AVIA VEIRA INQUIRE AO GOBERNO LOCAL CANDO E ONDE TEN PENSADO REIMPLANTAR O CARRIL BUS
Pregunta para a súa resposta oral no pleno ordinario de outubro.
A Coruña, a 25 de setembro de 2019. A concelleira do BNG Avia Veira insta o goberno local a que precise cando e onde ten pensado implantar o carril bus.
O emprazamento ao executivo coruñés vaino facer Veira a través dunha pregunta para a súa resposta oral no pleno ordinario do próximo mes. A sesión aínda non está formalmente convocada, mais todo indica que se vai celebrar o xoves 3 de outubro.
O carril bus foi retirado da cidade polo goberno conservador de Carlos Negreira. A súa reimplantación foi pactada por nacionalistas e socialistas no acordo asinado por ambas forzas a 19 de xuño de 2019, entente que fixo viábel a investidura de Inés Rey.
Para o BNG, a posta en marcha do carril bus é un elemento básico da política de mobilidade que precisa a cidade, ao mellorar as prestacións do servizo do bus e desincentivar o uso do coche particular.
Alén da reimplantación do carril bus, o BNG demanda un novo mapa de liñas, máis frecuencias de paso dos buses e o alargamento dos horarios para os facer coincidir coas horas de entrada e saída dos traballos das veciñas e dos veciños.
O BNG LEVA A MODERNIZACIÓN DO TREN A FERROL E LUGO AO PLENO DO CONCELLO
Na moción para o seu debate o xoves 3 de outubro, o grupo municipal nacionalista interésase tamén pola conexión ferroviaria co porto exterior
A Coruña, a 26 de setembro de 2019. O grupo municipal do BNG vai defender unha moción para a mellora das conexións ferroviarias con Ferrol e Lugo no pleno ordinario do próximo mes, a se realizar o vindeiro xoves día 3.
Con esta iniciativa, da autoría de Francisco Jorquera, o BNG insta tamén o goberno local a que demande diante do Estado a “urxente realización da conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira”.
No texto da moción, o portavoz do BNG en María Pita considera “escandalosa” a situación da liña ferroviaria actual entre A Coruña e Ferrol, “dúas cidades distantes menos de 20 quilómetros en liña recta” que estarían a padecer “unhas comunicacións ferroviarias máis propias de comezos do século XX do que da primeira metade do século XXI”.
Non por acaso esta liña non dá satisfacción ás necesidades de ambas cidades, sendo que, argúe Jorquera, é “froito dun deseño centralista preocupado de resolver as conexións co centro da península, pero non para conectar A Coruña e Ferrol entre sí”.
A falta de racionalidade do trazado –os trens teñen que se deter 10 minutos en Betanzos-Infesta para mudar de posto de condución e inverter o sentido da marcha- ten como consecuencia que a duración media da viaxe entre as dúas cidades do Golfo Ártabro sexa de unha hora e vinte minutos, a conexión máis lenta do Estado por vía de ancho ibérico, denuncia o voceiro nacionalista.
Situación análoga é a que presenta a liña a Lugo: a duración da viaxe abala entre 1h30m e 1h56m, máis ou menos o tempo que se emprega no AVE para circular entre Madrid e Valéncia.
Sendo así todo isto, o BNG coida “imprescindíbel” a modernización destas liñas “para potenciar o transporte de mercadorías por ferrocarril e para facer posíbel un tren de proximidade que preste servizo á área metropolitana da Coruña”. Isto é: se se pór ao día a rede, a comarca podería dotarse dun moi necesario servizo de cercanías: “O percorrido do camiño de ferro entre Betanzos e A Coruña fai posíbel a conexión coa cidade desde Betanzos, Guísamo, Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler, para dende As Xubias conectar co centro da Coruña a través do tendido ferroviario do porto ou co campus de Elviña e os polígonos industriais a través do ramal a San Cristobo”.
E o transporte de mercadorías exixe tamén, e así o demanda o BNG, a realización “coa maior celeridade posíbel”, da conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira, “asegurando a ligazón entre o porto interior e o porto exterior e unha solución definitiva á futura Estación de Mercadorías”.
O Grupo
Municipal do Bloque Nacionalista Galego
(BNG), a iniciativa do seu portavoz Francisco Xesús Jorquera Caselas, ao
abeiro do regulamento Orgánico Municipal, presenta a seguinte MOCIÓN relativa ás infraestruturas
ferroviarias.
Exposición de motivos
A situación da liña
ferroviaria entre A Coruña e Ferrol só pode calificarse como escandalosa. Dúas
cidades distantes menos de 20km en liña recta, eixo dunha rexión (o Golfo
Ártabro) cunha poboación superior a medio millón de habitantes e un grande
dinamismo económico, padecen unhas comunicacións ferroviarias máis propias de
comezos do século XX que da primeira metade do século XXI.
Tal afirmación non é
unha esaxeración pois dende que en 1913 entrou en funcionamento a liña entre
Betanzos-Infesta e Ferrol apenas houbo investimentos para mellorar as súas
prestacións. Non moi distinta é a situación da liña A Coruña-Betanzos-Lugo,
operativa dende 1875 como un tramo da liña A Coruña - Palencia. De feito a liña
entre Betanzos-Infesta e Ferrol foi deseñada como unha variante de A Coruña-
Palencia, pensada para proporcionar tamén unha conexión a Ferrol coa meseta
pero non para conectar A Coruña e Ferrol entre sí. Esta situación absurda, froito
dun deseño centralista preocupado de resolver as conexións co centro da
península pero non as necesidades de conexión das cidades galegas entre elas, é
a que explica que aínda hoxe os trens que fan o percorrido entre A Coruña e
Ferrol teñan que ter postos de condución en ambos extremos e deterse dez minutos en Infesta para cambiar de posto de condución e inverter o
sentido da marcha.
A liña A
Coruña-Ferrol ía estar integrada no eixo atlántico ferroviario, pero tras
desbotarse a construción dunha nova infraestrutura alegando o seu alto custo,
as actuacións para acadar unha modernización efectiva da liña non superaron
nunca a fase de estudo informativo. A consecuencia é que a duración media da
viaxe entre A Coruña e Ferrol é de 1h:20m. (a conexión máis lenta do Estado por
vía de ancho ibérico) ao que hai que sumar uns horarios e unhas frecuencias de
servizo totalmente inadecuadas.
A situación descrita é
extensíbel á liña A Coruña-Lugo. A duración da viaxe entre ambas cidades oscila
entre 1h30m e 1h56m, semellante á duración da viaxe en AVE entre Madrid e
Valencia (1h53m).
A modernización
destas liñas tamén é imprescindíbel para potenciar o transporte de mercadorías
por ferrocarril e para facer posíbel un tren de proximidade que preste servizo
á área metropolitana da Coruña. Baste dicir que o percorrido do camiño de ferro
entre Betanzos e A Coruña fai posíbel a conexión coa Coruña dende Betanzos, Guísamo,
Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler, para dende As
Xubias conectar co centro da cidade a través do tendido ferroviario do porto ou
co Campus de Elviña e os polígonos
industriais a través do ramal a San Cristobo.
No que atinxe á
potenciación do transporte de mercadorías por ferrocarril cómpre lembrar que o
itinerario A Coruña-Lugo-Monforte é a saída natural das mercadorías con orixe
na área da Coruña. Potenciación do transporte de mercadorías que esixe tamén a
realización, coa maior celeridade posíbel, da conexión ferroviaria co Porto Exterior de Punta Langosteira,
asegurando a ligazón entre o porto interior e o porto exterior e unha solución
definitiva á futura Estación de Mercadorías.
Por todo isto, o
Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
Acordos
¾ Instar o Goberno
Municipal a que demande diante do Goberno central a urxente modernización da
liña ferroviaria entre A Coruña e Lugo e A Coruña e Ferrol, incluíndo a realización dun
bypass en Betanzos, adecuando a infraestrutura
dos camiños de ferro ás necesidades dos servizos ferroviarios de media e longa
distancia, servizos de proximidade e transporte de mercadorías. A actuación
terá como obxectivo facilitar a mellora dos servizos, reducindo tempos de viaxe e intensificando frecuencias.
Ademais esta actuación debe ter por obxecto facilitar o establecemento futuro
de servizos de cercanías.
¾ Instar o Goberno
Municipal a que demande diante do Goberno central a urxente realización da
conexión ferroviaria co Porto Exterior de Punta Langosteira, asegurando a ligazón
entre o porto interior e o porto exterior e unha solución definitiva á futura
Estación de Mercadorías.

No hay comentarios:
Publicar un comentario