O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia o Concello da
Coruña retiroulle o apoio no servizo de comedor a un menor cun trastorno do
espectro autista durante as horas de comedor, alumno do CEIP Ramón de la Sagra.
Sen motivo e sen previo aviso, o goberno municipal non renovou neste novo curso
escular a axuda que este menor precisa e coa que contaba anteriormente.
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, o
covoceiro, Iago Martínez, e a concelleira Silvia Cameán reuníronse hoxe con
representantes da ANPA do CEIP Ramón de la Sagra, para coñecer de primeira man
o caso. Comprometéronse a preguntar ao Partido Socialista polos motivos para
deixar sen atención a un alumno con necesidades especiais. Instamos, ademais,
ao conselleiro de Educación, Jesus Celemín, a reunirse coa ANPA, que o
solicitou o 6 de setembro e aínda non tivo resposta.
Programa Poténciate
No anterior mandato, o goberno da Marea Atlántica puxo en
marcha o programa Poténciate , que ofrece unha
bolsa de horas para dar cobertura ás necesidades de reforzo educativo nos
centros públicos de ensino e nos centros cívicos, sempre difíciles de cubrir
cos minguantes orzamentos da Xunta neste eido.
A través deste programa, o Ramón de la Sagra recibía os
recursos para darlle o debido apoio ao menor, solicitado pola ANPA e concedido
polo servizo municipal de Educación. É un xeito de fomentar a equidade e a
inclusión no ensino público, e de ofrecerlle a todas as persoas as mesmas
oportunidades, combatendo o fracaso escolar.
Por iso, resulta incomprensible que o actual goberno non lle
ofreza ningunha solución á ANPA. O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, nin
sequera atendeu a petición de reunirse e o servizo de comedor escolar comezou o
día 11 de setembro.
O Concello responde con información falsa
A resposta do Concello da Coruña chegou a través dunha not a de prensa na que se desentende do problema,
empregando información falsa para xustificarse. Non é certo que o programa Poténciate non quedar contratado para o presente
curso. Existe un contrato en vigor para o ano 2019, e no traspaso de poderes,
entrégouselle ao concelleiro Jesús Celemín o contrato para o ano 2020, que xa
está en licitación.
Tampouco é certo que non poida usarse para outras funcións
distintas do reforzo educativo. De feito, a bolsa de horas que estaba a
ofrecerlle apoio a este alumno creouse especificamente para estas tarefas. E o
apoio foi solicitado e aprobado pola directora do colexio Ramón de la Sagra.
O único certo é que dar apoio a menores con necesidades
especiais é competencia da Xunta de Galicia, pero se o goberno de Feijóo non
fai o seu traballo, o Concello pode e debe cubrir esta necesidade. Fíxose no
anterior mandato neste caso concreto, ao igual que se asumiron numerosas obras
en centros de ensino. Jesús Celemín ten que asumir que agora forma parte do
goberno da Coruña, e a súa obriga é dar solucións á veciñanza, non poñer escusas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario