑA 2020, que se desenvolverá na tempada estival até finais
de setembro. A convocatoria estará aberta até o 17 de maio e cada día, a
organización subirá novas composicións á súa web.
No hay comentarios:
Publicar un comentario