Inés Rey: “Non quero perder
o tempo en batallas estériles que só serven para alimentar a desafección da política”
A alcaldesa mantén a súa aposta polo mandato “da
amabilidade” durante un almorzo informativo en María Pita
A Coruña, 26 de setembro de
2019.- A alcaldesa, Inés Rey, fixo esta mañá un balance dos seus
primeiros cen días ao fronte do Goberno local en María Pita. A rexedora mantén
a súa aposta por un mandato “amable e lonxe da tensión que se viviu nos últimos
anos” para centrarse no diálogo e nos acordos”. Trátase, dixo, dunha cuestión
de respecto institucional, “de non perder o tempo con batallas estériles que só
serven para alimentar a desafección política”. Neste sentido, o goberno
socialista soubo ir máis aló das siglas e recuperar o diálogo institucional con
outras administracións “sexan da cor que
sexan” e non caer “no vicio de rexeitar
todo aquilo feito polos anteriores gobernos”.
Asegura querer “levar o sentido común na política” e
adoptar acordos que beneficien á cidadanía sen importar que veñan doutros
partidos afastados ideoloxicamente de
nós.” A política municipal debe centrase no cidadán”, insistiu. Un propósito
que quedou reflectido nos acordos alcanzados coas forzas progresistas de
esquerdas Marea Atlántica e BNG e “na man tendida e o diálogo fluído co resto
de forzas da
Corporación”.
Nun clima que confía que se
manteña máis aló “da tradicional tregua” dos cen días. Desde o 17 de xuño a
prioridade máis inmediata, ademais de resolver problemas perentorios como os
campamentos de verán ou a xestión dos rexeitamentos de Nostián, foi analizar
polo miudo o funcionamento das diferentes áreas. Tamén analizar o estado dos
contratos dos servizos públicos, moitos deles xudicializados.
“Houbo que coñecer o estado da
administración para mellorar o que non funcionaba”.
Destacou, durante o almorzo
informativo que mantivo cos xornalistas, o traballo realizado polos
concelleiros/as e a súa dedicación as “24 horas do día” para sacar adiante
todos os proxectos que o Goberno local ten para este mandato; proxectos de
carácter transversal que necesitan da colaboración de todas as áreas”. E fixo
unha mención especial ás traballadoras e traballadores municipais “unha das
grandes fortalezas que ten o Concello é os seus traballadores” e mostrou a súa
satisfacción polo seu labor e profesionalidade. Sen esquecerse, sinalou, que é
necesario reforzar algúns servizos con máis persoal.
No ámbito do urbanismo, Inés Rey
destacou que a tramitación de licenzas recibirá un importante impulso xa que
durante os 100 primeiros días do anterior mandato se tramitáron 20 licenzas e
que neste foron 120 as licenzas concedidas. “Un dato que demostra que viñemos a
impulsar a administración local que padecía un grave letargo”.
PROXECTOS
Sinalou que son grandes proxectos
de cidade a Estación Intermodal, o novo Hospital, a fachada marítima ou
a Cidade das TICs, pero tamén o son o centro de saúde
de Santa Lucía, o Remanso, os equipamentos deportivos, a mellora no trazado do
carril bici ou a reordenación de liñas
de autobús, a reimplantación do carril
bus, erradicar o botellón en Méndez Núñez, construír novas escolas infantís e a súa gratuidade e
investir nos servizos sociais para que “ninguén quede atrás e poñer en marcha unha política real de inclusión”.
Insistiu no compromiso do Goberno local co medio ambiente mediante políticas
transversais de mobilidade que axuden a cumprir os acordos da Axenda 2030.
Neste sentido, lembrou que é de máxima prioridade o prego da xestión dos
residuos urbanos que lamentou que non estaba “nin moito menos listo”. En canto
ao Plan de Limpeza Integral lembrou
que a administración é “lenta” aínda que está segura de que se tramitará nas
próximas semanas co fin de que a cidade recupere “esa imaxe que todos
queremos”. Mentres tanto, estamos a realizar un plan de limpeza zonal en todos
os barrios da cidade.
Sinalou a xestión para facer realidade a Estación
Intermodal “como exemplo de traballar con outras administracións”. Un proxecto
vital para o plan de mobilidade e de transporte da cidade que estivo paralizado
moito tempo e que agora grazas “ás renovadas relacións institucionais conseguimos que vaia para adiante”. O
Concello xa fixo os seus deberes coa aprobación das modificacións do PXOM que
son necesarias para garantir os accesos á futura estación que estará finalizada
en 2023
“pasos que non son visibles, pero moi
importantes”, resaltou.
En canto á reordenación da fachada marítima, outro dos proxectos para este
mandato, Inés Rey, destacou que xa empezaron os traballos en colaboración coa
Autoridade Portuaria e indicou que a Corporación aprobará unha moción relativa
ao
Porto que
confía “que se aplicará” do mesmo
xeito que a da Casa Cornide.
Presupostos
O clima de diálogo, dixo, fai
posible que este ano se poidan comezar en setembro as negociacións dos
orzamentos para que poidan ser aprobados en xaneiro e, deste xeito, poder levar
a cabo as políticas que “van transformar a vida dos cidadáns”.
Unha aposta pola Igualdade
“Unha Corporación que defenda os
intereses das coruñesas non só con palabras, senón con feitos”. Anunciou que
levará ao pleno de outubro a aprobación definitiva da Ordenanza de Igualdade.
Área metropolitana
Outra das firmes apostas deste
goberno, apuntou a rexedora, é a creación da área metropolitana, tal e como
acordou onte con todos os concellos da área. No próximo pleno levará unha
proposta para que a Xunta promulgue unha Lei que permita a creación deste ente
supramunicipal.


No hay comentarios:
Publicar un comentario