Inés Rey recibe no concello
á representación da Confederación Española de Policía
A rexedora recibiu aos representantes da entidade para escoitar
as súas demandas en materia laboral
A Coruña, 6 de novembro de 2019.-
Esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, recibiu no consistorio aos representantes do
Comité Ejecutivo Provincial da Confederación Española de Policía (CEP), Borja
Varela Ramil, José Manuel Juncal García e Fernando Patiño García, no que foi
unha primeira toma de contacto institucional entre a entidade sindical e o
concello. A rexedora agradeceulles a súa visita a María Pita que serviu para
coñecer as súas principais reivindicacións en materia laboral.
Borja Varela valorou a reunión de forma "moi cordial e
positiva" posto que, explicou, "Rey escoitou todas as nosas peticións
e entendeu á perfección as necesidades" do corpo nacional. Entre estas
peticións, destacou, están "o impulso na demanda do aumento de número de
efectivos na oficina de denuncias e en radio patrullas”. Rey quixo coñecer a
situación dos axentes da Policía Nacional desprazados a Cataluña e
comprometeuse a “impulsar recoñecemento institucional do persoal que se
trasladou a Cataluña e agradeceu o seu labor para salvaguardar a seguridade dos
coruñeses e coruñesas".
A representación do sindicato de Policía Nacional tamén lle
pediu á rexedora que se potencie a un convenio de formación cos Bombeiros da
Coruña e o pintado da vía pública que dá acceso á Comisaría do distrito Sur, a
rúa Médico Devesa Nuñez.
O Goberno local reúnese co grupo
municipal do PP para negociar os orzamentos de 2020
Lage Tuñas agradeceu “a boa
disposición e actitude do PP” nesta primeira conversa e lembrou que as
negociacións coa Marea Atlántica e co BNG seguen sendo prioritarias no proxecto
do orzamento de 2020
A Coruña, 6 de novembro de 2019-
O Goberno local reuniuse esta mañá con representantes do grupo municipal do
Partido Popular no que foi unha apertura de conversas para o proxecto do
orzamento municipal do ano 2020. O encontro foi o último mantido entre o
voceiro socialista, José Manuel Lage Tuñas, e o seu equipo cos grupos da
Corporación municipal nesta primeira fase do proxecto do orzamento.
Canto á reunión, e facendo alusión á voceira popular,
Lage agradeceu “a boa disposición e actitude que hoxe nos trasladou o PP, máis
alá das diferenzas políticas e ideolóxicas” e explicou que “neste tipo de
reunións de apertura de conversas non se concreta nada pero déixanse as portas
abertas para poder sacar proxectos conxuntamente adiante” posto que “o grupo de
Goberno non ten cordóns sanitarios con ningún partido”. Deste xeito, o voceiro
manifestou que “isto demostra que hai unha nova forma de facer as cousas
poñendo por riba de calquera interese partidario os intereses das coruñesas e
coruñeses”.
Na rolda de prensa que se lles deu aos medios despois
da reunión, o voceiro socialista lembrou en reiteradas ocasións que “o Goberno
local fará un orzamento de xeito prioritario conformado coa Marea Atlántica e
co Bloque Nacionalista
Galego” posto que “son as formacións coas que hai
establecido un acordo de mandato” e, asegurou, “isto non impide que vaiamos
establecer as canles de comunicación razoables co resto de grupos municipais,
xa que as propostas, veñan de onde veñan,
se son positivas e encaixan na proposta de orzamento serán tidas en conta”.
Lage Tuñas detallou que “seguindo a metodoloxía que se
está a levar para o orzamento”, unha vez rematada esta primeira fase coa Marea
Atlántica e co BNG presentarase o proxecto que “non será pechado, senón que
responderá aos intereses da maioría social da Coruña”, xa que tanto o PP como
Ciudadanos poderán facer as súas achegas.
Por outra
banda, o voceiro do Executivo local tamén lembrou as liñas xerais do orzamento
de 2020: “A reactivación económica da cidade, as políticas de benestar social e
a aposta pola sustentabilidade dándolle prioridade a todo aquilo que teña que
ver coa mobilidade”. En definitiva, dixo, “os tres eixes sobre os que pivota o
proxecto que lidera a nosa alcaldesa e que son tres eixes irrenunciables para
nós”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario