O Concello poñerá en marcha unha nova oficina de voluntariado
O
servizo comezará nos vindeiros meses en María Pita e a idea é que ocupe un
espazo nas naves de Metrosidero no futuro para informar dos proxectos postos en
marcha polas distintas entidades sociais de cara a engrandecelos e botar a
andar un programa propio de cooperación xuvenil
A Coruña, 27 de xullo de 2019.- A Concellería de Igualdade,
Benestar Social e Participación poñerá en marcha a primeira oficina de
voluntariado xeral e xuvenil, que ocupará temporalmente o departamento de
Participación Cidadá, sito no pazo de María Pita, pero que terá un espazo
definitivo en canto estean operativas as naves de Metrosidero.
O servizo comezará a funcionar nos vindeiros meses co fin,
primeiro de informar, orientar e asesorar a quenes teñan interese de facer un
labor de voluntariado en algunha das entidades sociais que na actualidade están
desenvolvendo proxectos na cidade. Desde a oficina, os usuarios poderán coñecer
que significa ser voluntario e que obrigas ten quen o acepta, así como os
compromisos que se adquiren e os colectivos coruñeses que teñen abertas
iniciativas de cooperación. Tratarase por tanto de darlles fidelidade aos que
levan atendendo demandas sociais desde hai anos para que o resultado dos seus
traballos abarquen a máis poboación.
Na actualidade, están abertas a nivel municipal tres vías
para exercer o voluntariado en espazos e actividades públicas como son as
bibliotecas, onde se dá un servizo de préstamos a domicilio para persoas que
están enfermas ou teñen algún tipo de discapacidade e non poder acudir aos
centros. Tamén se dispensa axuda aos maiores que son usuarios dos centros
cívicos e hai voluntarios para as grandes citas deportivas co obxectivo de
garantir unha organización óptima dos eventos e asistir aos participantes en
caso de que faga falta.
Coa
apertura deste novo servizo, Igualdade, Benestar Social e Participación quere
reforzar a acción social da cidade a nivel de voluntariado e aumentala con
novas opcións para os mozos coruñeses.

No hay comentarios:
Publicar un comentario