A Marea Atlántica valora con “cautela” os acordos de Feijóo e Rey e aconsella evitar o “triunfalismo”
A Área Metropolitana, as melloras nos colexios públicos,
e as políticas sociais son, parece, as grandes ausentes no pacto entre a
alcaldesa e o presidente da Xunta
Resulta preocupante que a “sintonía” con Feijóo sobre o
futuro dos terreos portuarios, tendo en conta que a última acción da Xunta foi un
intento de abrirlle á porta á especulación deixando fóra ao Concello.
O grupo municipal
da Marea Atlántica valora con cautela os resultados da primeira reunión entre a
alcaldesa Inés Rey e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrada
onte. Unha cousa é o triunfalismo dos anuncios propagandísticos e as fotos de
inicio de mandato e outra son os resultados reais. E o nulo compromiso de
Feijóo coa cidade da Coruña, que leva anos acumulando promesas incumpridas, non
invita ao optimismo.
Na lista de acordos difundida a través dos medios de
comunicación atópanse, ademais, chamativas ausencias. Non podemos saber o que
se fala a porta pechada, pero de cara á cidadanía, e a falta de que a alcaldesa
dea traslado do contido da conversa á Corporación, nada se dixo das obras
pendentes nos colexios públicos da Coruña, pese a que algúns levan décadas
agardando polos seus patios cubertos.
Hai doce anos, en novembro do 2006, a Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Coruña asinaron un
convenio para a construción de patios cubertos en centros de educación infantil
e primaria. Unhas obras necesarias para ter un espazo de recreo nos días, moi
frecuentes, de choiva. Mentres o Concello da Coruña cumpriu todos os seus
compromisos no pasado mandato, a consellería acumula atrasos nos CEIP Labaca,
Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta.
En xeral, nada se mencionou de políticas sociais: nin da
eliminación do copagamento na axuda a domicilio, nin da imprescindible reforma
da RISGA —reclamada por numerosos colectivos sociais—. Nin da delegación das
competencias sobre todas as escolas infantís públicas da Coruña, para que o Concello poida xestionar unha única rede de centros
educativos de 0 a 3 anos, que debera ser gratuíta a partir do curso 2020-2021
en virtude do acordo asinado o pasado 5 de xullo pola Marea Atlántica e o PSOE.
O silencio acompañou tamén á constitución da Área
Metropolitana da Coruña, cuxo primeiro paso ten que darse no pleno municipal de
outubro, pero que precisará tamén do apoio da Xunta para saír adiante. Ou,
cando menos, esixirá que nin o PP nin o Executivo galego a bloqueen.
Porén, celebramos que tanto o goberno municipal como a Xunta
asuman o modelo que o goberno da Marea Atlántica deseñou para a terminal de
autobuses da Estación Intermodal, un proxecto que a integra na cidade e traerá
melloras para a mobilidade nos Mallos e na Sardiñeira. Mágoa que non o fixese
antes, en lugar de perder anos de obstinado bloqueo a mans da conselleira Ethel
Vázquez.
Vixilancia sobre o futuro do bordo litoral
Resulta moi preocupante que á hora de falar do futuro dos
peiraos interiores da Coruña, a alcaldesa amose a súa “sintonía” co presidente
da Xunta. Cómpre lembrar que a actuación da Xunta de Galicia no caso dos
terreos portuarios da Coruña foi, polo de agora, contraria ao interese xeral.
En 2017, Feijóo tentou selar un pacto a porta pechada que blindaba a
especulación inmobiliaria en San Diego e deixaba fóra ao Concello da Coruña.
Toda “sintonía” con esta forma de facer atoparanos en fronte.
O futuro do bordo litoral é unha cuestión central no
desenvolvemento urbano da cidade da Coruña. Como é central no pacto da Marea
Atlántica co PSOE da Coruña para o inicio do mandato, nunha liña ben distinta
da que seguiu ata o de agora Feijóo, baseada en recuperar a fachada marítima
para a cidade, con titularidade pública do solo e iniciativa pública na súa
transformación, condonación da débeda da Autoridade Portuaria e conservando
usos produtivos limpos e innovadores, espazos abertos e equipamentos públicos.
Manteremos unha firme vixilancia para que o goberno municipal non se desvíe
deste acordo.
Ría do Burgo, unha broma pesada
Finalmente, resulta chocante escoitar a representantes do PP
e o PSOE facer promesas sobre o saneamento da Ría do Burgo. O problema da contaminación
da ría coñécese desde os anos oitenta, e fálase de plans de saneamento desde
comezos dos 2000. Nese tempo, os dous partidos alternáronse nos gobernos da
Xunta e o Estado e tiveron decenas de orzamentos ao seu dispor para demostrar
con cartos o seu compromiso co coidado ambiental. Nunca o fixeron, e deberían
empezar canto antes a exercer a súa responsabilidade ecolóxica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario