Concello e Xunta avanzan no deseño da Intermodal
• Villoslada asegura que se avanzou
na integración dos proxectos municipais no proxecto básico de execución, en
especial no referido aos accesos.
•
As
previsións da Xunta apuntan ao ano 2023 como data probable para finalizar todas
as obras que posibilitarían poñer en funcionamento a Estación Intermodal.
“Todos traballaremos para facer realidade unha infraestrutura prioritaria para
a mobilidade non só da cidade senón da área metropolitana e de Galicia”,
apuntou o edil de Movilidad.
A Coruña, 9 de agosto de 2019.- O concelleiro de Urbanismo,
Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, mantivo esta mesma mañá
unha reunión técnica co persoal responsable de mobilidade da Administración
autonómica co fin de axilizar a construción da Estación Intermodal.
Villoslada asegura que se avanzou na integración dos
proxectos municipais no proxecto básico de execución, en especial no referido
aos accesos. Ademais abordouse o proxecto básico contratado pola Xunta,
anterior ao proxecto construtivo, e analizouse a integración destes accesos no
citado proxecto. O edil de urbanismo afirma que este encaixe está practicamente
acordado, salvo “pequenos axustes técnicos”, que se acordarán en setembro cando
terá lugar a seguinte reunión a tres bandas: concello, ADIF e Xunta.
Por outro lado, o concello ultima a revisión do
convenio marco entre ADIF e Xunta do novembro pasado co fin de lle realizar
algunha achega ao mencionado acordo.
Ademais, abordáronse as diferentes modificacións
urbanísticas que debe facer o concello, necesarias para levar a cabo o proxecto
construtivo. Villoslada sostén que se trata de dúas modificacións: unha
referida ao plan que lles afecta ás avenidas da Sardiñeira e de Arteixo,
modificación que xa está elaborada e que se tramitará nos próximos meses, e
outra que lle afecta a todo o sector da avda. do Ferrocarril e ao chan da
propia estación.
O obxectivo da reunión de setembro entre as tres
partes é realizar un cronograma para determinar os pasos que hai que seguir co
fin de axilizar esta obra de máxima prioridade para o concello. Neste sentido,
Villoslada asegura que o seu departamento axilizará as obras para os accesos
dun dos proxectos (o que lle afecta á avda. de Ferrocarril, xa que non necesita
un cambio de plan). “Incluirémolo xa nestes orzamentos, licitarémolo e
executarémolo no menor tempo posible”.
As previsións da Xunta apuntan ao ano 2023 como data
probable para finalizar todas as obras que posibilitarían poñer en
funcionamento a Estación Intermodal.“Todos traballaremos para facer realidade unha
infraestrutura prioritaria para a mobilidade non só da cidade, senón da área metropolitana e de Galicia”, apuntou o edil de Mobilidade.

No hay comentarios:
Publicar un comentario