O concello reactiva a partir de mañá o servizo de BiciCoruña e será obrigatorio utilizar luvas durante todo o traxecto
O
Goberno local considera que as bicicletas son un medio de transporte
máis seguro e adecuado para evitar a concentración de persoas noutros
medios de transporte público, ao facilitar o distanciamento social.
O seu uso está restrinxido a aquelas actuacións permitidas polo estado
de alarma, como o traslado xustificado ao posto de traballo e ás
consultas médicas
O concello reactiva desde mañá o servizo de alugamento de bicicletas de uso público municipal BiciCoruña, tras establecer un protocolo que reforza as medidas de limpeza e desinfección das bicicletas e das instalacións, co fin de garantir a seguridade da cidadanía. Para usalas, será obrigatorio levar luvas.
O Goberno local considera que, ao reactivárense algúns sectores, é necesario facilitar a mobilidade da veciñanza dunha maneira segura. A bicicleta, explican, ao ser un modo de transporte individual, permite o distanciamento social necesario, imprescindible para evitar contaxios e cumprir coa normativa establecida no estado de alarma decretado polo Goberno de España.
Durante as semanas de suspensión do servizo, EMVSA, empresa pública xestora do dito servizo, limpou e desinfectou todas as bicicletas, bases de estacionamento, furgonetas de repartimento e o resto das infraestruturas, con produtos desinfectantes homologados. Estas tarefas continuaranse desevolvendo a diario coa finalidade de reducir e minimizar, na medida do posible, os riscos para as persoas usuarias e evitar contaxios.
Así mesmo, EMVSA adoptará as medidas necesarias para que o persoal traballador de Bicicoruña en contacto co servizo cumpra todas as medidas sanitarias preceptivas para desempeñar as súas funcións na reparación de bicicletas e mais na repartición destas polas estacións da cidade.
A reapertura efectuarase de maneira gradual para todas e todos os usuarios habituais, así como para quen se dea de alta a partir mañá, atendendo ás necesidades e demandas detectadas. As persoas usuarias poderanse informar a través da web www.bicicoruna.es.
As estacións reabriranse de luns a venres, das 7.30 ás 20.30 horas. O horario do sábado será de 7.30 a 14.30 horas. O domingo e o resto dos festivos permanecerán cerradas. Só se poderán utilizar as bicicletas para realizar traxectos xustificados e permitidos polas autoridades no estado de alarma e durante o tempo necesario para iso. Nun primeiro momento, instalaranse só tres bicicletas en cada estación.
Ademais, será obrigatorio usar luvas de protección (durante todo o traxecto, así como na retirada e depósito da bicicleta en cada estación) e seguir as normas de hixiene, seguridade e distancia social aprobadas polas autoridades sanitarias. Ademais, as e os usuarios evitarán tocar a estación aparca-bicicletas e as partes das bicicletas que non sexan necesarias para poder conducilas.
A Policía Local será a encargada de velar porque as persoas usuarias cumpran as normas. Pola contra, poderán ser sancionadas e mesmo poderían retirarlles o abono de BiciCoruña se incumpriren estas indicacións. Os responsables municipais, sen prexuízo do que dispoñan en cada momento as normas sanitarias, recomendan levar durante os traxectos un documento que xustifique o desprazamento, e recomendan tamén usar unha máscara de protección.
Até que finalice o estado de alarma, os abonos anuais das e dos usuarios activos prorrogaranse polo tempo equivalente desde o peche do servizo (13 de marzo de 2020), sen que sexa necesario que a persoa usuaria contacte con atención ao cliente ou rexistre unha incidencia.
Calquera xestión, poderase tramitar a través do correo electrónico a contacto@emvsa.es ou chamando aos teléfonos 981 910 460 e 881 922 316.
No hay comentarios:
Publicar un comentario