A Marea Atlántica trasladará ao
pleno a declaración impulsada pola Alianza pola Emerxencia Climática
Esta iniciativa, desenvolvida por colectivos cidadáns, procura o
recoñecemento da grave crise ecolóxica que supón o cambio climático e insta
ao Concello da Coruña a seguir tomando medidas
Da man dos movementos sociais, apostamos pola creación dun
Consello Cidadán de Emerxencia Climática, que poida facer seguimento das políticas impulsadas para
facerlle fronte ao quecemento globa.
A voceira municipal
da Marea Atlántica, María García, e o concelleiro Xiao Varela reuníronse esta
semana con representantes da Alianza pola Emerxencia Climática. As activistas
presentaron o modelo de Declaración de Emerxencia Climática, que se está a
levar a municipios e parlamentos de todo o Estado na procura do recoñecemento
da grave crise ecolóxica que supón o cambio climático. As representantes da
Marea Atlántica comprometéronse a trasladar este documento ao Pleno ordinario do
mes de setembro, en forma de moción, e buscar o máximo consenso co resto dos
grupos para aprobala.
En tempos de revisionismo irresponsable por parte da dereita
e a ultradereita, a Declaración convida ás institucións a recoñecer o
quentamento global coma un realidade, que “pon en grave perigo ao planeta e os
seus ecosistemas”, tal e como demostran as evidencias científicas.
Desde as Nacións Unidas, a Plataforma Científica
Intergobernamental para as Políticas sobre a Biodiversidade e os Ecosistemas
(IPBES) revela nun recente informe que máis dun millón de especies están
ameazadas pola actividade humana. E o Panel Intergobernamental sobre o Cambio
Climático (IPCC), tamén ligado á ONU, advirte de que unha suba de máis de 1,5
graos nas temperaturas globais será irreversible.
Polo tanto, a Declaración de Emerxencia Climática urxe a
asumir “unha folla de ruta vinculante capaz de garantir as reducións de gases
de efecto invernadoiro anuais, abandonar os combustibles fósiles, apostar por
unha enerxía 100% renovable e reducir a cero as emisións netas de carbono o
antes posible”. E así o defenderemos, a instancias dos movementos cidadáns, no
Pleno do mes de setembro. Do mesmo xeito, solicitarémoslle ao goberno municipal
a creación dun Consello Cidadán de Emerxencia Climática, no que as entidades
poidan ter información sobre as políticas que se poñan en marcha para afrontar
o quecemento global.
A Alianza pola Emerxencia Climática está formada por máis de
40 entidades, como Amigos da Terra, ATTAC, CGT, Ecoloxistas en Acción, Adega,
Greenpeace, Rede Ecofeminista, SEO Birdlife, USO ou WWF, entre outras.
Catro anos de conciencia climática
Durante o mandato anterior, o goberno da Marea Atlántica
puxo en práctica varias políticas para actuar contra a emerxencia climática
desde todas as áreas de goberno. Para comezar, o novo contrato de subministro
eléctrico municipal, dotado con 7 millóns de euros, ten como condición que o
100% da enerxía proveña de fontes renovables.
Introducíronse melloras de eficiencia enerxética nos
edificios municipais e no alumeado público en barrios como Os Rosais e no
trazado da Rolda de Outeiro, desenvolveuse na depuradora de Bens un proxecto de
produción de biogás a partir das augas fecais, que xa a está a mover buses
interubanos na nosa contorna, reducíronse as verteduras contaminantes nun 80% e
mellorouse a separación de augas fecais e pluviais en toda a cidade, reducindo
o custe enerxético do seu tratamento e depuración posterior.
Tamén se introduciron axudas para a rehabilitación enerxética
de edificios privados, e se fomentou o uso da bicicleta (medio de transporte
saudable e non contaminante) coa ampliación do carril bici, que se duplicou en
extensión nos últimos catro anos e aínda ten melloras pendentes. Na mesma liña,
baixouse o prezo do billete de bus e fíxose de balde para menores de 13 anos, o
que levou a un incremento no uso do transporte público, tendo así menos coches
en circulación.
A creación de máis de 300 ecohortas, a promoción dos
produtos de proximidade nos mercados municipais, e as campañas de
concienciación cidadá foron tamén traballos que axudan a reducir o impacto do
cambio climático na nosa cidade.
Tamén se incrementou nun 10% o arborado da cidade, coa
plantación de 1.500 exemplares. Esta liña pode seguirse coa creación dos
Bosques da Coruña e o Plan de Infraestrutura Verde, proxectos que o novo
goberno local ten sobre a mesa e comprometeuse a desenvolver.
Esta liña de traballo forma parte tamén do acordo asinado
pola Marea
Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato, nos que o
Partido Socialista asume a creación dun operador eléctrico municipal con
prioridade polas enerxías renovables e o desenvolvemento dos novos contratos de
recollida e tratamento de lixo, deseñados para orientarse cara o residuo cero.
Cumprir estes acordos non é só un compromiso coa Marea, senón con todo o
planeta.
A Declaración de Emerxencia Climática non serve de nada se
non vai acompañada de medidas reais, concretas e medibles. Os primeiros pasos
foron dados no mandato anterior, e nestes próximos anos é preciso seguir
adiante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario