O Concello reforza a programación
familiar dunhas festas de María Pita para “pasalo ben mediante a cultura”
A concelleira de Festas, Diana Cabanas, presentou esta mañá o
programa que dará comezo o xoves co pregón no Concello e a actuación do grupo
Ketama e rematará o 25 coa romaría de Santa Margarida
A
Coruña, 30 de xullo de 2019.- A concelleira de Festas, Diana Cabanas, presentou esta mañá o
programa de Festas de María Pita, que darán comezo o xoves co tradicional pregón
a cargo da escritora Nieves Abarca, ás 21.30 horas, desde o balcón do Concello.
Con ela, a praza estrearase como
primeiro escenario de actuacións con Ketama, ás 22.30 horas, que dará paso o
venres á mesma hora á actuación de Mala
Rodríguez. Susana Seivane estará o sábado e Tequila pechará o domingo a primeira semana de concertos. No aparcamento
do pazo dos Deportes de Riazor, Los 40 Summer Live 2019 traerán os ritmos máis
frescos deste verán o día 3.
Por outra parte, o calendario
incluirá citas clásicas como o Festival de Habaneras, que tomará desde o venres
o paseo do Parrote, xunto co Festival de Folclore Internacional, que terá lugar
na praza de Pablo Iglesias. Pola súa parte, o Paseo Marítimo será protagonista
o 14, ás 23.00 horas, da Batalla Naval.
Para os máis pequenos, ábrese un
apartado, Cascarillarte, que empezará coa famosa Peppa Pig e Ben & Holly en
María Pita o 5 e irá rotando por distintos espazos con 20 espectáculos
dirixidos ao público familiar. Precisamente, a idea deste Goberno foi reforzar
a programación destinada a pais e fillos, polo que despois deste apartado
infantil, virá o XIX Festival Manicómicos con shows diarios distribuidos por
diferentes enclaves. Pola súa parte, a Banda Municipal ofrecerá tamén un ciclo
de concertos de balde nunha aposta por darlle ao público propostas musicais de
todo tipo. A concelleira destacou que a intención é a de “pasalo ben mediante a
cultura e a música, a literatura e o teatro serán os eixes sobre os que
pivotarán estas festas”.
Recordou tamén que o groso do
programa o pechou o anterior equipo e que trataron de darlle continuidade a
citas xa clásicas como o Festival de Habaneras, que volta ao centro e ao cartel
de autor, neste caso, obra de Gael Lendoiro, que quixo concentrar na
composición moitos dos eventos que lle proporcionan unha identidade aos
festexos xuntando a un avó e ao seu neto fronte a emblemas da cidade.
FEIRAS
A Feira de Artesanía encherá, pola
súa banda, de produtos feitos a man os xardíns de Méndez Núñez desde o xoves e
compartirá espazo coa Feira do Libro, que traerá as novidades editoriais e aos
autores do momento. Na segunda quincena, os postos mudarán para acoller a Feira
do Libro Antigo.
A música expandirase a segunda semana
polos distintos enclaves do Festival Noroeste desde a Fundación Luis Seoane á
praza de San Nicolás, onde se poderán escoitar grupos de diferentes xéneros do
6 ao 11 de agosto coa posta en escena na praia de Riazor de Patti Smith, o 9, e
The Sounds, o 10. Eles serán os cabezas de cartel dunha fin de semana que
contará cun apéndice no Paseo das Pontes co Mercado da Colleita.
O Castrillón continuará disparando
música de raíz a partir do 9 co Festival de Arraigo, dentro dun programa que voltará a María Pita na terceira semana
con “máis noites”, neste caso,
protagonizadas por formacións da cidade.
Borja Quiza & Orquesta Gaos, a
Escola Municipal de Música, a Orquesta de Cámara Galega, a Banda Municipal de
Música e Treixadura, a Orquesta Sinfónica de Galicia e o coro, Sito Sedes &
Garufa Blue Devils Big Band descargarán repertorios festivos nunha recta final
na que o clown e o teatro xestual virán da man do XIX Festival Manicómicos. Os
seus espectáculos encherán de maxia o parque de Santa Margarida e o Campo de
Leña en tres xornadas consecutivas ao mesmo tempo que Eirís, O Castrillón, Novo
Mesoiro e Pedralonga celebrarán os seus
respectivos festexos cunha serie de actividades para todos os públicos nun
agosto que rematará, como vén sendo habitual, en romaría. Santa Margarida será
o broche final o 25 nunha xornada gastronómica e festiva que rematará en
verbena e fogos artificiais.
Programa de las fiestas #MaríaPita19 En PDF
No hay comentarios:
Publicar un comentario