A alcaldesa Inés Rey e o edil de Educación, Jesús Celemín, recibiron en María Pita a directiva do CEIP Alborada e do IES Plurilingüe Elviña para escoitar as súas peticións de cara a mellorar puntos clave na limpeza, xardinería e accesibilidade dos centros.
A Coruña, 24 de setembro de 2019.- A alcaldesa, Inés Rey, e o edil de Educación, Jesús Celemín, recibiron esta mañá no consistorio a María del Carmen Iglesias, directora do CEIP Alborada, e Francisco J. Suárez, director do IES Plurilingüe Elviña, en representación da comunidade educativa de ambos os dous centros que atenden aproximadamente a 1000 estudantes xunto coas súas respectivas familias.
A reunión foi un primeiro punto de encontro entre o Goberno local e estes centros educativos que lle achegaron á alcaldesa as súas preocupacións e cuestións nas que consideraron que “o apoio do Concello podería resultar determinante, e os seus puntos de vista enriquecedores e clarificadores”, aseguraron.
A directiva dos centros de Elviña pediulle melloras na limpeza e xardinería na contorna do aparcadoiro dos centros e nas súas inmediacións. En canto á accesibilidade, solicitaron apoio na xestión do tráfico de vehículos e persoas nas horas críticas de entrada e saída dos centros, así coma unha mellor sinalización pública.
Os membros da dirección deste instituto e colexio aproveitaron a ocasión para agradecer a boa colaboración recibida permanentemente por parte dos representantes municipais nos consellos escolares e confían na vontade de colaboración que o Concello “mostra sempre cara aos centros educativos da cidade”, dixeron.
A Concellería de Turismo dá
novos pasos para afianzar a posición da Coruña como destino congresual de
referencia
O Consorcio de Turismo e Congresos colabora na
realización de dous importantes congresos médicos na cidade no mes de outubro
A Coruña, 24 de setembro de 2019.-
A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Turismo, Diana Cabanas, recibiron
esta mañá no consistorio a Miguel Pérez Fontán, médico adxunto do Servizo de
Nefroloxía do CHUAC, e Teresa Pérez López, supervisora do Servizo de Diálise do
CHUAC, ambos os dous presidentes dos comités destes congresos que se realizarán
na cidade no mes de outubro.
O XLIX Congreso da Sociedade Española de Nefroloxía (SEN)
terá lugar no PALEXCO do 5 ao 8 de outubro e acollerá a 1000 profesionais desta
especialidade médica. A este milleiro de asistentes haberá que sumar os outros
500 profesionais previstos no XLIV Congreso Nacional da Sociedade Española de
Enfermería en Nefroloxía (SEDEN), que terá lugar nas mesmas datas.
A undécima edición de Poetas Di(n)versos traerá voces da antiga Mesopotamia
A nova entrega do ciclo comezará o
7 de outubro coa marinense Lara Dopazo e a iraquí Manal Al-Sheikn compartindo
versos no centro Ágora
A Coruña, 24
de setembro de 2019.- O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou
esta mañá o ciclo Poetas Di(n)versos xunto a Yolanda Castaño, a
coordinadora dunha actividade que regresa o 7 de
outubro, ás 20.30 horas, ao centro Ágora no que será unha undécima edición en
clave feminina e con dúas convidadas da antiga Mesopotamia ao xuntarse, nunha
primeira sesión, unha voz do país como a marinense Lara Dopazo e a iraquí Manal
Al-Sheikn. A nova entrega traerá o 16 de decembro a poeta Maram Al-Masri desde
Siria para casar os seus versos cos do celanovés Baldo Ramos.
En novembro, a cita irase o día 25 ata Romanía con
Dan Coman, que compartirá protagonismo co lugués Manuel Darriba. Será, por
tanto, unha oportunidade para coñecer en directo a referentes internacionais do
xénero e achegarse ás letras dos que as cultivan en Galicia. No escenario, as
tres parellas recitarán poemas en galego e nas outras linguas do mundo dun
xeito gratuíto e conducidos pola directora da iniciativa, quen destacou que Dan
Coman está a piques de publicar o seu primeiro libro en castelán. Castaño
cualificou os tres escritores de aquí como “imprescindibles”, cunha Lara
Dopazo, que é “a única escritora en galego bolseira pola Academia española en
Roma”.
Por outra parte, unha libraría local ofrecerá os
títulos das persoas convidadas para que quen así o estime leve asinado o seu
exemplar para a casa.
O programa, que leva once anos seguidos
comprometéndose coa poesía, conseguiu en 2014 o Premio da Crítica de Galicia á
Mellor Iniciativa Cultural. En todo este tempo, pasaron polo Ágora desde
candidatos ao Premio Nobel a gañadores do Pultitzer pasando por Premios
Nacionais, e é a única iniciativa de carácter estable que unha vez ao mes lles
dá espazo a figuras poéticas dos cinco continentes. Nesta edición, o primeiro
dúo de poetas introducirá o público en contidos bélicos, no caso de Manal
Al-Sheikn, e na soidade, para deixar paso nunha segunda volta, a de novembro, a
unha mirada que se alimentará de ironía e perplexidade.
Decembro virá da man de versos exquisitos que
camiñarán entre a música e a plástica, nunha posta en escena multidisciplinar
que despedirá o trimestre. Yolanda Castaño falou de que con esta nova entrega,
Poetas Di(n)versos segue a abrir os oídos a todo o que se está a escribir en
linguas masivas e minoritarias, “todas no mesmo nivel sobre as táboas do
Ágora”.
Un ano máis os Museos Científicos Coruñeses ofertan os
escolares de Galicia a ciencia desde todos os puntos de vista
Para
dar a coñecer estas novidades se están a publicar en redes sociais
espectaculares imaxes en 360º que ademais permiten coñecer recunchos e
perspectivas pouco coñecidas da Casa das
Ciencias,
a Domus e o Aquarium Finisterrae
A Coruña, 24 de setembro de 2019.- Os Museos Científicos Coruñeses poñen en
marcha a campaña escolar achegando aos centros educativos un completo programa
de actividades, exposicións e contidos audiovisuais. Para dar a coñecer estas
novidades se están a publicar en redes sociais espectaculares imaxes en 360º
que ademais permiten coñecer recunchos e perspectivas pouco coñecidas da Casa
das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae.
O primeiro vídeo pódese ver nesta
ligazón:
www.youtube.com/watch?v=7T1Hjihfngc&t=17s
Para este curso que acaba de empezar,
as principais novidades da oferta escolar inclúen a exposición da Domus sobre
nutrición Bocados; o programa de
Planetario Lévame á Lúa, na Casa das
Ciencias; ou a exposición sobre a reprodución das especies acuáticas, Sexo azul, no Aquarium Finisterrae.
Ademais, están programados numerosos
obradoiros nas instalacións do Aquarium e no Laboratorio Aberto e a sala Maker
da Domus, así como unha ampla oferta de sesións escolares no Planetario da Casa
das Ciencias.
Os grupos escolares do municipio da
Coruña poden reservar a visita de forma gratuíta. O resto de centros gozan de
tarifas reducidas e mesmo dalgunhas oportunidades de acceso gratuíto ao longo
do curso.
A información escolar completa, aquí:
http://www.coruna.gal/mc2/gl/visitas-escolares



No hay comentarios:
Publicar un comentario