Celemín destaca os valores
educativos e solidarios do XVIII Festival Intercentros
A décimo oitava edición destinará o recadado durante o
curso e na gala do 28 de marzo en Palexco ás institucións de Cáritas e Aspace
A Coruña, 24 de setembro de 2019.- O concelleiro de Cultura, Jesús
Celemín, presentou en Afundación o XVIII Festival Intercentros, que nesta
edición dirixirá o recadado ás institucións de Cáritas e Aspace, repartido nun
60% para a primeira e un 40% para o colectivo que traballa con nenas e nenos
con parálise cerebral. O edil destacou que o que naceu nun patio de colexio
como o de Santo Domingo FESD (Dominicos) cumpre este ano a maioría de idade coa
idea de seguir sumando quilos solidarios e avances sociais para a cidadanía,
neste caso, con actividades de recollida de alimentos e charlas durante todo o
curso e cunha gala, que terá lugar o 28 de marzo en Palexco.
A cita concentrará a creatividade
e talento para o baile e a canción do alumnado de preto de 30 centros
educativos e entidades da cidade e a área metropolitana, máis de mil pequenas e
pequenos que “irán para a casa co mellor dos trofeos, que é o de axudar a quen
non ten”. Aínda que tecnicamente está cuberto, o organizador da gala, Rodrigo
Hidalgo, sinalou que poderán solicitar praza os centros interesados ata o
venres no correo info@festivalintercentros.org por se queda algún oco libre.
Toda a información está na páxina web
festivalintercentros.org.
Celemín felicitou as persoas organizadoras pola
“lección de vida” que lle dan todos os anos ao estudantado e a unha cidade que
terá en primavera unha cita coa solidariedade, que comezará pola mañá coas
categorías infantís e seguirá pola tarde con cancións e coreografías xuvenís de
institucións e colexios. Hidalgo agradeceulle ao Concello a colaboración
porque “sen eles, esta obra educativa, musical e solidaria non sería posible” e
destacou que ambos os proxectos axudan a que quen participan vexa a sociedade
desde a perspectiva de quen máis o necesita: “Cóntanse xa por decenas as
cooperacións de Intercentros, centradas en realidades educativas como Aspace,
buscando esa dignidade que se merecen, e Cáritas, atendendo as necesidades
primarias que teñen que facerse efectivas”.
PROXECTOS
Pola súa parte, Pilar Farjas, de Cáritas, contou que
a iniciativa que comezaron en setembro de 2018, pola que as persoas usuarias
son quen acoden directamente ao Economato para recoller con vales os alimentos
que precisan, chega xa a 503 familias, máis de 1.400 persoas que se benefician
na actualidade dun proceso de integración social, nun xeito de defender “a
dignidade e a xustiza, que hai que canalizar para que se sintan iguais”.
Antolín Rodríguez, de Aspace, explicou que pasaron
máis de 40 anos desde que un grupo de familias sen recursos para as súas fillas
e fillos con parálise cerebral decidiron xuntarse. Hoxe, máis de 100
traballadoras/es asisten a un total 112 persoas en dúas residencias, onde dan
unha atención permanente nun centro educativo e nun centro de día: “Compartimos
os valores de Intercentros, de educación, música, solidariedade, diversidade,
convivencia… Damos servizo todos os días do ano e teño a experiencia de que
cando unha persoa nos visita ao terminar di: ‘Coñecía a entidade polos papeis e
polos datos, pero non ten nada que ver co feito de estar aquí e ver como se
traballa”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario