Rey destaca os vinte anos dos galardóns cos que AJE distingue as
mellores persoas emprendedoras da provincia
A alcaldesa e a concelleira de Innovación, Eva Martínez Acón,
presentaron a vixésima edición dos Premios Emprende, organizados polo
colectivo, e que se outorgarán o 21 de novembro nunha gala en Finca
Montesqueiro
A Coruña, 6 de novembro de
2019.- A alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Innovación, Eva Martínez
Acón, participaron esta mañá na presentación do XX
Premio Emprende, organizado pola Asociación de
Jóvenes Empresarios-AJE Coruña, e que repartirá 27.000 euros en galardóns o
vindeiro 21 de novembro nunha gala en Finca Montesqueiro.
A rexedora destacou que a iniciativa do colectivo de
distinguir as mellores ideas emprendedoras que afloran na provincia é clave
para darlles aos mozos e ás mozas as pílulas necesarias para que non tiren a
toalla e valorou a traxectoria de vinte anos de AJE poñéndolles medallas a quen
hoxe “son un nome, un referente dentro dun campo en concreto. Quen subirá á
palestra o 21 tamén o será nun futuro. Supoñen riqueza e emprego, crecemento
económico nunha Coruña que necesita un impulso”.
A rexedora recordou que o tecido empresarial verase
beneficiado por un proxecto como a Cidade das TICS, da que poderán transvasar
tecnoloxía e darlles forma a novidades que melloren os seus produtos, avalados
por profesionais expertos”. Rey falou da importancia de ter a actitude axeitada
para que o emprendemento dea resultados, “esa actitude é a que temos que
distinguir” e insistiu en que esas “lampadiñas” que no seu día se acenderon,
hoxe son xa realidades que desde AJE queren aplaudir
para que se expandan e que a cidadanía as coñeza e transcendan máis alá de
Galicia e o Estado co fin de que se convertan en referentes, igual que o son
outras marcas coruñesas que hoxe “nos colocan como principais produtores en
sectores como a moda ou a alimentación”.
Pola súa parte, o presidente da Asociación de
Jóvenes Empresarios-AJE Coruña, Miguel Miragaya, explicou que os premios
abranguen dúas categorías e tres accésit cos que recoñecerán o labor daquelas
persoas “que deixaron a un lado temores e dificultades para crearen unha
empresa que xera riqueza”.
O único requisito que deben cumprir é que o capital
social das empresas
candidatas deberá estar participado nun 25% como mínimo por persoas
físicas menores de 41 anos. Poderán presentarse propostas ata o 15 de novembro
na asociación, onde se pode solicitar máis información. Ademais, os requisitos
están colgados en www.emprendecoruna.com e tamén se poden consultar a través do
teléfono 981 915 635 e no correo electrónico info@ajecoruna.com.
Inés Rey reúnese co alcalde de
Oleiros para abordar a continuidade da liña 1A
A alcaldesa comprométese a estudar a petición de Ángel García
Seoane antes de que remate o ano
A Coruña, 6 de novembro de 2019-
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse hoxe co alcalde de Oleiros, Ángel
García Seoane, co fin de abordar as melloras de mobilidade na área
metropolitana e máis concretamente no concello limítrofe oleirense. Á xuntanxa
tamén acudiu o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada. Rey escoitou a
demanda do seu homólogo de Oleiros de manter durante todo o ano o percorrido da
liña de autobús 1A ata Santa Cristina. A rexedora anunciou que estudará co
persoal técnico e xurídico do Concello a posibilidade de manter durante todo o
ano esta liña aínda que a priori non ve ningún problema para concretar esta
proposta do Concello de Oleiros.
O Goberno local aposta pola mellora das conexións do
transporte público entre a cidade e súa área metropolitana. “Temos que mellorar
e ampliar os servizos coa área metropolitana posto que A Coruña non pode estar
illada dos concellos que a rodean”. As cifras do servizo do pasado verán foron
boas, segundo o estudo da Compañía de Tranvías, polo que, apunta Rey, “trátase
dun servizo público que pode axudar a liberar a masiva entrada de vehículos
privados na cidade”.
Rey tratará con Mobilidade esta reivindicación e
espera ter unha resposta antes de que remate o exercicio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario