Traductor

miércoles, 16 de octubre de 2019

A Marea Atlántica convoca a Comisión de Transparencia


María García: “A declaración das Illas de San Pedro como espazo natural está a piques de caducar pola parálise da Xunta” 

O deputado Xan Xove preguntará no vindeiro Pleno do Parlamento de Galicia, a semana próxima, cando pensa a Consellería de Medio Ambiente resolver este procedemento, que o PP xa deixou caducar no ano 2012 A contorna da Torre de Hércules, o espazo con maior biodiversidade da Coruña, leva ano e medio agardando pola declaración provisional de ENIL



A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o deputado autonómico Xan Xove, do Grupo Común da Esquerda, informaron hoxe de que o procedemento para declarar as Illas de San Pedro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) está a piques de caducar despois de dous anos gardado nun caixón na Consellería de Medio Ambiente. Mentres, o ENIL da contorna da Torre de Hércules leva ano e medio agardando pola súa declaración provisional.
“O 17 de novembro de 2017 publicouse no DOG a declaración provisional das illas de San Pedro como ENIL, a Xunta tiña dous anos para aprobar a declaración definitiva e aínda non sabemos nada”, explicou María García. No próximo Pleno do Parlamento de Galicia, a vindeira semana, Xan Xove pediralle explicacións á conselleira de Medio Ambiente a través dunha pregunta oral urxente por esta “falta de compromiso coa defensa ambiental e coa cidade da Coruña”, para instala a desbloquear dunha vez esta resolución. 
Sería a segunda vez que este procedemento caduca. Xa fóra iniciado polo bipartito PSOE-BNG, pero en 2011, coa chegada do PP a María Pita, o goberno de Carlos Negreira non chegou a presentar a documentación solicitada. “Agora o Concello fixo todos os deberes, xa no anterior mandato, pero volve ser o PP, desde a Xunta, quen paraliza a declaración de ENIL, por puro desinterese, porque é un proxecto que nin sequera lle esixe dotación orzamentaria da Xunta”, afirma María García. 
Polo que respecta á contorna da Torre de Hércules, a zona con maior biodiversidade da Coruña, o Concello entregou toda a documentación requirida o 6 de xuño de 2018, “só para que un mes despois se nos pedise que remitísemos todo outra vez, pero en castelán”, sinalou a voceira municipal da Marea Atlántica. “Fixémolo e despois dunha tortuosa e lentísima tramitación, aínda non temos nin a declaración provisional de ENIL. Á Xunta non lle importa a protección da natureza, nin xestiona os seus espazos nin deixa que o fagan os concellos”. 

Para Xan Xove, “esta é a enésima mostra de que á Xunta non lle importa a cidade da Coruña, xa que bloquea sistematicamente todos os proxectos que teñen que ver con ela. Nin tampouco lle importa a protección ambiental, decisiva na loita contra o cambio climático e contra a perda de biodiversidade”. O deputado lembrou, ademais, que a protección das Illas de San Pedro é unha demanda histórica dos movementos ambientalistas da Coruña xa desde os anos 90, debido a gran riqueza natural da zona.
O compromiso ambiental do goberno da Marea Atlántica
En contraste co desinterese da Xunta, o goberno da Marea Atlántica puxo en marcha xa varias medidas para protexer as illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules, sen agardar pola declaración de ENIL. 
No caso da Torre, estableceuse un plan de segas que respecta a época de cría das aves e outros animais, o que levou a un visible aumento da biodiversidade. Tamén se regularon os eventos públicos, e realizaronse campañas de educación ambiental e retirada de especies invasoras, como a unlla de gato. 
Nas Illas de San Pedro encargouse un observatorio de aves na costa a cargo dos fondos DUSI e púxose en marcha un estudo sobre a reprodución do corvo mariño cristado, unha especie singular e ameazada. Medidas ás que agardamos que o goberno do PSOE lle dea continuidade. 
Tamén se realizou un detallado Mapa da Biodiversidade na Coruña, que identificou arredor de 3.500 especies animais e vexetais no municipio, sinalando os puntos de maior valor natural. Entre eles salientan, por suposto, as illas de San Pedro e a contorna da Torre, eses que a Xunta non quere protexer. 


A Marea Atlántica convoca a Comisión de Transparencia na procura dun acordo que mellore a información que o goberno lle traslada á oposición

O edil Iago Martínez, presidente da comisión, procurará o apoio de todos os grupos para solicitarlle ao goberno informes trimestrais sobre as políticas de transparencia, o gasto en publicidade e a contratación pública

O concelleiro Iago Martínez, presidente da Comisión de Transparencia, convocará este órgano o venres ás 10.00 horas para atender as queixas dos grupos da oposición sobre a falta de rigor e celeridade na información que lles traslada o goberno municipal, tanto nas preguntas escritas do Pleno como no acceso a expedientes. Ante esta situación, e tras unha rolda de conversas con todos os grupos da Corporación, Martínez proporá un acordo para que o executivo traslade a esta comisión unha serie de informes trimestrais.
“A transparencia é unha obriga legal dos gobernos, non unha opción, pero o goberno non a está a cumprir satisfactoriamente o que prescribe o Regulamento Orgánico Municipal en canto a facilitarlle información á oposición”, sinalou Martínez. “A resposta ás preguntas escritas no Pleno está a ser imprecisa no mellor dos casos, e desde Ciudadanos tamén se trasladou hai pouco unha denuncia sobre as dificultades que se están a poñer para ter acceso aos expedientes”, lembrou.  
 Tres informes trimestrais 
En concreto, se este acordo resulta aprobado, a Alcaldía deberá presentar cada tres meses un informe sobre as políticas de transparencia e o grao de cumprimento da normativa específica e dos indicadores de Transparencia Internacional (ITA). Tamén deberá informar sobre a contratación pública, incluída a porcentaxe de fondos destinados a cada un dos tipos de contratos previstos legalmente; e sobre o gasto en publicidade e propaganda detallando, cando menos, os gastos relacionados cos medios de comunicación.  
Finalmente, a petición do PP, pediráselle ao goberno municipal datos sobre os servizos que se están a prestar sen contrato, o estado das licitacións e os prazos para adxudicalas.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario