Traductor

miércoles, 22 de abril de 2020

Comeza o dispositivo “Ninguén atrás”

Comeza o dispositivo “Ninguén atrás”, co repartimento de tarefas ao alumnado solicitante do CEIP Rosalía de Castro


Un equipo de voluntarias e voluntarios do concello entregaron o material que preparou este centro para que o alumnado que necesita un reforzo educativo non quede descolgado por falta de recursos 501 familias solicitaron este servizo en que traballan conxuntamente as concellerías de Educación e Benestar Social 

A iniciativa "Ninguén atrás" púxose hoxe en marcha coa recollida de tarefas escolares para as nenas e nenos das familias do CEIP Rosalía de Castro que así o solicitaron, de xeito que un equipo de voluntarias/os recolleron o material que preparou o centro para llelo levar impreso aos seus domicilios. Neste aspecto, as concellerías de Educación e Benestar Social traballan conxuntamente, co fin de que ningún cativo nin cativa quede atrás por non dispor de recursos na casa.

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, destacou que de momento detectaron 501 familias con nenas e nenos que precisan este reforzo e destacou a implicación deste colexio en concreto, que lle facilitou o proceso realizando un traballo de campo en que recolleu a listaxe de alumnos e alumnas para lles axudar con este servizo. O edil sinalou que esta ferramenta é para que todos os centros escolares da cidade a utilicen e que, para iso, a concellería habilitou o correo electrónico tarefasescolares@coruna.es, ao que cada colexio ou instituto pode enviar un pdf con leccións da casa que se achegan impresas en papel aos fogares. Unha vez que as rematen, comunicaránllelo ás e aos titores e as persoas cooperantes de Benestar Social acudirán de novo aos seus domicilios para devolver ese material a cada centro e que o profesorado o corrixa e avalíe.

Celemín agradeceu a resposta positiva tanto do profesorado como dos cadros directivos "nestes momentos tan delicados en que nos atopamos ante unha situación totalmente nova" e espera ofrecerlle á cidadanía máis dispositivos deste tipo para evitar que o alumnado quede descolgado en cuestións académicas. A medida que reciban os arquivos en pdf, o concello irá entregando as copias, polo que haberá repartimentos todos os días.

Para obter información das persoas demandantes, "Ninguén atrás" habilitou un número de teléfono do Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), 981 184 294, co que as/os particulares e os colexios públicos e concertados contactaron coa idea de que o persoal técnico conformase grazas á súa axuda a correlación entre nenos e nenas e os centros en que cursan os seus estudos. Das 501 solicitudes recibidas até o momento, 343 foron de alumnado de primaria, 122 pertencen á ESO, 10 estudan bacharelato e 22 de FP.

No hay comentarios:

Publicar un comentario