A Romaría de Santa Margarida daralle visibilidade á música e ao
baile tradicional galegos
O parque ofrecerá este domingo unha
xornada de gastronomía popular e actuacións das distintas entidades da cidade
cun programa deseñado de forma conxunta entre elas e o Concello
A Coruña, 21 de agosto de 2019.- A Romaría de
Santa Margarida pechará as festas de María Pita cunha xornada o domingo que lle
dará visibilidade á música e ao baile tradicional galegos e que comezará ás
12.00 h coa actuación da Banda Municipal. Pola tarde, Cascarillarte ofreceralles ás crianzas a posta en escena do Mago Román, que presentará ás 18.00 horas o seu espectáculo “Labirinto de ilusións”,
no exterior da Casa das Ciencias.
O programa, que se perfilou entre as entidades tradicionais
e o Concello, continuará no anfiteatro,
ás 19.30 horas, coa presenza da Asociación Cultural Son D’Aquí, que dará paso,
ás 20.25 h, á Agrupación Folclórica Aturuxo. A continuación actuarán, a partir
das 21.20 horas, a Asociación Cultural Donaire e a Banda das Crechas, que serán
as últimas en saír, ás 22.30 horas. O parque será de novo un encontro coa
empanada e demais exquisiteces gastronómicas da terra que se poderán mercar nos
postos e conformarán o menú dos que se acheguen ata o pulmón verde da cidade
durante todo o día.
Santa Margarida volverá así a poñer o broche festivo das
festas de agosto cunha romaría popular que rematará, ás 00.00 horas, cun
espectáculo pirotécnico.

No hay comentarios:
Publicar un comentario