Rey e Núñez Feijóo desbloquean varios proxectos estratéxicos
para a cidade e retoman o diálogo institucional
Ambos conviñeron en rebaixar a
tarifa dos residuos que se levarán desde Nostián á planta de Sogama.
Daranlle máxima celeridade á
Estación Intermodal co fin de executar a infraestrutura nos vindeiros meses.
A alcaldesa e o presidente da Xunta
déronlle luz verde ao proxecto de reubicar un centro de saúde no mercado de
Santa Lucía, que terá un uso mixto.
Rey pediulle a Feijóo que A Coruña
forme parte activa do Xacobeo 2021 e ambos estudarán a posibilidade de
construír un albergue de peregrinos.
A Coruña, 29 de xullo de 2019.- A alcaldesa
Inés Rey agradeceu o espírito dialogante do presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, logo da reunión de hoxe, na que trataron os asuntos que competen ao
Goberno autonómico na cidade: “A comunicación debe ser fluída e constante e
isto é un exemplo do regreso á normalidade institucional”. “Hoxe comezamos a
recuperación do diálogo coa Xunta polo ben da cidade, que está por riba de
todos nós”, afirmou Rey. A rexedora amosou a súa dispoñibilidade para cooperar
na construción dun novo hospital público na antiga Fábrica de Armas ou ben
anexo ao existente (en espello), un proxecto que estará resolto a finais de ano
e que supoñerá un 50% máis de superficie de asistencia á area sanitaria
coruñesa.
Ademais, Rey acordou poñer en marcha un centro de saúde no
mercado de Santa Lucía para trasladar así aos usuarios do ambulatorio de
Federico Tapia ao novo edificio de carácter mixto.
Con respecto a Nostián, ambos acordaron unha rebaixa da
tarifa dos residuos que se deriven á planta de Sogama por estar xa tratados
previamente, de forma que non se produza máis acumulación de restos con
todo o que isto perxudica á contorna e aos coruñeses.
En canto á Estación Intermodal, coincidiron ambos en sacar
adiante o último acordo asinado e executar a infraestrutura nos vindeiros meses
para que vertebre o transporte público dunha urbe na que destacaron o bo
funcionamento das liñas metropolitanas.
No ámbito de vivenda, Rey comunicoulle o interese do
Goberno local por formar parte do Programa de Vivendas Baleiras co fin de
facilitarlle un fogar a aqueles coruñeses en risco de exclusión social así como
valorou positivamente o Programa Rexurbe para a recuperación de edificios, que
na cidade comezará a ser efectivo na zona de Pescadería.
Noutra orde de asuntos, Rey pediulle que a cidade sexa
parte activa do Xacobeo 2021 e as dúas administracións estudarán a construción
dun albergue de peregrinos.
Para a Cidade das Tic, onde estará presente tamén a
Universidade, Rey contou co compromiso de Feijóo a cooperar na creación da
mesma co fin de darlle acubillo ás demandas do sector da Industria: “O proxecto
é compatible cunha infraestrutura sanitaria se se dera o caso”, apuntou a
rexedora.
A alcaldesa aplaudiu a intención da Xunta de abrir unha
nova residencia para maiores que dará cobertura a 150 persoas, unha obra que
prevén licitar antes do ano e que se completará cos dous novos centros de día
de Monte Alto e Eirís por parte do Goberno autonómico.
Xa no eido educativo, Rey valorou positivamente a posta en
marcha do novo colexio de Novo Mesoiro no curso 2020-20121 e os traballos que
se están a acometer na actualidade no IES Eusebio da Guarda e no colexio de
Formación Profesional de Someso. Todos estes proxectos xunto coas tres novas
escolas infantís de Monte Alto, Eirís e Sardiñeira, virán a completar a oferta
pública.
No encontro tamén se falou da redefinición do porto
interior para o que os dous acordaron voltar a reunirse unicamente para abordar
o futuro do litoral. Por último, Rey aprobou a iniciativa do Goberno autonómico
de desenvolver en Elviña un Ecobarrio polo aforro enerxético que isto
implicará.


No hay comentarios:
Publicar un comentario