Xan Xove:
“Para A Coruña, Feijóo só ten promesas incumpridas”
O deputado autonómico e voceiro da Coordinadora da Marea Atlantica sinalou que “a maior
proposta para esta cidade foi o anuncio dun anuncio, que dentro de tres meses
nos dirá ubicación no novo hospital”
O deputado no Parlamento de Galicia e voceiro da
Coordinadora da Marea Atlántica, Xan Xove, valorou hoxe, co foco posto na
Coruña, as propostas de resolución que o Grupo Común da Esquerda leva ao Debate
de Política Xeral e valorou o discurso pronunciado onte por Alberto Núñez
Feijóo. “O presidente xa está en campaña, pero leva anos facendo as mesmas
promesas, e incumprindo todas as que teñen que ver coa cidade da Coruña”,
asegurou Xove, engadindo que “pola contra, desde a Marea Atlántica demostramos
que desde o entendemento, é posible impulsar políticas públicas que benefician
a toda a cidadanía”.
O deputado sinalou que “o único que ten Feijóo para A
Coruña son promesas incumpridas, que recupera unha e outra vez, mentres seguimos
agardando pola Intermodal, o saneamento da Ría do Burgo ou a nova residencia de
maiores que se fará, por certo, en terreos cedidos en Eirís polo goberno de
Xulio Ferreiro”.
“Onte, a maior proposta do presidente da Xunta para A
Coruña foi o anuncio dun anuncio, que dentro de tres meses nos dirá a ubicación
no novo hospital”, explicou Xan Xove, e reclamou que “o proxecto sexa acordado
coas profesionais da sanidade, e que non sexa unha escusa para seguir
recortando en atención primaria, porque en barrios como Labañou chega a haber
11 días de espera para unha cita no centro de saúde”. Na mesma liña, o seu
maior proxecto estes anos foi unha pasarela, a de Marineda, que acumula meses
de atraso e só serve para chegar a un gran centro comercial privado. “Di moito
do modelo Feijóo”, concluíu.
Dereitos fronte a asistencialismo
Xan Xove lembrou que o martes, a Marea Atlántica
chegou a un acordo co PSOE da Coruña para “que as escolas infantís municipais
sexan de balde a partir do curso 2020-2021, facendo realidade unha das
propostas do programa electoral”. E, ao día seguinte, Feijóo copia parcialmente
a idea e anuncia a gratuidade só a partir do segundo fillo por familia: “Nós
consideramos que o ensino de 0 a 3 anos é un dereito, parte da educación
pública, mentres a Xunta enfócao como unha medida asistencialista”.
Este “pacto á coruñesa” asinado pola Marea e o PSOE
amosa que “pode construírse unha alternativa á dereita desde o diálogo, a
responsabilidade e a altura de miras: na Coruña xa se está a traducir en
medidas como os avances na Área Metropolitana e na creación dun operador
enerxético municipal, que encaixan co modelo de país que propoñemos desde o
Grupo Común da Esquerda”, afirmou o deputado.
Resolucións para unha Galicia mellor
Entre as 40 resolucións que o Grupo Común da
Esquerda persenta hoxe no Parlamento de Galicia, Xan Xove salientou a
relacionada coa loita contra a pobreza enerxética, na que a liña marcada coa
futura ampliación de Emalcsa para dar servizos de enerxía social e sostible pode
ser un camiño a seguir. “É un cambio de modelo necesario na loita contra o
cambio climático, demandado por coleticivos como Fridays For Future e o Movemento Galego polo Clima”.
Defendeu tamén o rescate da AP-9, unha autovía
privatizada en 2013 e que suma beneficios desmesurados cada ano, e convidou a
reflexionar sobre a mobilidade sostible nun sentido amplo, para o que resulta
fundamental avanzar na integración do transporte urbano e interurbano a través
das áreas metropolitanas: “A da Coruña bota a andar estes dias, por fin, aínda
que impulsada desde os concellos e non desde a Xunta, agardemos que Feijóo non
a bloquee como está a facer coa de Vigo”.
No marco da mobilidade, o Grupo Común da Esquerda
esixe tamén a mellora das infraestruturas ferroviarias, que non remata co AVE.
“Precisamos unha rede de cercanías axeitada, incluíndo a mellora da liña
Coruña-Ferrol, ancorada no século XIX —asegurou Xove—, a conexión con Portugal
a través do Corredor Atlántico de mercadorías e a imprescindible conexión ferroviaria
ao Porto Exterior da Coruña, sen a cal carece de sentido o enorme investimento
en Punta Langosteira”.
Ademais, o deputado salientou a esixencia dunha
reactivación industrial, fundamental para empresas como Isowat, competitiva e
con carga de traballo, pero que “está a piques de pechar porque Abanca non
chega a un acordo para venderlla a un comprador interesado. Ese banco que antes
foi unha caixa galega, que tamén vendeu a súa parte de R, agora ameazada de
deslocalización”.
Finalmente, o Grupo Común da Esquerda propón crear
unha Renda Social Galega, que mellore a RISGA da Xunta e responda ás demandas
que os colectivos sociais levan década facendo: simplificar trámite e criteiros
para que chegue a todas as persoas que a precisan. “De feito, o da Coruña e
outros concellos tiveron que pasar por riba das súas competencias e crear as
súas propias rendas sociais, para atender a quen non podía recibir a RISGA: son
o modelo a seguir”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario