Traductor

jueves, 26 de septiembre de 2019

Campionato Español de Tríatlon distancia olímpica na Coruña


Coruña ten unha cita esta fin de semana co Campionato Español de Tríatlon distancia olímpica




O Concello acolle as carreiras do Campionato de España de Tríatlon no que participan preto dun milleiro de atletas e que se disputará na contorna do porto coruñés, a zona do Parrote e a praza de María Pita

O edil de Deportes, Juan Ignacio Borrego, manifestou “o firme propósito da concellería de continuar co apoio a este deporte e fomentar o seu crecemento na cidade”

A Coruña, 26 de setembro de 2019.- O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, xunto ao presidente da Federación Galega de Tríatlon, Gonzalo Triunfo, e ao director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, presentaron esta mañá en María Pita o Campionato de España de Tríatlon distancia olímpica que se disputará esta fin de semana na cidade e no que participarán case un milleiro de deportistas.
Para o edil de Deportes, “o mundo do tríatlon vai camiño de facer da cidade un referente en España, un escenario vip para o deporte dos tres deportes”.
Borrego mostroulle a súa satisfacción á Federación da Coruña pola elección da Coruña como escenario das probas por segundo ano consecutivo e manifestou o
“firme propósito da concellería de continuar co apoio ao deporte e fomentar o seu crecemento na cidade”. 
Respecto ao Campionato de España de Tríatlon, Juan Antonio Borrego considera que “se a edición de 2018 foi moi positiva, en 2019 temos a expectativa de que sexa mesmo superior e ofrecer un espectáculo de gran nivel para a cidadanía coruñesa e visitante”. 
O obxectivo da Concellería de Deportes e da federación é que a cidade “goce dunha auténtica festa do tríatlon. Convidamos a participar a toda a cidadanía”, resaltou Juan Antonio Borrego, que destacou que “A Coruña ten os ingredientes necesarios para ser unha cidade de tríatlon pola súa relación co mar e unha contorna urbana ideal para as probas deportivas”
Ademais, quixo resaltar o valor que ten que todas as probas se poidan levar a cabo sen deixar o corazón da cidade e aproveitou para anunciar que o “Concello abriralles os seus museos e infraestruturas culturais e de lecer ás persoas participantes para que poidan gozar dos atractivos da cidade”.
Tanto o edil, como o persoal representante de ambas as federacións puxeron en valor que o tríatlon conseguise “a cualificación de evento sustentable, outra aposta importante pola natureza e o medio ambiente”.

O director de Competicións da FEPRI, Jorge García, agradeceulle ao Concello “a súa implicación e paixón nun proxecto que comezou hai dous anos cando se formulou o campionato” e sinalou que “é un luxo traballar co Servizo de Deportes do Concello da Coruña”.
Para a Federación Española de Tríatlon, A Coruña “é un escenario para o deporte e non todas as cidades están preparadas para iso”, ademais de dispoñer dunha “contorna ideal para as carreiras”.
Por último, incidiu tamén no inicio dun “camiño verde na federación que arrinca aquí na Coruña con diferentes accións para o público, o voluntariado e as/os deportistas”. Pola súa banda, o Presidente da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, Gonzalo Triunfo, quixo “agradecerlle ao Concello e todas as institucións implicadas a súa colaboración para sacar adiante o campionato”. Por parte da federación territorial, Triunfo destacou que Galicia contará “cunha ampla representación de deportistas. Estaremos encantados de gozar con eles aquí xunto ao resto das e dos principais triatletas do país”.



Probas e recorridos



Dous percorridos urbanos polo arco litoral coruñés serán os que conformen esta fin de semana as competicións do Campionato de España deste deporte, que se realizan durante a tarde do sábado e a mañá do domingo. Consistirán en varias carreiras con distintos formatos.
O campionato terá como puntos de máximo interese para o público a praza de María Pita, onde se instala a meta, e O Parrote, onde quedarán situadas as transicións. As carreiras máis prolongadas, as de bici, percorren as grandes avenidas da cidade entre o centro e o Hospital San Rafael o domingo, e ata a zona de San Diego, na avenida do Exército, o sábado.

Ás 16 horas da tarde do sábado inícianse as carreiras de elite no Parrote, coa proba feminina, que rematarán na zona de transición xa preto da Dársena, e as 18.30 horas a proba masculina. De Porta Real sairá o segmento ciclista, que percorre A Mariña, Cantóns, Sánchez Bregua, Praza de Ourense, Linares Rivas, Primo de Rivera, Palloza, Exército ata preto da gasolineira de San Diego e regreso polo mesmo itinerario. Unha vez rematado, inician a carreira a pé na Dársena, Mariña e Cantóns ata a praza de Mina e regreso, para rematar en María Pita.

O sector natación precisará 2 voltas para completar o quilómetro e medio; a bici 7 para cumprir cos 40 km necesarios, e a carreira a pé, catro voltas coas que cubrirán os 10 km da distancia olímpica deste deporte.



O domingo, a partir das 9.00 horas, será a carreira para os grupos de idade e ás 11.15 horas, a de Paratríatlon. Aínda que presentan algunhas diferenzas, o que máis as distingue das do sábado son os percorridos en bici —algunha delas prolónganse pola estrada das Xubias ata os hospitais— e a pé, que van de Porta Real ata o Oceanográfico, nas Ánimas.

As zonas de meta, en María Pita, e as transicións do Parrote, así como os amplos espazos peonís da Dársena da Mariña serán os lugares idóneos nos que seguir a proba, que tamén pode verse a través da retransmisión en directo de LaLigaSport. Durante a proba haberá xogos relacionados coa sustentabilidade en María Pita, onde o domingo actuarán diversos grupos locais.

Actividades paralelas
Coca Cola organiza na praza María Pita unha Xincana Sustentable de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas o sábado 28, e de 11.00  14.00 horas o domingo 29. En ambas as xornadas haberá ademais servizo de café a cargo de Vanenbikke. Durante o campionato realizaranse tamén tres concertos musicais de grupos coruñeses. O sábado de 17.00 a 17:30 horas actuará Black Crab e ás 20:30 horas o grupo Crimson and Clover. O domingo ás 11:30 horas tocará The Wonderminds.

Pode obterse máis información neste link da Federación Española de Tríatlon http://triatlon.org/triweb/index.php/competicion/campeonato-de-espana-de-triatlon-acoruna/

No hay comentarios:

Publicar un comentario