A Corporación respalda un
modificativo de crédito de case 3 millóns de euros para pagar as rendas sociais
e ampliar a rede de
BiciCoruña
O grupo municipal do Partido Popular abstívose na votación.
O Goberno local comezará a próxima semana a negociar os
orzamentos do 2020
A Coruña, 30 de setembro de 2019.- A
Corporación deu esta mañá luz verde ao modificativo de crédito de 2.997.473,27
euros que asegura o incremento de fondos para as rendas sociais e de emerxencia
social. Todos os grupos políticos, o grupo municipal do Partido Popular
abstívose, respaldaron o cambio nas contas para que as axudas sociais poidan
ser pagadas.
O modificativo inclúe a concesión de tres créditos
extraordinarios e 14 suplementos de crédito. Destínase un incremento de crédito
de 417.000 euros a rendas sociais. Este suplemento servirá, segundo se dixo,
para sufragar mensualidades que non estaban cubertas polo orzamento previsto.
Este modificativo, explicou o portavoz, permitirá facer fronte ao pago das
rendas sociais e as de emerxencias sociais no conxunto do exercicio 2019 e
incorporar novas actuacións. Trátase dun total de 243 rendas avaliadas e
concedidas e que na actualidade xa se están sufragando.
A outra partida de 240.000 euros destinarase a
emerxencia social. Durante este ano concedéronse 1.442 axudas de emerxencia
social e está previsto que se paguen un total de 554 novas solicitudes. É
dicir, este ano atenderanse un total de case 2.000 solicitudes de emerxencia
social.
A Corporación tamén asumiu no expediente do
modificativo a emenda introducida polo grupo de Marea Atlántica que servirá
para incrementar os fondos destinados para poder levar a cabo obras de reforma
nos colexios. Un total de 62.553 euros para arranxar danos nas escola infantil
municipal Arela e no CEIP San Francisco Javier.
O portavoz do Goberno local e portavoz de Economía e
Facenda, José Manuel Lage, agradeceu “que todos os grupos apoien este
modificativo, hai 243 rendas sociais concedidas neste ano, a xestión foi
exemplar e dilixente, pero sobre todo rigorosa. O que facemos hoxe é darlle
soporte a estas necesidades. Con este acordo imos tramitar as 553 solicitudes
que entraron como solicitudes no mes de xuño”.
“Abrimos unha nova etapa na que a man tendida busca
acordos especialmente nas políticas das persoas. Non son números, son persoas,
estamos centrados nas políticas das persoas”, dixo. “Grazas a todos os grupos
por apoiar este modificativo, incluso a aqueles que coa súa abstención,
facilitaron a súa aprobación”.
Con este modificativo, dáse resposta aos tres
alicerces básicos que sustentan o proxecto que lidera o Goberno local: a
reactivación económica coa mobilización dos recursos públicos, a aposta polas
políticas sociais e o “selo verde” que se traduce en melloras na mobilidade.
Lage lembrou durante a súa intervención que a falta de
orzamentos implica dificultades á hora de levar unha “óptima xestión” e
lamentou que a falta de previsión impedise que as partidas para a renda social
e a emerxencia social non fosen incluídas no modificativo do crédito que Marea
presentou antes das eleccións. Por iso, recalcou, é necesario facer previsións
realistas das contas.
E anunciou que esta semana comezarán os contactos para
negociar as contas e, deste xeito, que A Coruña poida ter orzamentos en
xaneiro, “onde teremos a oportunidade de ver cales son as propostas de todos os
grupos políticos”. Confiamos, dixo Lage, en que se traballe mirando o futuro e
convidou a todos os grupos a presentar iniciativas positivas para a cidade.
Outras das partidas máis significativas é a de 1.661.350
euros, que se destina a ampliar a rede de BiciCoruña. Trátase, explicou o
portavoz, dun crédito extraordinario, para poder levar a cabo as actuacións
previstas que inclúen un proxecto dos orzamentos participativos e do Eidus, que
estaban recollidas no capítulo 7 do orzamento.
En concreto refírese ás novas estacións de BiciCoruña
dos Mallos, Elviña, Parque de Eirís, Ventorrillo, e nos polígonos de Pocomaco e
A Grela, Expocoruña, Universidade e Marineda, entre outras. Máis dun millón de
euros destinarase ás subministracións e instalacións de lectores, módulos,
carril bici, estacións e novas bicicletas a través do programa EIDUS e a
instalación de estación en Catro Camiños.
O documento recolle outras partidas que non tiñan
previsión orzamentaria, pero que deben ser atendidas porque son
"actividades recorrentes ou de interese estratéxico para a nosa
cidade". Entre outras, inclúese unha partida de 80.000 euros para o
convenio con Amigos da Ópera para financiar a tempada lírica de 2019 que lle
corresponde ao departamento de Cultura. No apartado de Deportes incorpóranse
dous suplementos de crédito; un de 30.000, para o desenvolvemento da carreira
Enki 2019, a través dun convenio coa Fundación Abrente; e outro de 60.000 euros
destinados a incrementar a convocatoria pública de subvencións para entidades
sen ánimo de lucro.
Tamén anunciou un investimento de preto de 400.000
euros que irán parar ao ámbito da mobilidade. A maior parte destínanse á
mellora, ao mantemento e ao funcionamento das instalacións da rede semafórica.
Outros fondos utilizaranse na mellora de elementos de sinalización, gastos en
comunicacións, resolución de alegacións e outras actividades de carácter máis
ordinarios.
Por outra banda, froito dos ingresos por contribucións
especiais, destínase unha partida pequena de 8.000 euros para proxectos de
mellora do parque de Bombeiros. No eido do medio ambiente, destínase unha
partida de 50.000 euros para afrontar a certificación final da obra de
acondicionamento na vertedoiro de Bens, que incluíu unha planta de residuos
(lixiviados) e mellora das infraestruturas.
Canto a equipamentos deportivos sufragaranse obras de
reforma nos vestiarios dos campos de fútbol da Grela e nos campos de Visma.
"Actuacións pequenas que quedaron pendentes e que hai que resolver",
sinalou José Manuel Lage.
O portavoz do Goberno local explicou que "todo este
volume de actuacións supoñen dar baixas no orzamento por valor de 2.600.271
euros e utilizar case 400.000 euros do remanente líquido de tesourería".

No hay comentarios:
Publicar un comentario