O Goberno local pídelle á Xunta que dialogue cos municipios o
novo plan de liñas de bus comarcal 
A
Concellería de Mobilidade ve primordial un traballo en conxunto entre os entes
locais de cara a optimizar as condicións do novo servizo, que entrará en marcha
en 2020 
A Coruña, 27 de xullo de 2019.- O Goberno local solicita á Xunta que
dialogue coa cidade e a área metropolitana o plan de liñas do bus comarcal, que
na actualidade, someteu a exposición pública de cara a sacar a concurso a
finais de ano as novas concesións.  
O Concello ve primordial que o Goberno autonómico
teña en conta aos entes locais no novo servizo que dará cobertura aos concellos
coruñeses e que se prevé entrará en marcha no primeiro semestre de 2020. Piden
por iso que consulten e negocien entre todos o anteproxecto para definir como
serán os itinerarios e as condicións das 41 liñas de autobús que se adxudicarán
nun mesmo lote, “Leste da comarca da Coruña”, e que terá vigor nun período de
dez anos prorrogables para unir A Coruña con A Laracha, Bergondo, Betanzos,
Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Ordes e Sada.  
Desde a Concellería de Mobilidade estiman que é necesario un traballo en
conxunto entre todas as administracións de cara a optimizar o servizo en canto
a horarios e rutas, incluída a que levará aos viaxeiros de Alvedro para que
poidan facer uso da mesma os pasaxeiros dos primeiros e dos últimos avións que
operan na terminal coruñesa. 

No hay comentarios:
Publicar un comentario