O Pleno pon en marcha a
Área Metropolitana cos votos a prol de todos os grupos agás os do Partido
Popular, que se abstivo 
O Pleno Municipal gardou un
minuto de silencio en lembranza da histórica concelleira socialista Pilar
Valiño  
O grupo municipal
socialista opúxose á moción do PP sobre o Plan Integral de Limpeza ó considerar
que o Concello xa está traballando na fórmula máis axeitada de contratación
para poñelo en marcha. 
A Corporación acorda por
unanimidade, tras seis anos de discrepancia, impulsar o centro de saúde e o
Mercado de Santa 
Lucía  
A Coruña, 3 de outubro de 2019.- A
Corporación acordou, cos votos a prol de todos os grupos agás a abstención do
Partido Popular, impulsar a creación da Área Metropolitana e redactar un
anteproxecto de lei que deberá ser enviado ao Parlamento galego. O voceiro
socialista, Jose Manuel Lage Tuñas, asegurou que o executivo dá cumprimento aos
pactos acadados co resto das forzas progresistas e alcaldesas e alcaldes da
comarca. “A Coruña non pode constituirse de costas á comarca e o que se inicia
hoxe é un trámite, unha vontade, que deberá materializarse” sinalou. Para Lage,
a postura dos socialistas na comarca “non é novedosa, os socialistas apostamos
por consorciar a xestión dos servizos cos municipios limítrofes””. 
Neste senso, o voceiro do grupo municipal socialista
criticou a actitude de non colaboración do PP xa que “non é entendible a súa
postura que é consciente da realidade, pero que se opón por pasiva a un longo
proceso que dependerá fundamentalmente do Parlamento Galego” e deixou claro que
“se pon en marcha un proceso de cooperación para impulsar unha área
metropolitana que xa existe, que é real e que, polo de agora, non ten un
formato exclusivo nin unha única posibilidade de lei” en alusión ás críticas da
portavoz do grupo de Partido Popular Beatriz Mato quen rexeitou a idea dunha
Área Metropolitana por Lei.   
O Partido Popular decidiu retirar da orde do día a
moción para reclamar ó Goberno de España a transferencia ás entidades locais
dos recursos derivados da participación nos ingresos do Estado ante a emenda
presentada polos grupos de PSdG, Marea Atlántica e BNG, mentras que a  moción para por en marcha un plan de choque
para a recuperación dos espazos públicos saiu adiante cos votos a favor do
propio PP,  Marea Atlántica e Ciudadanos
e abstención do BNG. O grupo municipal socialista opúxose  o considerar que o Concello xa está traballando na fórmula máis axeitada de contratación
para poñelo en marcha. “A pesares da situación en precario do contrato do
servizo de limpeza, está a levar a cabo actuacións puntuais nos barrios”,
apuntou Fontán. A concelleira de Medio Ambiente detallou todas as medidas que
estanse a levar a cabo e anunciou que o seu departamento está a elaborar unha Ordenanza de pintadas e grafitis. 
A Corporación Municipal, despois de seis anos, a
puxose dacordo en recuperar para uso público dotacional o edificio do mercado
de Santa Lucía, reunirse cos representantes da Consellería de Sanidade para
concretar o proxecto a realizar e axilizar todos os trámites administrativos
necesarios para que o novo ambulatorio sexa unha realidade neste mandato.
Ademais, o Goberno local demandará á Xunta a dotación orzamentaria suficiente
para construír o centro de saúde. Deste xeito, todos os grupos acordaron a
compatibilidade de usos para o inmoble. Tamén está previsto que o executivo
manteña unha reunión coa veciñanza e comerciantes da Falperra para coñocer de
primeira man as súas demandas. 
Tamén aprobou (coa abstención do PP e Ciudadanos) a
moción da Marea Atlántica, emendada polos socialistas, para recorrer a sentenza
que obriga ao Concello a pagar 1,65 millóns de euros polo custo adicional das
obras do túnel do Parrote e a reurbanización de superficie da Mariña executadas
pola Autoridade Portuaria, titular do chan. O edil de Urbanismo, Juan Díaz
Villoslada, asegurou que o Goberno local, sempre que os informes técnicos e
xurídicos o avalen, defenderá os intereses municipais e esgotará a vía
xudicial. Neste senso, Villoslada apelou ao Partido Popular a “non botar
sombras permanentemente sobre o que se fixo no pasado” en alusión ás relacións
do anterior executivo coa Autoridade Portuaria. Ademais, o Goberno local, unha
vez recepcionadas as obras, solicitará a cesión da titularidade dos terreos.
Para iso, sinalaron, crearase un grupo de traballo permanente entre o Concello
e a Autoridade Portuaria.   
Outro dos asuntos aprobados foi o convenio asinado
entre a entidade pública RED.ES e o 
Concello para poñer en marcha o programa piloto  “Conecta Coruña” e o compromiso de dotar nos
orzamentos de 2020 e 20121 de dúas partidas que garantan as cuantías que debe
asumir o Concello. “Conecta Coruña” permitirá ao Concello conectar 213 edificios
públicos mediante á plataforma SmartCity. A actuación, que inclúe edificios
municipais, da Xunta,  Universidade e
Estado, entre outros, permitirá que as tecnoloxías informen sobre a xestión,
eficiencia enerxética, seguridade, coordinación de tráficos, e mobilidade dos
edificios da rede. 
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, foi a
responsable de expoñer o contido da 
Ordenanza de Igualdade na diversidade que contou co apoio unánime de
todas a forzas que manifestaron o seu total compromiso coas políticas de
igualdade. A concelleira de Benestar Social agradeceu o labor desenvolto polo
anterior executivo da Marea Atlántica e alabou o traballo feito polos técnicos
de Servizos Sociais. “O compromiso do Goberno local coas desigualdades e a
loita contra a violencia machista é claro e verase reflectido nos orzamentos”,
sinalou. 
Neira explicou que, dentro dos escasos recursos da
súa concellería, estase a realizar un mapa por zonas que permitirá facer unha
diagnose dos problemas existentes e dos perfís das mulleres que solicitan os
distintos servizos cos que conta o Concello para “empezar a dar respostas
eficaces”. 
Para Neira, “aínda que non se deben patrimonializar
determinadas cuestións, non se pode esquecer que foi o PSOE quen aprobou a
primeira lei integral contra a violencia de xénero e a lei autonómica de
igualdade entre homes e mulleres” e pediu unidade na loita contra as
desigualdades. 
A ordenanza, establece o réxime xurídico da igualdade
entre todas as persoas no ámbito do Concello da Coruña, atendendo á normativa
existente nesta materia. Recolle, ademais, os principios en materia de
igualdade de xénero que deben rexer nos órganos de goberno e na xestión
municipal. Esta disposición de carácter normativo, explicou Neira, eríxese  como un documento marco no que se fixan as
bases para a política local de igualdade na diversidade “co obxectivo de xerar
cambios na realidade  do municipio” 
A adhesión do Concello á declaración institucional do
XII Pleno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a prol da
Axenda 2030 dos Obxectivos de 
Desenvolvemento Sustentable foi outro dos asuntos que
abordaron os concelleiros no Pleno e que contou co apoio de toda a Corporación.
MOCIÓNS 
A instancias dunha moción presentada por Cidadanos e
aprobada por todos os grupos relativa a situación de precariedade económica que
padece a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Goberno local pedirá que se convoque
a comisión mixta para revisar o convenio asinado entre a Xunta e a
administración local co fin de adoptar medidas que apoien o traballo do
Consorcio da Música. O edil de Cultura, Jesús Celemín, calificou  “de inxustiza” o que está acontecer coa OSG e
lembrou que a Xunta endebeda ao Consorcio desde 2011 cinco millóns de euros. 
Por outra banda, a Corporación apoiou un plan de
medidas contra a ocupación ilegal de vivendas. O Goberno local porá en marcha
un plan de Protección da Convivencia e Seguridade Veciñal que terá que
elaborarse antes de que remate o primeiro semestre do ano 2020. Ademais,
reclamará ao Estado o incremento do cadro de persoal da Policía Nacional para
reforzar a seguridade na cidade. Esta medida é froito da moción presentada por
Ciudadanos aprobouse cos votos dos grupos do 
PP e do executivo local. 
O voceiro socialista aclarou que “A Coruña é unha
cidade segura”, pero que o Goberno é consciente das situacións que se viven na
actualidade. “Temos a responsabilidade de pensar no conxunto da cidadanía e
defender o dereito á propiedade privada sen complexos”. Tamén inistiu na
necesidade de “non mesturar as ocupacións ilegais das vivendas coa necesidade
de garantir o dereito a unha vivenda digna impulsando un parque de alugueiro”. 
Doutra banda, deuse luz verde  a moción relativa a mellorar a calidade de
vida dos maiores emendada polos grupos da Marea Atlántica e PSdG. Acordouse
desenvolver un plan municipal específico para a mellora da calidade de vida e combater
a soidade non desexada das persoas maiores antes de que finalice o ano con fin
de incluílo nos orzamentos. 
Ademais, os grupos votaron a favor da moción do BNG
encamiñada a pedir ao Estado a modernización da liña ferroviaria entre Lugo- A
Coruña-Ferrol e a realización da conexión co Porto de Punta Langosteira. O edil
de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada criticou a falta de visión metropolitana da
Xunta no eido das conexións ferroviarias que, na súa opinión, deben de ser
transferidas aos concellos. “A nosa obriga é loitar polas infraestruturas de
proximidade”, dixo durante a súa intervención. 
O Concello tamén solicitará á Xunta que declare o
ántigo cárcere provincial como Ben de Interese Cultural co compromiso do seu
mantemento e para evitar o deterioro que está a sofrer. A declaración deberá
levar aparellada un Plan Director de conservación que recoñeza a posibilidade
de realizar actividades socioculturais no inmoble. Ademais, o Goberno instará
ao Estado a executar as obras necesarias para garantir a conservación do
cárcere. A Corporación deu luz verde a moción do BNG (enmendada pola Marea
Atlántica) cos votos a prol de Ciudadanos e PSdG  e o voto en contra do Partido Popular. 
A moción dos nacionalistas (emendada pola Marea
Atlántica) para a prevención e loita contra a ludopatía e outras adiccións
contou co visto bo de toda a Corporación que acordou adoitar medidas
encamiñadas a concienciar a sociedade sobre o perigo que conleva aos máis
xóvenes. 
E, por último, a Corporación aprobou por unanimidade
unha declaración institucional pola mobilidade sostible que recolle as
reivindicacións dos colectivos cidadáns. 

No hay comentarios:
Publicar un comentario