O Concello valora positivamente a aceleradora de videoxogos que
creará a produtora Gato
Salvaje
Os responsables da empresa calculan que poderán dar traballo a
preto de 200 profesionais en tres anos. Tamén se ofreceron a colaborar e formar
parte do proxecto Cidade das TIC e compartir nel a súa experiencia
A Coruña, 2 de agosto de 2019.- A alcaldesa
Inés Rey e a concelleira de Innovación, Eva Martínez, e os responsables da
produtora coruñesa Gato Salvaje, Fernando Prieto e Sergio Prieto, mantiveron un
encontro para coñecer en detalle o proceso de creación do videoxogo “The
waylanders”, que na actualidade se atopa en fase de produción, pero que estará
dispoñible no mercado en 2.020.
A alcaldesa amosou a súa dispoñibilidade a colaborar
no seguinte reto, que pasará por crear unha aceleradora de videoxogos, que
sirva de fonte de emprego para a cidade. Desde Gato Salvaje, calculan que a
través dela poderán dar traballo nun período de tres anos a preto de 200
profesionais e que a súa empresa verá duplicado o seu cadro de persoal a finais
do ano que vén.
Neste aspecto, Gato Salvaje ve na Cidade das TIC unha
oportunidade, por iso que os seus responsables se ofreceron a colaborar e
formar parte dela para converter o proxecto industrial e tecnolóxico nunha
especie de “Silicon Valley” coruñés. Por outra parte, a alcaldesa e a
concelleira valoraron positivamente a presenza da Coruña en “The waylanders” xa
que este tipo de produtos son imán para os turistas que logo de ver as paisaxes
recreadas da cidade se animarán a coñecelas de primeira man.
A CORUÑA, PROTAGONISTA
Será o primeiro videoxogo que terá Galicia e A Coruña
como escenarios dunha historia ideada con saltos temporais, de forma que o
xogador pasará da Brigantia celta á cidade no medievo. Os responsables da
criatura explicaron que a Torre de Hércules
será guía e estará presente en todos os momentos da partida, xa sexa na súa
primeira versión como na medieval, deseñadas ambas libremente.
Arredor dela, xirarán as distintas lendas e
mitoloxías coruñesas con personaxes que non serán planos. Transmitirán emocións
e contarán cun vocabulario de 250.000 palabras.
Os autores sinalaron que a peza foi posible, en
parte, polos talentos que saíron dos cursos formativos que deron desde a
produtora e que financiou o Concello. Dos 73 que recibiron clases, 27 quedáronse
a traballar na súa sede do centro de empresas Accede Papagaio.
O videoxogo presentouse na pasada Gamescom de Colonia, a
maior feira do mundo en asistencia de público, con máis de 380.000 visitantes.
Durante o evento, apareceu en portada na segunda revista mundial do sector,
“PCGamer”, con máis de 50 millóns de lectores mensuais, e en 200 artigos de 30
países.
No hay comentarios:
Publicar un comentario