O Concello ofrece a súa máxima colaboración ao
Deportivo para a reforma da fachada, a posta en marcha do seu
museo e para potenciar o fútbol feminino
A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse co
presidente do Real Club Deportivo, Francisco Martínez Zas, ao que expresou o
seu desexo de que o equipo feminino de fútbol teña máis relevancia e maior
presenza en Riazor.
A Coruña, 19 de xullo de 2019.- A alcaldesa,
Inés Rey, mantivo esta mañá unha reunión co presidente do Real Club Deportivo,
Francisco Martínez Zas e a súa directiva, aos que lles ofreceu a súa máxima
colaboración e disposición para lograr que o clube poida regresar á primeira
división o próximo ano, xa que resulta de vital importancia para a marca da
cidade contar cun representante na máxima categoría do fútbol nacional.
A alcaldesa expresou o seu compromiso de colaborar nas
obras de reforma da fachada, na posta en marcha do futuro museo do Deportivo e
de potenciar o fútbol feminino. Para a rexedora, o equipo feminino, que xoga
este ano a liga Iberdrola, debe ter a mesma relevancia e presenza que o
masculino. “Confío en que o Deportivo feminino xogue este ano en Riazor,”,
apuntou. Neste sentido, o presidente do Deportivo confirmou que existe o
compromiso do clube de que o equipo de feminino xogue algúns partidos na
Coruña, en lugar de facelo nos campos de Abegondo.
Rey sinalou que o impulso do deporte feminino terá unha
gran relevancia no seu mandato.
“Non só o deporte feminino, senón o inclusivo”, dixo o
tempo que incidiu na necesidade de facer
melloras nas instalacións para facilitar a acessibilidade de todos os
colectivos.
Ademais, a rexedora anunciou que estes días iniciaranse
unhas obras no interior do estadio para reparar os danos causados pola reforma
da cuberta. “Todo estará listo para a celebración do Trofeo Teresa Herrera”,
dixo. Nesta liña de diálogo, perfiláronse os actos do 75 aniversario do estadio
de Riazor que terán lugar este outono.
Con esta primeira reunión ábrese un novo escenario de
colaboración e diálogo entre ambas as institucións. A intención do goberno,
dixo a rexidora, é non esgotar os prazos
do convenio en vigor que finaliza no 2025, e comezar a traballar no futuro
convenio entre Concello e Deportivo. Un convenio, explicou, que recollerá as
futuras obras de remodelación da fachada do Estadio.
Rey destacou que o Deportivo é un símbolo da cidade e que
supón un gran impulso non só no aspecto deportivo, senón tamén no aspecto
económico e turístico. “O Deportivo e patrimonio de todos os
coruñeses e un elemento moi importante na proxección da cidade”, apuntou.
A rexedora e o responsable do clube ratificaron o seu
desexo de ter un diálogo fluido e de manter o impulso ao deporte base, ademais
de concretar outras cuestións relacionadas coa imaxe de cidade xa que, como
sinalou o presidente do Deportivo, “o Deportivo é A Coruña e A Coruña é o
Deportivo”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario