O Concello dá os primeiros pasos para asegurar os accesos á Intermodal
O
Goberno local garante cos cambios no Plan Xeral os accesos á futura estación
A Coruña, 25 de setembro de 2019.- O
edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno
Local aprobu a primeira das modificacións do PXOM necesarias para iniciar os
traballos dos accesos á Intermodal, tal e como está reflectido no proxecto da
estación, e confimou que a concellería está a traballar no segundo cambio que
afectará á avenida da Sardiñeira, á praza da estación e á propia estación.
Deste xeito, dixo o concelleiro, o Concello cumpre coa súa
parte no proxecto de construción da Intermodal: adaptar a normativa urbanística
para garantir os accesos e realizar obras de urbanización da contorna que
melloren a zona.
No ámbito urbanístico, a Corporación deulles luz verde a
outras dúas modificacións do Plan Xeral; unha que lle afecta ao polígono de Vío
e outra no ámbito do Paseo Marítimo na antiga cetaria Otamar. Con estes
cambios, o Goberno local cumpre coas sentenzas do TSXG que obrigan no caso de
Vío a recoller a ordenación do plan parcial do polígono xa executado, que lle
afecta ao vial 5 do plan parcial e á edificabilidade de 5 bloques, e no caso da
cetaria Otamar, a modificar a servidume de costas proposta polo Plan Xeral para
reducila ao mínimo obrigado que son 20 metros. Mantense o uso como espazo libre
da parcela da cetaria e incorpórase a posibilidade de poder expropiala e
ampliar a zona verde nese tramo.
Doutra banda, a nova comisión asesora do Plan Especial de
Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescaría PEPRI estará presidida pola directora da Área
de Urbanismo, María Hernández e composta polos tres expertos designados polo
Concello; o arquitecto Alfonso Díaz Sevilla, o arqueólogo Felipe Arias Vilas e
o historiador Alfredo Vigo Trasancos, os encargados e responsables da
tramitación de solicitudes, e por técnicos da Consellería de Cultura e Turismo
da Xunta elixidos polo seu órgano competente.
Durante a sesión, a Xunta informou da concesión entre o 5 e
18 de setembro de 33 licenzas, e dos 101 expedientes de obras en réxime de
comunicado e 44 en réxime de comunicación previa que se resolveron e fixou o
día 25 de febreiro (martes de Entroido) e o 7 de outubro (Festividade da Virxe
do Rosario) como festivos locais para 2020, despois de que a Xunta declarase
como non laborable o día de San Xoán para toda Galicia.
A orde do día recollía varios asuntos de carácter xurídico.
Neste senso, o Concello acordou comparecer no recurso interposto pola compañía
Enersol Eólicas, SL contra a taxa de recollida e tratamento do lixo do ano
2018.
Tamén ten previsto comparecer no preito interposto pola
Compañía de Tranvías polo pago do mantemento e a conservación das instalacións
do tranvía no marco do contrato para a prestación do servizo de transporte
público mediante tranvías no período 2011-2017.
O Concello acudirá
ao outro dos preitos interpostos por Tranvías, polo
pago de facturas ordinarias que consideran que o Concello debe abonar para
asumir a parte do financiamento da Tarxeta Millennium e bonos sociais que lle
corresponde no periodo de outubro de 2017 a decembro de 2018.
A Coruña acolle o VIII
Encontro Artes pola Integración, unha iniciativa multidisciplinar
"que axuda a tecer relación entre o ámbito social e o
cultural"
O
concelleiro Jesús Celemín participou na presentación da nova entrega do ciclo
que terá lugar esta fin de semana en espazos como a Fundación Luis Seoane e o
Centro Ágora
A Coruña, 25 de setembro de 2019.-
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá a oitava
convocatoria do encontro “Artes pola Integración”, unha programación
participativa que ten como obxectivo favorecer a inclusión social a través da
cultura. Así, as artes escénicas, música, artes visuais, cine, conferencias e
formación confluirán do 27 ao 29 de setembro nunha variada programación en
diferentes espazos da cidade.
Tal e como destacou o edil de Cultura, a iniciativa
“presenta un enorme interese para a cidadanía pola súa clara aposta pola
inclusión social a través das artes". A directora artística do encontro,
Carlota Pérez, falou da necesidade de realizar proxectos culturais para a
diversidade: “é un exercicio de responsabilidade para poñer en mans dos
distintos grupos sociais as plataformas e ferramentas necesarias coas que
comunicarse e favorecer a inclusión social a través da cultura”.
O proxecto parte nesta edición da idea do abandono e a
arte, polo que os espazos en desuso da cidade terán un protagonismo masivo en
diferentes espectáculos e talleres. Unha metáfora do abandono social que sofren
aquelas persoas con diversidade funcional que precisan ser visibilizadas.
Entre as propostas que formarán parte deste VIII Encontro
está o espectáculo “Palabras que habitan corpos”, na Fundación Luis Seoane, e o
de "Danza Líquida" na praza da Constitución --o venres 27 de
setembro, ás 20.00 e 21.15 horas--. O sábado 28 pola mañá, a Fundación María
José Jove acollerá diferentes mesas de reflexión participativas no marco dunha
xornada na que se abordarán diversos proxectos de inclusión social a través das
artes. A programación continuará pola tarde nun novo escenario, o antigo
Sanatorio de Oza nas Xubias e incluirá unha mostra
da peza de danza “Límites” seguida dunha mesa redonda con Dani Vieito e Mercedes Peón. Xa o domingo 29, será a quenda de Dani
Vieito co seu traballo “Vida en el Puente Pasaje” e o de Amelia Coppel e
Gonzalo Negreira que impartirán un curso de SicoDanza para profesionais -de
12.00 a 14.00 horas no Centro Ágora-.

No hay comentarios:
Publicar un comentario