O concello aplicaralles a moratoria ás e aos inquilinos de
pisos municipais cunha situación económica vulnerable
A veciñanza poderá beneficiarse desta prórroga presentando a
solicitude por vía telemática ou a través do correo electrónico rehabilitacionvivenda@coruna.es xunto coa documentación esixida, no prazo dun
mes
A Coruña, 11 de abril de 2020.- O concello
aplicaralles, como entidade pública de vivenda, a moratoria da débeda
arrendaticia regulada no artigo 4 do Real decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo,
a aquelas e aqueles inquilinos de pisos de titularidade municipal que se atopan
nunha situación de vulnerabilidade económica a raíz do confinamento polo
Covid-19.
Segundo establece a norma, a Concellería de Vivenda
concederalles a prórroga no pago ás persoas que a soliciten no prazo dun mes
desde a súa entrada en vigor e que acrediten ademais a súa situación crítica
como consecuencia da emerxencia sanitaria actual.
Así mesmo, amplía o dereito a solicitaren a moratoria a
aqueles inquilinos e inquilinas que conten con contratos de alugueiro
anteriores ao 1 de xaneiro de 1995, data da entrada en vigor da Lei 29/1994, do
24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Para poder ser beneficiarias/os do
dito dereito, deberán encontrarse igualmente na situación de vulnerabilidade
económica definida no seu artigo 5 e acreditalo mediante a documentación sinalada
no artigo 6. Toda esta información está subida no BOE (Boletín Oficial do
Estado) desde a semana pasada.
Dado que os rexistros municipais están pechados en
aplicación do protocolo asinado o 15 de marzo canto ao funcionariado e co fin
de lle facilitar á cidadanía o procedemento, esta poderá achegar os documentos
esixidos telematicamente ou remitindo un correo electrónico
rehabilitacionvivenda@coruna. es ,
con independencia de que posteriormente se lle requiran os documentos para
comprobalos ou emendalos.
O concello é propietario de 410 vivendas, bens de carácter
patrimonial que ten alugados ou cedidos na súa maior parte.

No hay comentarios:
Publicar un comentario