Despois de dous días de eliminatorias e debates previos, o
centro educativo La Salle 2, de
Santiago de Compostela, pasa a formar parte dos 20 equipos que se disputarán a
fase final nacional, organizada polo Consello Xeral de Economistas no Banco de
España
A primeira edición do Torneo Nacional de Debate Económico para o alumnado de
Bacharelato, organizado polo Colexio de Economistas da Coruña, xa ten gañadoras
e gañadores para a súa fase provincial, tras un disputado debate no salón de
plenos protagonizado por dous equipos do centro educativo La Salle, de Santiago
de Compostela. O tema que trataron foi os efectos da dixitalización sobre a
creación e mantemento do emprego e o xurado elixiu ao equipo 2 de La Salle para
a final nacional.
O torneo ten como obxectivo aproximar ao alumnado á
realidade económica e empresarial da súa contorna, favorecer a adquisición de
habilidades tales como o traballo en equipo, a negociación ou a oratoria, así
como concienciar aos cidadáns da importancia de adquirir un adecuado nivel de
cultura financeira nas diferentes etapas da vida, en especial, no ámbito da
educación non universitaria.
O xurado desta final provincial
estivo formado pola concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva
Martínez Acón; o decano do Colexio de Economistas, Miguel A. Vázquez Taín; e algúns membros
da súa Xunta de Goberno; Mila Sieiro Constenla, vicedecana de Economía,
Servizos e Infraestruturas da Facultade de Economía da
Universidade da Coruña; e Álvaro Jiménez, en representación de Mediamarkt A
Coruña, partner tecnolóxico do evento.
Urbanismo comprométese a incluír xogos inclusivos nos parques
infantís
A
concellería colaborará coa Fundación Abrente para completar unha guía sobre as
igualdades de oportunidades para o ocio e o xogo na infancia a través de
espazos participativos
A
concellería de Urbanismo comprométese a incluír elementos que garantan a
accesibilidade e a inclusión nos parques infantís que así o precisen. A
presidenta da Fundación Abrente, Carmen Touza, reuniuse co edil Juan Manuel
Díaz Villoslada para presentarlle, xunto coa autora Sara González e a súa
titora Thais Pousada, a guía “Igualdade de oportunidades para o ocio e o xogo
na infancia a través do deseño de espazos inclusivos e participativos: un
proxecto de aprendizaxe-servizo”, tema no que a alumna de Terapia Ocupacional
centrou o seu traballo de fin de grao e a través do cal aborda as carencias que
existen nas instalacións para a cativada, ubicadas nos distritos 1 e 6 da
cidade.
O concelleiro asegurou que estudarán unha vía de
colaboración co colectivo para que se poida completar o proxecto e que abranga
a totalidade das infraestruturas que hai na Coruña e sinalou que actuarán nas
que xa menciona Sara no libro xa que se ben en accesibilidade, os parques si se
adaptan a persoas con diversidade funcional, estas non contan con xogos inclusivos
en máis da metade dos analizados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario