María García: “O pacto á coruñesa entre a Marea e o PSOE amosa
que toda a cidadanía se beneficia do acordo en políticas de progreso” 
O 3 de outubro aprobarase no Pleno do Concello o
primeiro paso da Área Metropolitana, tras catro anos de bloqueo  
Entre outubro e novembro, iniciaranse os trámites para
crear un operador enerxético municipal a través de Emalcsa e para facer
gratuítas as escolas infantís municipais 
A Comisión de Seguimento dos acordos para o inicio do
mandato entre a Marea Atlántica e o PSOE quedou constituída esta mañá coa
sinatura dun documento que concreta prazos e avances dos compromisos asinados a
comezos de xullo, e que se materializarán de aquí ao ecuador de 2020. Nesta
comisión participarán a voceira municipal da Marea Atlántica, María García; o
vicevoceiro, Iago Martínez; e as voceiras da Coordinadora da Marea Atlántica,
Xan Xove e Sabela Pérez, xunto con José Manuel Lage, Gonzalo Castro e Santiago
Roura por parte do PSOE da Coruña.  
A reunión achegou detalles dos que serán os tres grandes
proxectos destes primeiros meses de mandato, iniciativas da Marea Atlántica que
serán desenvolvidas polo goberno do Partido Socialista: A creación da Área
Metropolitana da Coruña, un novo operador enerxético 100% municipal e a
gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos a partir do curso 2020-2021. Como
sinalou María García: “Este pacto á coruñesa amosa que non só é posible o
entendemento para impulsar políticas progresistas, senón que cando o
conseguimos, o beneficio é para toda a cidadanía. Os votos da Marea Atlántica
serán claves para conseguilo, e empregarémolos con sentido crítico, vixiando o
cumprimento destes acordos que hoxe concretamos”. 
Como sinalou a voceira municipal, na comparecencia tras a
sinatura do pacto, “a Marea Atlántica ten moi claro que naceu para facer
posible que as institucións melloren a vida de todo o mundo, iso fixemos no
goberno e iso seguiremos a facer desde a oposición. Non traballaremos desde o
bloqueo e o partidismo, senón desde o diálogo, con madurez e responsabilidade,
sempre polo ben común”. 
Primeiros pasos para a Área Metropolitana no Pleno de outubro
Así, acádase un compromiso para levar ao Pleno do 3 de
outubro “o proceso de constitución da área metropolitana ao abeiro do artigo
122 da Lei da Administración Local de Galicia (LALGA)”, e aprobalo cos votos da
Marea Atlántica e o PSOE, o que será o primeiro paso para a tramitación dun
anteproxecto de lei da Área Metropolitana, que será trasladado ao Parlamento de
Galicia. A elaboración dese
anteproxecto lexislativo levarase a cabo na Comisión 
Especial da Área Metropolitana, presidida por Iago Martínez,
que terá a súa primeira reunión en setembro. 
Deste xeito, desbloquéase a constitución da Área
Metropolitana, xa avanzada en todos os demais concellos implicados, o que supón
un benvido cambio de rumbo por parte do Partido Socialista, que rexeitara en
2016 iniciar o proceso na Coruña mentres votaba a favor noutros
consistorios.  
Nese mesmo Pleno terá lugar a aprobación definitiva da
Ordenanza de Igualdade, elaborada polo goberno da Marea Atlántica para
desterrar a discriminación quede desterrada de María Pita. Xa fóra aprobada
inicialmente en marzo deste ano, e agora completarase a súa tramitación para
que entre en vigor. 
Soberanía enerxética e ensino público
O documento asinado hoxe tamén establece que, antes de que
remate novembro, comezará a tramitarse en Emalcsa a creación dun operador
enerxético 100% municipal, con tarifas sociais e fomento das enerxías
renovables. O primeiro paso será “un acordo no Consello de Administración de
Emalcsa no que se definirán as liñas básicas do proxecto” e a posta en marcha
dun  grupo de traballo bilateral. 
Do mesmo xeito, no mes de outubro comezará o traballo para
cambiar o regulamento das escolas infantís municipais e facelas gratuítas para
toda a veciñanza. Esta modificación quedará lista antes de febreiro de 2020, e
no curso 2020, 2021 o ensino público de 0 a 3 anos será de balde.  
Outro acordo recollido no escrito é a posta en marcha da
Comisión Especial do Bordo Litoral durante o mes de outubro, e o compromiso de
coordinar este órgano presidido por Xiao Varela co Grupo de Traballo entre o
Concello e a 
Autoridade Portuaria. Tamén en defensa do bordo litoral,
levarase a Pleno en novembro a modificación do PXOM para garantir a natureza
pública dos terreos da Solana.  
Tamén se detallan os acordos para introducir descontos no
billete de bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, a apertura das Naves do
Metrosidero segundo o modelo de xestión deseñado, e á continuidade dos
Ozamentos 
Participativos. 
Os avances conseguidos hoxe
serven para manter o clima de confianza co que se iniciou o mandato, e sentarán
as bases para a negociación dos Orzamentos 2020 no Concello da Coruña. Esta
comisión reunirase con carácter bimestral para analizar o grao de cumprimento
dos compromisos adquiridos. 

No hay comentarios:
Publicar un comentario